Ferrol, 14 de xuño de 2022

O pasado 15 de xuño de fai 3 anos, tomaba posesión coma Alcalde de Ferrol, Ángel Mato, nun Pleno de investidura onde contou co apoio de Ferrol en Común e onde grazas a el chegou a coller o bastón de mando. Pero ese apoio non era de balde, se non que estaba condicionado por un acordo de gobernabilidade negociado entre ambos grupos, onde comprometíanse cuestións tan básicas e importantes coma potenciar a participación, priorizar as areas de benestar social e igualdade, seguir a liña do noso mandato en canto a cultura ou colaborar para mellorar as infraestruturas e os servizos da cidade, ademais de manter un diálogo e cooperación continua entre ambos. Este grupo municipal e as persoas ás que representamos puxemos unhas esperanzas nun goberno supostamente de esquerdas, considerando que sería a mellor opción para a cidade. Pasados tres anos dende aquel día, temos serias dúbidas.

Dende o punto de vista de FeC, o acordo de gobernabilidade quedou rapidamente en papel mollado, o goberno en minoría de Ángel Mato, leva tres anos tomando decisións só, illado na súa ala do Pazo Municipal e sen negociar, xa non con este grupo municipal, se non con ninguén. Proba disto son as numerosas veces que tivo que sacar asuntos da orde do día do Pleno por non ter apoios suficientes para aprobalos, pois non había negociado previamente.

Esta actitude de soberbia, inaccesibilidade e de non cooperación non era a que agardáramos dun goberno de 8 concelleiros e concelleiras nas que en cada comisión se lles pide información sobre asuntos que se están levando a cabo, se lles pregunta sobre cuestións da cidade ou se lles trasladan queixas da veciñanza co fin de buscarlles solución, e a resposta que nos atopamos por norma xeral é un “non saben, non contestan”. Iso si, ao día seguinte podemos ler nos xornais a súa resposta á información solicitada en forma de gran titular, sendo a prensa cos únicos cos que mantén unha comunicación fluída e directa.

Non somos socios de Mato, pero sabemos o que é gobernar en minoría e sabemos o que é sufrir unha oposición sen límites que ademais de queimar a un goberno o único que fai é perxudicar á cidade, polo que nós optamos por ter a man tendida ao Alcalde para traballar conxuntamente, para sacar adiante numerosos asuntos que consideramos mellorarían a cidade e, coma se puido comprobar, para aprobar os únicos orzamentos deste mandato; orzamentos necesarios pero que tampouco foron de balde e ían acompañados dun novo acordo no que FeC apostou por numerosas inversións coma a remodelación da Praza Vella ou da Praza Rosalía de Castro, o desenvolvemento dun Plan Sociocomunitario en Recimil e San Pablo, o estudio dunha Renda Municipal, a construción dun pantalán na zona da Cabana ou a aprobación dun regulamento de Participación Cidadá, convencidos de que compartíamos unha idea de cidade participada, social, sostible e comprometida coa veciñanza, pero de novo, vemos que o camiño que cada un quere percorrer é bastante diferente.

A estas alturas, podemos dicir que a Ángel Mato gústalle máis a política de fotos, anuncios, recepcións e xuntanzas con persoas de traxe e gravata que a que serve para mellorar a vida de xente. Podemos dicir que o acordo de orzamentos, ao igual que o acordo de gobernabilidade, quedaron nun mero documento no que só unha parte comprometeuse de verdade: a nosa, pois mantivemos a porta aberta para cada cuestión que puideran mellorar a cidade. Podemos dicir que as nosas prioridades non son as mesmas e non pasan por ter abandonado o rural sen desbroces e sen saneamento para investir 5 millóns de euros nunha soa rúa do centro de Ferrol, deixando a xente atrás. E podemos dicir que despois de tres anos, Ferrol en Común xa agardou suficiente a este Alcalde que goberna para uns poucos e non escoita a ninguén.

FeC non se arrepinte de apoiar unha investidura para que Ferrol tivera un goberno de esquerdas, pero despois de 3 anos este non é o goberno que agardábamos. Este é un goberno rancio que saca peito de levar a cabo un gran número de licitacións para desviar a atención de todos os problemas que ten sen solucionar: a banda municipal, a falta de desbroces, a biblioteca, as políticas invisibles de igualdade, a residencia de maiores, a aprobación do Pxom, o saneamento do rural, a redución de aparcadoiros, a accesibilidade… moitos deberes pendentes que non son quen de xestionar e un acordo de orzamentos incumprido onde nin a metade do acordado está en proceso.

Despois de tres anos, a porta do noso grupo seguirá aberta, coma sempre, pero os nosos camiños percorren separados pois as diferenzas á hora de entender a política e de levala a cabo, son tremendamente diferentes.