Ferrol, 30 de marzo de 2022

Esta mañá o concelleiro Suso Basterrechea ofreceu unha rolda de prensa na que anunciou “a intención de Ferrol en Común de convocar unha serie de Asembleas Sectoriais nas que establecer unha comunicación directa cos diferentes axentes dos sectores implicados, en prol da participación cidadá e da interlocución directa entre o poder político e a veciñanza, xusto o que non está a facer o goberno municipal” explicaba o concelleiro.

Así mesmo o edil detallaba “que se dará comezo coas asembleas a mediados do mes de abril comezando polo sector cultural, co obxectivo de elaborar unha serie de liñas de actuación que se poidan incluír nos plans estratéxicos que o goberno municipal contrata a empresas privadas”.

O motivo de comezar este proceso de asembleas ven dado “pola falta de comunicación política do goberno municipal, sendo especialmente grave na area de cultura, xa que son moitos os colectivos, artistas, axentes culturais… que se nos achegan a dar as queixas da incapacidade de acercarse a este goberno” explicaba Basterrechea, “o poder político ten que ter unha locución directa coa cidadanía e non se escudar en profesionais que serven de barricada para non comunicarse coa veciñanza”, apostilaba o concelleiro.

As críticas que estamos a recibir abarcan moitos frontes, “os espazos culturais, que con nós estaban abertos para artistas locais, a día de hoxe son inaccesibles para o tecido cultural local, que precisamente é o que hai que coidar; a gran parte dos contratos públicos deste concello van a mans de empresas foráneas sendo apartadas as locais; no último Pleno aprobáronse unhas subvencións nominativas nas que non se da apoio ás festas tradicionais de barrios como San Xoán; o taller de cerámica non realizou nin unha soa sesión, aínda que hai unha moción aprobada para a súa recuperación…”, así detallaba Suso Basterrechea unha longa lista que denota unha actitude do goberno municipal máis que reprobable, e remataba dicindo que “vémonos na obriga, sen escudarnos en profesionais, de achegarnos aos sectores culturais da cidade para presentar propostas e recoller iniciativas, actuando coma interlocutores políticos, válidos e directos, para defender os intereses de todo o tecido cultural, en vista de que o goberno local permanece xordo as demandas e inquietudes deste sector”.