Ferrol, 17 de febreiro de 2022

No día de hoxe, Saínza Ruíz, concelleira de FeC ven de solicitarlle ao goberno municipal a reapertura dos comedores sénior, un servizo que contaba con 5 comedores en diferentes barrios coma Ensanche A, Canido, Esteiro, Caranza e San Pablo, os cales antes da pandemia, estaban a funcionar con grande éxito e gozaban dun gran número de usuarios e usuarias.

Estes comedores sénior contribúen a paliar a soidade das persoas maiores, sendo unha boa ferramenta para a sociabilización, ademais de garantir unha alimentación adecuada e saudable para os maiores, polo que dende FeC consideramos que é un servizo fundamental que se debe recuperar para a cidadanía.

Durante a Covid, os comedores pecháronse seguindo as medidas de seguridade, coincidindo tamén co fin do seu contrato. Xa en agosto do 2020, o goberno municipal informou de que se estaba a elaborar un análise estratéxico do servizo de comedores sénior cara a súa futura licitación, por valor de 8000€. Dende aquela non temos noticias nin do análise, nin dunha futura apertura dos comedores.

FeC propuxo na comisión comezar por 2 dos 5 comedores sénior, como son o de Canido que inaugurou este grupo municipal durante o seu mandato con gran interese veciñal e o do barrio do Inferniño en Río Xubia, o cal tiñan gran auxe por ser o centro histórico onde comezou o servizo xa que se xogaba ás cartas no entorno das vías do tren, e grazas ao esforzo das persoas maiores logrouse que se abrira un centro social municipal público de maiores.

Dende FeC consideramos que estar pendentes dun estudo privado de 8000 euros, o cal descoñecemos se elabórase dende a perspectiva do persoal técnico social municipal, algo que se facía con esa supervisión directamente dende o propio funcionariado da area de Benestar e contando coa opinión dos preto de 60 usuarias/os habituais do servizo mediante enquisas, estables durante varios mandatos anteriores.

Dende FeC propoñemos abrir a través do rexistro público do concello unha pre-inscripción, como se viña facendo no pasado, que ten que se publicitar para ver o interese da cidadanía e reforzar o funcionariado público que facía este traballo mediante informes técnicos sociais para seguir mellorando este servizo público. Pero non debe servir de escusa para seguir eliminando servizos para o benestar, os cales iban encamiñados a mitigar a soidade e moito menos a sustituir ao persoal público dos servizos sociais por voluntariado ou fundacións e privatizar esta supervisión e informes técnicos sociais do persoal público por outros de índole máis económica, xa que se entende que é un servizo de interese público que non debe ser visto dende a óptica da rendibilidade económica por pertencer ao Benestar Social.

FeC insiste en que se retome o estudo deste servizo mediante o reforzo e cobertura de baixas do persoal público como se viña facendo, non agardando un estudo privado do que polo de agora non se sabe que perspectiva social aplica, nin se coñecen as súas conclusións por parte da oposición.

Así mesmo, cremos que esta sociedade ten unha débeda para axudar ás persoas maiores a sentirse acompañadas e socializar que na situación actual, con todas as medidas sanitarias e a evolución da pandemia, ten que avanzar para retomar a vida sen quedarse ancladas no 2020, xa que nas persoas maiores sentirse en soidade é outra pandemia.