Ferrol, 10 de febreiro de 2022

De todas é coñecido que van case 2 anos dende que o consultorio médico de Manuel Comellas no barrio de Ferrol Vello, polo que pasaban máis de 1000 de pacientes, pechou as súas portas co compromiso de reabrir de novo. As escusas dadas neste tempo pola Xunta de Galicia foron diversas, dende pechar polo período estival, pola pandemia da Covid-19 ou pola realización de obras de reforma. Na actualidade, as obras xa se executaron, non estamos en período estival e a Covid-19 aínda que segue presente vai rebaixando a súa incidencia e xa non é motivo para manter centros de saúde pechados.

Durante estes 2 anos a Asociación Veciñal de Ferrol Vello presentou en numerosas ocasións diferentes escritos solicitando a apertura do consultorio, convocou dúas mobilizacións onde houbo gran afluencia de veciños e veciñas e demandou publicamente a necesidade da súa apertura, ademais de visibilizar a súa preocupación polo que parece un recorte sanitario máis da Xunta de Galicia, cuestións e demandas que dende Ferrol en Común compartimos e apoiamos activamente, facéndoas constar en dúas mocións presentadas no Pleno e aprobadas por unanimidade, a última delas o pasado mes de xaneiro.

Coma dicimos, actualmente non coñecemos ningunha nova escusa da Xunta de Galicia que motive ter pechado o consultorio médico, polo que dende FeC instamos tanto ao Alcalde, Ángel Mato, para que se involucre neste asunto coa seriedade necesaria e realice as xestións necesarias para lograr a súa apertura; así coma á nova Delegada Territorial da Xunta, Martina Aneiros, para que intermedie coa Consellería de Sanidade e reábrase este consultorio que consideramos fundamental para un barrio cunha poboación altamente envellecida.