Ferrol, 19 de semtembro de 2022

Dende o cambio de concesión, Monbús, agochada baixo o pseudónimo dunha UTE, minorou frecuencias, modificou horarios, deixou a persoas sen atender por falta de espazo e dotou a frota con autobuses que non garanten o mínimo confort. Esta é a realidade que levamos denunciando dende fai case un ano xunto coa Plataforma en Defensa do Transporte Público.

O servizo de autobuses que conecta Ferrol con Coruña empeorou gravemente dende a nova concesión e nada parece indicar que se vaia poñer solución a unha problemática constante que ocasiona grandes perxuizos para os usuarios e usuarias.

O recente comezo do curso universitario, unha data que está máis que prevista, está a ocasionar de novo que as persoas queden en terra, algo que dende Ferrol en Común non podemos entender, pois é unha cuestión totalmente previsible e que a concesionaria debería ter en conta para dar o servizo óptimo aos usuarios e usuarias do transporte público, reforzando o servizo en determinados horarios.

Os continuos problemas poñen en serias dificultades ás persoas que utilizan de forma frecuente este medio de transporte. As frecuencias non posibilitan a conciliación da vida laboral e familiar; a falta de prazas que se poida perder o bus; a incerteza dos horarios, con cambios constantes e sen publicación e actualización nas webs nin atención ao público eficiente por parte da empresa, son razóns suficientes para queixarse, máis aínda cando coa anterior concesión non existía ningún problema de calado.

É non só se deberían de queixar os usuarios e usuarias, se non tamén o goberno municipal da nosa cidade. Sen embargo, o alcalde Angel Mato, non semella estar nada preocupado por este problema que afecta a un alto porcentaxe da poboación, pois son moitas as persoas que utilizan cada día o autobús para desprazarse á Coruña por motivos laborais, estudantil, médicos ou calqueira outro, encontrando no bus a única conexión viable, xa que a ferroviaria non é unha opción. Pero estas cuestións non lle importan o máis mínimo ao Alcalde, centrado na súa campaña de obras, fotos e recepcións.

FeC ven de preguntar en máis dunha ocasión ao goberno local por este tema, interesándonos por coñecer cales son as accións que se estaban a levar a cabo coa Xunta de Galicia, administración competente na xestións do transporte público metropolitano, pero non existe ningunha resposta por parte do goberno porque simplemente non se interesan polo tema.

A labor dun goberno municipal é coidar dos intereses da cidade e da cidadanía, e neste caso exercer a intermediación necesaria para que a Xunta de Galicia modifique e reforce o nefasto servizo de autocares que está a prestar na nosa cidade, polo que FeC, lamenta fondamente que o Alcalde desta cidade estea desaparecido nos problemas da cidadanía e solicitámoslle que cumpra co seu cometido coma Alcalde e presione á Xunta de Galicia para que mellore un servizo fundamental para a nosa cidade.