Ferrol, 8 de abril de 2022

Os continuos lavados de cara que dende a Xunta de Galicia fan dun servizo público esencial, non poden ocultar o problema de fondo do transporte por autobús entre Ferrol e A Coruña.

Dende o cambio de concesión, Monbus, agochada baixo o pseudónimo dunha UTE, minorou frecuencias, deixou a persoas sen atender por falta de espazo e dotou a frota con autobuses que non garanten non so o mínimo confort, se non a propia seguridade das persoas.

Seguen a darse atrasos inconcibibles que equiparan o tempo de traslado en bus de Ferrol á Coruña ao tren que posuimos do século dezanove, con traxectos inverosímiles de máis dunha hora de duración.

Seguen sen restablecerse frecuencias que posibiliten a conciliación da vida laboral co exercicio do dereito a un transporte público, que protexa o medio ambiente fronte ao uso do vehículo particular. Ademais, a incerteza dos horarios, con cambios constantes, sen publicación e actualización nas webs e sen atención ao público eficiente por parte da empresa, pon en serias dificultades a persoas que utilizan dende hai moitos anos, e coa anterior concesión sen ningún problema de calado, este servizo para estudar, para traballar e para a atención médica necesaria nos centros hospitalarios da Coruña.

E a maiores desta desastrosa xestión do servizo súmase unha nefasta calidade os autobuses que prestan o servizo: autobuses de dous pisos con goteiras, vehículos deteriorados e antigos, portas que se abren no medio da autoestrada… un caso surrealista de desleixo que permanece impune polo non exercicio da potestade inspectora e sancionadora da Xunta de Galicia.

Teñen que ser os propios usuarios e usuarias os que axiten e denuncien para que a Conselleira, cada vez que algunha protesta sae á luz pública, mova ficha, pero eses movementos, dende o inicio da concesión, que provocou as mobilizacións e denuncias, non son máis que formais, enredándose en convocatorias de reunións inservibles que dilatan a solución e enquistan o problema.

Ferrol en Común considera que a Conselleira Ethel Vázquez debe exercer a súa responsabilidade para con a cidadanía ou dimitir; e deixar de enviar altos cargos a un proceso de desgaste cos usuarios e usuarias en reunións que ata o de agora non foron fructíferas en absoluto, ou de faqcer declaracións parlamentarias estentóreas que non son máis que unha ofensa para que queda na parada sen bus, quen ve chover dentro dun autocar ou quen se ve obrigado a usar o seu vehículo particular por un servizo deficiente.

Para Ferrol en Común só hai unha solución: restaurar todos os servizos e horarios da anterior concesión para que o transporte público cumpra a súa función. E para iso so hai un medio: dotar do orzamento necesario para completar os servizos dun prego deficiente que permite que a empresa permaneza impune ante os atropelos que está a cometer contra a cidadanía, sen ningún tipo de consecuencia económica ou legal.

Dende FeC instamos ao goberno local a que exerza a intermediación necesaria para que as faltas de respecto da Xunta cos usuarios cesen de inmediato e se acheguen solucións reais a este problema que xa dura demasiado, e instamos a participar na mobilización do vindeiro día 20 en defensa do transporte público.