Ferrol, 13 de setembro de 2022

Esta mañá o concelleiro Suso Basterrechea amosou nunha rolda de prensa importantes preocupacións, problemas e carencias que estamos a detectar na área de cultura “e que xa se trasladaron de forma privada, en comisións e incluso publicamente en numerosas ocasións e que teñen que ver con servizos que presta directamente esta cidade”, explicaba o edil.

A primeira preocupación é en relación coa biblioteca municipal, espazo que máis xente move ao longo do día pero que sen embargo, “pechou todas as tardes do mes de agosto por primeira vez na súa historia”, denunciaba o concelleiro. Esta cuestión súmase ao deterioro continuo que está a sufrir este servizo municipal, con un recorte no seu horario de apertura pechando no mediodía, unha patente falta de persoal, falta de libros e, agora, a falta dunha persoa que ocupe a súa Xefatura, o que acarrea graves consecuencias como a imposibilidade de tramitación de determinadas subvencións da Xunta de Galicia para a compra de libros ou mesmo efectuar o pago ás librerías locais ás que se lle deben máis de 20.000€. Basterrechea cualificaba esta situación coma “extremadamente grave”.

Así mesmo, o concelleiro, demandaba a apertura da biblioteca de Caranza “a cal leva pechada dende tempos inmemoriais”.

Outro dos asuntos que se vai converter nun problema inminente son os locais de ensaio, o edil de FeC, lembrou que no seu momento “fíxose un contrato improrrogable de carácter provisional, o cal remata antes de final ano, o que vai provocar de novo un conflito cultural”. Os locais de ensaio levaban funcionando de xeito ininterrompido dende a súa apertura en 2008 e dando servizo a máis de 100 músicos da contorna, ata que con este goberno “vémonos unha e outra vez en atrancos por unha xestión absolutamente nefasta que da lugar a conflitividade”, denunciaba o edil.

Por último, Suso Basterrechea indicaba que “por fin despois de máis de tres anos de mandato a Banda Municipal foi convocada a unha xuntanza por parte do goberno local”, pero lamentaba que “parece que a proposta que se lles vai a trasladar é a mesma que tiña eu sobre a mesa cando era concelleiro de cultura, é dicir, déronse moitas voltas para non avanzar nada”. Ademais, lembraba que “non existe Banda Municipal dende que está este goberno”, pois eliminou toda a programación que se viña facendo.

Para rematar, o concelleiro quixo trasladar as queixas das diferentes asociacións e entidades do mundo da cultura en canto a baixa comunicación co goberno local e a falta de capacidade deste para solucionar os conflitos que xorden neste area, o que dará lugar a un final de mandato dramático no eido da cultura.