Ferrol, 27 de xaneiro de 2022

Ferrol en Común vén de manter unha xuntanza coa Asociación da Intrabarrial de Canido, a cal deulle traslado dun proxecto para o barrio que se podería incluír dentro das iniciativas que agardamos que o goberno municipal presente para optar aos fondos de Transición Xusta.

Esta iniciativa ten que ver coa rehabilitación do edificio de suboficiais do barrio de Canido, no que actualmente desenvolve a súa actividade en precarias condicións a asociación Aspaneps, adicada a mellorar a calidade de vida dos nenos e nenas con problemas psico-sociais, sen alternativa na sanidade pública, e quedando baleiro o resto do edificio polas súas condicións inhabitables.

FeC propón a súa rehabilitación integral e sostible a través destes fondos para a transición ecolóxica, o que viría a mellorar considerablemente a actividade que desenvolve unha asociación fundamental para a saúde dos nenos e nenas da nosa cidade e consolidaría o seu espazo de traballo. Así mesmo, o resto do edificio podería ser adicado a creación dun FabLab, unha iniciativa pioneira coa que a veciñanza tería a posibilidade de experimentar coa fabricación dixital e programación, potenciando proxectos de emprendemento; o resto do edificio quedaría dedicado para a posta en marcha dun centro de día interxeneracional, altamente necesario tendo en conta o elevado envellecemento da poboación.

Os Fondos de Transición Xusta contan cun total de 91M€ para todos os municipios de España situados en zonas afectadas pola transición enerxética, coma é o caso de Ferrol, que se atopa dentro da área de afectación polo peche da central térmica de As Pontes. Estes fondos servirán para a rehabilitación de edificios públicos para novos usos sociais e o fomento do emprendemento, así coma a recuperación de espazos naturais ou posta en valor do patrimonio.

Por iso, FeC considera fundamental que o goberno local preste especial atención a estas axudas e traballe con determinación para presentar á vindeira convocatoria os proxectos que máis favorezan a nosa cidade e por iso promoveremos unha xuntanza entre o Alcalde, asociación da Intrabarrial de Canido e outras entidades interesadas no proxecto para poñelo en marcha canto antes, levando deste xeito unha proposta veciñal aos Fondos de Transición Xusta.

Do mesmo xeito, instamos ao goberno municipal a que comece a realizar canto antes os trámites necesarios co Ministerio de Defensa para a cesión do edificio de suboficiais, unha cuestión fundamental para converter a este edificio decrépito nun espazo social e de emprendemento para toda a veciñanza da cidade.