Ferrol, 20 de setembro de 2022

Dende fai un tempo estannos a chegar algunhas queixas sobre a deficiente atención que se está a dar na oficina do INSS de Ferrol. Dende FeC somos coñecedores de que a xestión telemática está copando a maior parte dos trámites que se realizan ante o INSS, pero tamén sabemos que son moitas as persoas que non dispoñen de clave pin, certificado dixital ou calquera outra forma de rexistro electrónico, e para esas persoas, e aquelas que así o precisen, a atención presencial debe estar asegurada e garantida, cousa que non está a pasar.

A petición de cita previa da oficina do INSS de Ferrol atópase pechada a maior parte do tempo, imposibilitando coller unha cita para realizar as oportunas xestións en prazo, o que está a provocar que algunhas persoas teñan que acudir a Ortigueira ou Coruña a realizar os seus trámites.

Solicitudes de xubilación, o ingreso mínimo vital ou un simple cambio de conta bancaria teñen unha agarda de meses e longas colas que cada día podemos ver na propia oficina do INSS.

A falta de persoal é o problema. Este servizo público está a traballar coa metade da súa plantilla, o que lle fai imposible asumir o volume de traballo que se lle demanda. Dende FeC consideramos que é primordial e urxente que se reforce a oficina do INSS en Ferrol; é intolerable que a veciñanza teña que agardar meses ou desprazarse a outras cidades para tramitar por exemplo unha pensión, sendo un servizo público fundamental para a cidadanía.