Ferrol, 27 de abril de 2022

Ferrol en Común ven de rexistrar unha moción para o seu debate no Pleno Ordinario de mañá relativa a apoiar aos traballadores e traballadoras nas súas reivindicacións e solicitar o respecto que merecen na execución das mesmas.

O concelleiro Suso Basterrechea explicaba esta mañá que esta moción se presenta “pola multitude de conflitos laborais que salpican ao goberno local actualmente e outros que se están comezando a xestar, sendo todos moi distintos, dende funcionarios/as ata traballadores/as de empresas que prestan servizo para o concello, pero todas e todos son clase traballadora e merecen respecto nas súas demandas e accións”.

Con esta moción, “FeC non quere ser ventaxista, pois somos coñecedores da escasa capacidade de manobra que ten a administración local nas RPTs ou coas normas estatais que limitan as contratacións, pero si temos a responsabilidade coma forza de esquerdas de estar do lado dos traballadores e traballadoras, ademais de amosar unha capacidade de negociación, comunicación e respecto polas súas demandas, pois ninguén perde xornada laboral e salario por causas que non sexan sólidas”, aclaraba Basterrechea.

O concelleiro tachaba a actitude do goberno local “coma se de un consello de administración se tratara”, tomando decisións arbitrarias ás costas da cidadanía e amosando un desprezo absoluto aos grupos que lle deron o goberno.

Dende FeC somos conscientes de que nos últimos anos o Concello de Ferrol sufriu unha merma nos seus efectivos. Cada vez hai menos persoal e os servizos á cidadanía non fan máis que aumentar. Isto ten consecuencias no persoal que está a traballar, posto que cada día a carga de traballo é maior, chegando a ser inmanexable, cun sobredimensionamento de funcións e responsabilidades, que da lugar a un ambiente laboral complicado, o que leva a un estado de esgotamento físico, emocional e mental.

Lonxe de buscarse solucións, desaténdense as recomendacións do persoal da área, non se opta polo diálogo e empréganse métodos, incluso ameazantes, que distan moito dunha boa intención para amañar a situación insostible nos departamentos.

Ademais atopámonos con outros colectivos que prestan servizo ao Concello de Ferrol que están nunha situación laboral precaria, cunha serie de demandas que o Goberno tampouco está a escoitar.

Como resultado do exposto, e ante a negativa de escoita por parte do Alcalde, convocáronse desde comezos deste mes de abril distintas folgas en varios colectivos: persoal da biblioteca, persoal de deportes, persoal de parques e xardíns e persoal do servizo de auga. Aínda que con demandas e circunstancias diferentes, o mal común co que se atopan estes colectivos é a falta de respecto co que o Goberno está a tratar a súa situación, cando o único que pretende o persoal é dar un servizo de calidade á cidadanía nunhas condicións dignas.

Por todo isto vémonos na obriga de presentar unha moción coa que amosar o apoio a todo o persoal municipal, funcionario ou de empresas que prestan servizo nel e o recoñecemento as súas lexítimas pretensións, ademais de condenar todo exercicio de violencia contra o persoal municipal, incluíndo a falta de diálogo coma violencia silente.

Por último, explicaba Basterrechea “solicitaremos no Pleno a constitución dunha mesa político sindical con inclusión de todos os grupos municipais, para abordar, analizar e propoñer solucións á conflitividade laboral crecente nos servizos dependentes do Concello de Ferrol, como foro de escoita e debate permanente no que resta de mandato, unha ferramenta moi necesaria coma válvula de escape a esta presión que se está a exercer”.