Ferrol, 29 de marzo de 2022

Ferrol en Común presentou tres mocións para o seu debate durante o Pleno Ordinario do mes de Marzo, que se celebrará este xoves 31 ás 19.00horas, ademais da que aínda está pendente de debater sobre o convenio do Racing de Ferrol, que virá por terceira vez a un Pleno. Con esta moción pretendemos conseguir que se inicie canto antes o expediente para a redacción dun convenio de cesión do estadio da Malata, que permita que un club deportivo coma é o Racing de Ferrol, cunha masa social de miles de persoas da cidade, con máis de 100 anos de historia e que leva o nome de Ferrol por todo o territorio desenvolva a súa actividade deportiva nunhas instalacións dignas, para o que é necesario que exista un acordo cunha solidez xurídica que permita desenvolver investimentos e avances no crecemento da entidade e, en consecuencia, da cidade mesma.

Outra das mocións que presentamos é para dar apoio ao pobo saharaui e rechazar absolutamente a nova posición que o presidente Pedro Sánchez ven de comunicarlle a Rabat, vendo con bos ollos o Plan de Autonomía que Marrocos propón para o Sáhara Occidental. Dende Ferrol en Común tan só contemplamos unha opción válida para o pobo saharaui, a autodeterminación pola que levan agardando décadas froito dunha descolonización inacabada na que España non exerceu as súas responsabilidades.

Doutra banda, xunto co resto da oposición e veciñanza, presentamos moción para solicitarlle ao goberno local a apertura das dependencias do Concello sen limitación de accesos e con normalidade. Xa fai tempo que non ten ningún sentido controlar o acceso aos servizos municipais, dificultando os trámites da veciñanza.

Por último, presentamos unha moción a iniciativa da Asociación de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura, sobre a eliminación da simboloxía franquista na nosa cidade, após a retirada polo Ministerio de Defensa de nove rúas franquistas do Arsenal. Dende FeC xa solicitamos no seu día a retirada de toda simboloxía franquista da cidade e hoxe sumámonos á petición da Asociación para reiterar a retirada de toda a simboloxía que pertence a un tempo de ditadura e represión.