Ferrol, 21 de febreiro de 2022

En agosto de 2020, en plena explosión dunha pandemia que lastrou toda actividade social, cultural ou deportiva, vencía a homologación das pistas de atletismo da Malata. Nun exercicio de boa fe, a entidade renunciou a parte da subvención municipal, co fin de acometer as obras necesarias para continuar a súa labor, cun club feminino en división de honra e unha actividade de base consolidade e nutrida de nenos e nenas de toda a comarca. O Ría de Ferrol confiaba que mentres perdurasen as restricións se puidesen desenvolver as contratacións precisas co tal fin.

O Concello tramitou un expediente de contrato menor, cunha única oferta, é dicir, sen ningún tipo de concorrencia, por valor de 34199,73€ para Arreglo de deficiencias nas pistas de atletismo da Malata , tal e como figura no portal de transparencia do Concello de Ferrol. A execución da obra foi adxudicada o 20 de novembro de 2020

A falta de pluralidade de ofertas xa é en si mesma unha actividade cuestionable, e máis cando a falta de publicidade impide que empresas especializadas poidan concorrer, con coñecementos técnicos precisos para acadar a homologación. Así é, que catorce meses despois da adxudicación as pistas continúan sen homologar, impedindo que a única cidade das tres comarcas con pista de atletismo homologada teña continuidade na celebración de campionatos de ámbito nacional ou autonómico.

Esta pasividade, sen esixencias cara a empresa contratada, ou a subsanación con outro tipo de contratación para a homologación, demostra en primeiro lugar unha falta de respecto cara a unha entidade que renuncia á súa subvención con ese único fin. E, en segundo lugar, demostra a escasa altura de miras deste goberno local, ou o descoñecemento da súa realidade fora do pazo municipal, toda vez que os campionatos de atletismo son tamén un tractor da economía local, xa que atraen numerosos visitantes á nosa cidade, acompañantes dos nenos e nenas que participan e, ao mesmo tempo, fomenta o incremento de persoas usuarias das pistas, motivadas por un espírito competitivo saudable e respectuoso.

Ferrol en Común considera que non se debe dilatar máis a homologación das pistas e insta ao goberno local a dar os pasos precisos de forma inmediata para subsanar e compensar, ano e medio despois, a xenerosidade do Ría de Ferrol renunciando á subvención, homologando, con todos os trámites precisos para iso, as Pistas de Atletismo da Malata.