Ferrol, 18 de marzo de 2022

Na mañá de hoxe, Ferrol en Común arroupou aos traballadores do servizo de mantemento de parques e xardíns na rolda de prensa que ofreceron para denunciar a situación na que se atopan e para a que levan reclamando solucións todo o tempo que vai de lexislatura.

Para poñer en antecedentes, o servizo de mantemento de xardíns leva sen contrato dende 2009, foron moitos os intentos de realizar un novo prego de condicións que aglutinara todas as melloras, as demandas e as necesidades que ten este servizo pero os intentos quedaron frustrados ata este momento no que os traballadores xa se atopan nunha situación grave, coma hoxe explicaban en rolda de prensa.

Na actualidade son moitas as circunstancias que mudaran e atópanse cunha maquinaria vella, sen adaptar as tarefas que teñen que levar a cabo e sen cumprir as condicións necesarias para realizar un servizo de calidade. Doutra banda, as instalacións das que dispoñen atópanse nun estado lamentable onde nin se queira dispoñen de auga quente. Así mesmo, a superficie de traballo cada vez é maior e os traballadores cada vez son menos e en peores condicións laborais, unhas condicións que poderían mellorar en canto o prego do contrato estea aprobado polo goberno, pois os propios traballadores teñen acordado coa empresa unha mellora nas súas condicións laborais pero non serán aplicables ata que estea en vigor o novo contrato co concello. Polo que, cada día que pasa están a traballar en precariedade e sen os recursos adecuados agardando a que o goberno socialista teña a ben aprobar o novo prego.

Ese novo prego leva a voltas case 2 anos, un tempo no que abundan as boas palabras e as promesas por parte do goberno pero nin unha soa actuación, nin un só avance na elaboración do prego. Neste sentido, os grupos da oposición xa reclamamos varias veces transparencia e participación na elaboración do prego, coa fin de coñecer o seu contido e poder melloralo sempre en prol dos traballadores, unha demanda que compartimos con eles. Ata o día de hoxe silencio, non temos nin unha soa noticia, nin un borrador dese prego.

Dende Ferrol en Común, non entendemos coma un goberno socialista coma parecía ser o goberno de Ángel Mato, mantén bloqueado un acordo entre empresa e traballadores de mellora de condicións laborais por non lle dar celeridade a un prego dun servizo tan fundamental para unha cidade coma é o de parques e xardíns.

FeC súmase ás demandas do persoal de parques e xardíns e apoia as súas reclamacións, coma xa fixo coa presentación dunha moción no mes de outubro de 2020 e que se está a incumprir cada día que pasa por parte do goberno de Mato.

FeC considera moi grave a actitude que está a ter o goberno municipal fronte a un tema de cidade coma é este prego do servizo de parques e xardíns, mantendo enquistado o asunto pola súa nefasta xestión. O alcalde Ángel Mato non está a cumprir coa oposición pois non informa da tramitación do prego e elimina toda posibilidade de participación no mesmo, non está a cumprir coa veciñanza pois ter o contrato de xardíns paralizado repercute no mantemento da nosa cidade e por suposto non está a cumprir cos traballadores, condeándos a seguir nunha situación precaria por culpa da súa mala xestión.