Ferrol, 19 de abril de 2022

A Plataforma pola Defensa do Transporte Público de Ferrolterra, da que formamos parte, leva xa demasiado tempo reclamándolle á Xunta de Galicia, responsable do servizo, melloras no transporte metropolitano e coa mesma determinación que ao principio das demandas, a Plataforma convoca unha concentración para o día de mañá, mércores, ás 20h na Praza Amada García na que reclamar unha vez máis unha solución á multitude de problemas que os usuarios e usuarias padecen a diario no servizo público de transporte.

O desmantelamento de calquera servizo público por parte da Xunta é unha constante nos seus gobernos, pero esta vez queremos poñer o foco no transporte metropolitano de autocares. Coma xa denunciamos demasiadas veces, a nova concesionaria do servizo non está a cumprir as necesidades da cidadanía.

Supresión de servizos que estaban a ser utilizados polos usuarios e usuarias, incumprimento de horarios reiteradas veces, retrasos de xeito habitual ou falta de prazas o que provoca que os pasaxeiros e pasaxeiras se acumulen ou, o que é peor, queden en terra. Un sin fin de inconvintes aos que a Xunta de Galicia fai oídos xordos sen buscar solucións, alternativas ou reforzar o servizo.

Traxectos tan fundamentais coma o de Ferrol – Coruña ou viaxes entre poboacións de Ferrolterra altamente concorridos están a ter problemas de xeito habitual, cando a solución é ben fácil: volver ao servizo tal e coma estaba coa anterior concesionaria.

Por todo isto, dende FeC chamamos á participación na concentración de mañá mércores ás 20.00h na Praza Amada García, por un transporte público digno e de calidade.