Ferrol, 4 de maio de 2022

Na tarde de onte mantivemos unha xuntanza coa Agrupación da Zona Rural para coñecer as súas demandas e inquietudes e trasladar as nosas propostas, en definitiva para manter un contacto e comunicación coa veciñanza do rural, un feito inexistente durante todo o mandato de Angel Mato.

Neste sentido, unha das máximas demandas da Agrupación consiste en retomar un canle de comunicación fluída co que poder estar en contacto co goberno municipal para trasladar de xeito continuo as incidencias e traballar conxuntamente coma se viña facendo durante o mandato de FeC a través do programa “+ rural”, co que se creou ese espazo de diálogo que tanto bota en falta non só a veciñanza do rural se non todas as asociacións da cidade que se atopan coa barreira inamovible que o alcalde Angel Mato levantou cando chegou ao Concello, entre el e o resto da cidadanía.

Nesta xuntanza puidemos constatar que os problemas da zona rural perduran no tempo e que nestes tres anos de mandato os arranxos e melloras foron practicamente testimoniais. A equiparación de servizos segue a estar anos luz entre o urbano e o rural, non sendo quen este goberno de diminuír esta diferenza. Así podemos atoparnos con numerosos servizos deficientes coma a limpeza de cunetas, a iluminación pública, a mellora das beirarrúas, o acondicionamento dos vías ou o rebacheo de carreteiras e pistas aos que soamente se lles fai fronte con partidas de Plans da Deputación, eludindo o goberno local a súa responsabilidade.

Do mesmo xeito, un reclamo que xa escoitamos moitas veces e que dende FeC consideramos que non é tan difícil de cumprir é a descentralización da oferta cultural. Este goberno ten ao rural illado de actividades, de eventos e de calquera tipo de actuación cultural. Así mesmo, as persoas maiores, dependentes e con necesidades especiais están totalmente desatendidas nestas zonas onde existe unha gran concentración das mesmas, pudendo realizarse algún tipo de programa ou seguemento dende a área de benestar.

Outro reclamo pendente é o control das actividades dos maderistas, unha cuestión que FeC logrou incluír na ORT que o goberno local presentou en comisión pero que logo nunca levou a Pleno para a súa aprobación definitiva e segue pendente.

Especialmente, FeC amosa a súa preocupación polos desbroces da zona rural, actualmente xa non existe contrato para prestar este servizo e a cuadrilla municipal destinada aos desbroces, comprometida no acordo de orzamentos, aínda non está organizada polo que preocúpanos enormemente que o servizo poida prestarte con normalidade e nas datas que corresponden, algo moi necesario para a seguridade viaria, a prevención de incendios e o propio desenvolvemento normal da vida rural.

Para rematar, os temas de calado coma o saneamento rural, tampouco están sendo abordados polo goberno municipal, que avanzou nada dende que este grupo municipal asinou o convenio con Augas de Galicia por valor de 10 millóns de euros para o entorno da Malata e o compromiso do Río da Sardiña. Dende aquela, ningún avance, sendo unha das cuestións máis demandadas e máis urxentes que reclama a veciñanza do rural, ademais dunha actuación imprescindible para o desenvolvemento desta zona, ou polo menos así o considera FeC, sendo un dos puntos importantes que incluímos tanto no acordo de gobernabilidade coma no acordo dos pasados orzamentos, e por suposto, será un dos puntos fundamentais a incluír nunha futura e hipotética negociación de orzamentos, se algún día ten lugar.

Dende FeC poderíamos escribir follas e follas enumerando as deficiencias da zona rural que puidemos recoller onte na xuntanza e que se poden apreciar facilmente dando un paseo polas praias, camiños, locais sociais… Tamén somos conscientes de que, precisamente ao ser tantas cuestións, non poden abordarse nun so mandato, pero si pode avanzarse nelas, si pódense dar pasos para ir mellorando esta zona e si pódese escoitar á veciñanza para coñecer de primeira man cales son as demandas e os problemas a solucionar e non mantela illada e en silencio. Angel Mato demostrou durante estes 3 anos, que a zona rural non está dentro do seu proxecto de cidade, se é que o ten, que parece non ir mas aló dos 5 millóns de euros da rúa Igrexa, por iso, FeC seguirá mantendo entre as súas prioridades e compromisos as demandas da zona rural e seguirá insistindo na necesidade de equiparar servizos entre a zona urbana e a zona rural para que deixen de existir cidadáns de primeira e de segunda.