Ferrol, 19 de febreiro de 2022

FeC quere poñer o foco na problemática do xogo e as casas de apostas, unha preocupación que ten cabida en todas as administracións públicas, pois dende todas elas pódense tomar medidas para limitar, protexer e previr os estragos que pode causar o xogo nas persoas e na sociedade.

Os datos falan por si sós e móstranos unha realidade na que, segundo as cifras do GGR (Gross Gaming Revenue), no 2019 houbo un total de 1.367.300 xogadores e xogadoras activos, o que supón un aumento do 7,15% respecto ao ano anterior. As cantidades apostadas tamén medraron en 5 millóns de euros aproximadamente entre un ano e outro. Estas cantidades non só corresponden ás apostas deportivas, se non tamén ao póker, casino e bingos virtuais. Ao mesmo tempo, o sector do xogo gastou en publicidade e patrocinios máis de 200 millóns de euros. En España hai máis de medio centenar de empresas con licenza para o negocio on-line e presencial.

Cabe poñer de manifesto que segundo os datos recollidos no Análise do perfil do xogador, elaborado pola Dirección Xeral de Ordenación do xogo, o 83,46% das persoas que apostan teñen idades compendidas entre os 18 e 45 anos, atopándose o maior volume entre os 25 e 35 anos e o maior crecemento entre os de 18 a 25 anos. Cifras máis que preocupantes coma para tomar medidas ao respecto, coma está a facer o Ministerio de Consumo aprobando o Real Decreto de comunicacións comerciais pola que se regula a publicidade das apostas e os xogos online, a reorientación da taxa do xogo cara a prevención da ludopatía ou a incorporación da figura do consumidor/a vulnerable.

Pero non só dende o goberno estatal pódense pasar á acción para controlar o xogo, por iso, Ferrol en Común, presenta esta moción coa que instar ao goberno local a adaptar as súas normas á realidade social, económica e tecnolóxica da actividade do xogo antes de que se converta nunha secuela sen retorno.

Entre as medidas que propoñemos destacan as seguintes:

  • Revisar e modificar as ordenanzas urbanísticas para incluír limitacións ao establecemento de casa de apostas nas inmediacións de espazos frecuentados pola infancia e mocidade, coma son os centros educativos, culturais, deportivos ou xuvenís, determinando para elo unha distancia mínima entre eles e os locais de xogo. Así coma incluír estas mesmas restricións no futuro PXOM.
  • Modificar a Ordenanza de Publicidade para que regule a eliminación de calquera cartelaría do mobiliario urbano ou do espazo público deste tipo de establecementos, ceñíndose exclusivamente aos carteis do propio local incluíndo unicamente o nome e sen ningún tipo de publicidade.
  • Realizar campañas e actividades informativas nos centros escolares para profundar no uso que fan os mozos e mozas dos xogos on-line e de apostas, así coma os posibles problemas derivados deste uso.
  • Reforzar a formación da Policía Local de modo que se familiaricen coas infraccións máis habituais relacionadas coas apostas e o xogo, particularmente no acceso de menores de idade, persoas incapacitadas legais e persoas co acceso ao xogo legalmente restrinxido.
  • Solicitar aos equipos deportivos locais e aos seus xogadores e xogadoras a colaborar para que non se identifique o deporte coas apostas, asumindo a súa responsabilidade social, eliminando a publicidade das casas de apostas, poñendo en marcha campañas de concienciación e non asinando convenios de colaboración, nin patrocinios a entidades deportivas que fagan publicidade das casas de apostas.
  • Creación dunha taxa específica pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local, que teña que ser abonada polos establecementos que instalen pantallas ou outro tipo de dispositivos para desenvolver a súa actividade empresarial con fronte directa á vía pública ou en liña de fachada.

Dende FeC somos conscientes de que o xogo patolóxico é un trastorno que figura entre as adiccións de tipo comportamental nas clasificacións médicas e psicolóxicas. Consiste na perda do control do comportamento en relación ao xogo que se caracteriza por ter graves consecuencias para as persoas como problemas académicos, laborais, económicos, sociais e/ou legais asociados ao xogo.

Polo que agardamos que se lle dea a esta moción a importancia que ten e non só sexa aprobada por unanimidade por todos os grupos municipais, se non que o goberno local cumpra e adopte as medidas que aquí se expoñen para controlar o xogo e previr da ludopatía a toda a sociedade e en especial aos máis mozos e mozas.