Ferrol, 18 de agosto de 2022

Hoxe tivo lugar a Comisión Informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller e Mocidade na que se nos informou da colocación e organización dos puntos violeta de cara ás Festas de Ferrol que darán comezo nos vindeiros días.

Gustaríanos lembrar que fai meses solicitamos a través dunha moción, a cal cabe lembrar que o grupo de goberno votou en contra, reforzar os recursos destinados á loita contra as violencias machistas facendo fincapé nas violencias exercidas a través da sumisión química, unha agresión machista que parece cobrar forza ultimamente e polo que entendemos hai que prestarlle especial atención.

Ao respecto, tal e coma solicitamos na Comisión, demandamos que nos puntos violeta, ademais das voluntarias ou o persoal de información que fan un traballo excepcional, exista a presenza de persoal sociosanitario, o cal posúe a formación adecuada para atender casos de sumisión química ou calquera outros que poidan xurdir. Así mesmo, Ferrol en Común, considera que sería bo contar con asociacións coma Asfedro, con un gran percorrido neste campo.

Doutra banda, reclamámoslle ao goberno local que dispoña de máis puntos violeta, pois as Festas de Ferrol non só teñen lugar na Magdalena e non son unicamente os concertos da Praza de Armas, se non que hai multitude de eventos que terán lugar nestas datas e dirixidos en gran parte á mocidade que carecen de puntos violetas, sendo altamente necesaria a súa presenza.