Ferrol, 23 de maio de 2022

Neste último ano, a pandemia mundial da Covid puxo de manifesto a importancia da saúde e de contar cuns servizos públicos dotados de suficientes recursos humanos e materiais para poder coidar e soster a vida, pero sen saúde mental non hai saúde.

Según a Organización Mundial de la Salud (OMS) 1 de cada 4 persoas sufrirá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. Máis de dous millóns de persoas recibiron un diagnóstico médico de depresión no ano 2020 en España, o que corresponde a máis do 5% da poboación segundo o INE. Ademais, os datos reflexan un claro efecto de xénero, amosando as mulleres o dobre de prevalencia que os homes no sufrimento de episodios de depresión maior.

Os estudos recollen que a depresión será a primeira causa de discapacidade entre a mocidade e adultos en 2030 e que o suicidio é actualmente a primeira causa de morte non natural, con 3.539 falecidos ao ano, o dobre que os accidentes de tráfico e a primeira causa de morte entre os mozos e mozas de entre 15 e 29 anos.

Só en Galicia hai máis de 80.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, segundo o censo do 2020 da Consellería de Política Social.

A pandemia da Covid-19 incrementou de xeito alarmante estas cifras. As restricións sociais e de mobilidade, o illamento social e cultural, a perda e deterioro de empregos e capacidade económica, o peche de negocios, a convivencia coa morte e os dolos abertos pola imposibilidade de despedida e a incertidume xeneralizada xerou consecuencias sobre a saúde mental da poboación.

Se ben é certo que é preciso abordar dende outros eidos políticos e económicos a saúde mental, analizando a redistribución da riqueza ou a garantía de dereitos como o acceso ao emprego ou a vivenda, as causas de orixe coma son a pobreza, a exclusión social, a falta de redes persoais ou a soidade, son as verdadeiras causas e non podemos obviar o necesario tratamento dos síntomas que provocan: trastornos de depresión e ansiedade, aumento do estrés, traumas crónicos, insomnio, patoloxías psicolóxicas e incluso condutas destrutivas cara a propia persoa coma os intentos de suicidio.

Os recentes estudos, reflicten tamén coma a poboación moza sufriu de xeito máis intenso as consecuencias da pandemia e os profesionais da saúde mental mostran a súa preocupación ante o incremento da taxa de intento de suicidio entre os máis mozos.

A esta dura realidade hai que lle sumar a discriminación e o estigma que aínda hoxe en día sofren as persoas que padecen algún trastorno de saúde mental e que ademais de ter que facer fronte a propia enfermidade, ven limitados os seus dereitos, coma no acceso ao emprego, as relación sociais, etc. Discriminación e estigmatización que en moitas ocasión levan á invisibilización dos problemas de saúde mental e a falta de demanda de tratamento polas persoas afectadas, o que dificulta a posibilidade dunha atención temperá adecuada e efectiva.

Todo isto choca directamente coa atención psicolóxica ou psiquiátrica que a sanidade pública ofrece ás persoas que padecen algún trastorno ou patoloxía mental, onde atópanse con longas listas de agarda e falta de recursos, o que imposibilita iniciar unha recuperación adecuada. A opción de acudir a clínicas psicolóxicas privadas tampouco é unha opción en moitos casos. Polo que a saúde mental queda desatendida.

Despois de esta exposición, vese claramente que é esencial a colaboración de todas as administracións públicas na loita contra a estigmatización e invisibilización das enfermidades de saúde mental e trasladar á poboación, en especial a xente nova, a importancia do coidado da saúde mental, contribuíndo a súa normalización.

Do mesmo xeito, é imprescindible a colaboración institucional para dotar dos recursos de saúde mental suficientes e adecuados para atender de xeito integral ás persoas afectadas por un trastorno de saúde mental, independentemente da súa idade e dos seus recursos económicos.

Ferrol en Común considera que sobran motivos para actuar neste eido dende todas e cada unha das administracións públicas e por iso, presentamos unha moción para debater no Pleno deste xoves onde propoñemos unha serie de actuacións que poderían ser levadas dende o Concello para visibilizar, previr e normalizar a saúde mental, para ofrecer ferramentas e espazos aos máis mozos onde combater os posibles problemas de saúde mental que puideran padecer e para reforzar os recursos da sanidade pública neste campo, que non son quen de absorber a gran demanda que actualmente existe en cando a saúde mental. Concretamente as propostas que defenderemos son as seguintes:

  • Desenvolver as competencias municipais en materia de saúde e sanidade, impulsando campañas de prevención e detección de problemas de saúde mental nos centros educativos, ao mesmo tempo que se traballa para normalizar as enfermidades de saúde mental.
  • Así mesmo, propoñemos implantar unha programación de actividades nos centros cívicos e na Casa da Xuventude orientada a combater a ansiedade, angustia, depresión, estrés e calquera outro trastorno psicolóxicos que afecta á xuventude e que se viron aumentados despois da pandemia da Covid-19.
  • Na mesma liña, cremos necesario poñer en marcha unha unidade de atención psicolóxica e orientación dende a área de xuventude dirixida exclusivamente á mocidade e outra unidade de atención psicolóxica dende a área de servizos sociais para atender a toda a veciñanza pero en especial aos usuarios e usuarias deste servizo que se considere preciso.
  • Lanzamento dunha campaña de publicidade dos teléfonos de atención a través de cartaces, dípticos, difusión en medios e redes sociais do Concello dirixida aos maiores, infancia e familias.
  • Consideramos que é importante a organización dun programa de formación, apoio e asesoramento en saúde mental a profesionais coma policía local, protección civil, traballadores/as sociais, persoal de axuda a domicilio, persoal educativo e entidades sen ánimo de lucro, para mellorar a detección de problemas psicolóxicos e psiquiátricos durante a súa actividade en domicilios, centros educativos, centros sociais ou na rúa.
  • Por último, é esencial instar á Xunta de Galicia a reforzar a sanidade pública no ámbito da Saúde Mental e aprobar unha Lei de Saúde Mental que aumente os recursos de atención ás persoas afectadas por enfermidades mentais.

Dende Ferrol en Común agardamos que todos os grupos políticos compartan as nosas preocupacións e apoien unha moción que servirá para mellorar a vida da veciñanza da nosa cidade, pois sen saúde mental non hai saúde.

Para finalizar, gustaríanos dar conta e convidar a todas as persoas a un acto organizado por Esquerda Unida Ferrol sobre “A importancia da Saúde Mental” que terá lugar este mércores 25 de maio ás 20.00h no Ateneo e contará coa presenza de Antonio Nuñez Pérez, xefe do servizo de psiquiatría da área sanitaria de Ferrol e con Loreto Taibo, avogada e unha das redactoras da Proposta non de Lei sobre saúde mental que foi presentada – e rexeitada – recentemente no Parlamento Galego.