Ferrol, 27 de setembro de 2022

Neste mes de setembro retomamos a presentación de mocións levando a Pleno unha cuestión que preocupa á veciñanza de Ultramar, a súa Asociación Veciñal e a nós especialmente, por ter un compromiso co barrio dende o noso mandato.

No barrio de Ultramar viven máis de 5000 veciños e veciñas e, actualmente, a súa Asociación Veciñal tan só dispón dun local diminuto e en nefastas condicións para realizar a súa actividade. Isto pon de manifesto unha realidade que non se pode negar: Ultramar precisa dun local social que cubra as súas necesidades, unha demanda que ven de lonxe. No mandato 15/19 estaba en curso un proceso dende a Área de Patrimonio para a adquisición dun local para a Asociación, mesmo coa valoración económica feita a través dun contrato menor e cun prego de prescripcións que, pese a ter defectos formais detectados na súa elaboración, podería retomarse, corrixirse e proceder á súa adxudicación, sendo esta a opción que prefire tanto a Asociación coma a veciñanza.

Sen embargo, o goberno municipal actual ten outros planes, por un lado, paralizou o expediente de compra dun local, e por outra banda, iniciou un procedemento para expropiar os terreos que se atopan entre a rúa Brasil e a rúa Bolivia para a futura construción dun centro cívico que albergue á Asociación Veciñal.

Os veciños e veciñas do barrio opóñense a esta obra e a calquera outra construción neste espazo e apostan por conservar estes terreos coma zona verde, co seu consecuente mantemento e conservación.

Por este motivo, Ferrol en Común presenta unha moción coa que instar ao goberno municipal á paralización do futuro proxecto de construción dun centro cívico entre as rúas Bolivia e Brasil, con inicio de modificación do PXOM para reconverter a parcela en zona verde e a recuperación do expediente de adxudicación dun local para a AVV de Ultramar que responda ás necesidades de espazo do seu barrio.

Outra das mocións presentadas ten que ver coa problemática do transporte público na liña Ferrol – A Coruña e en toda a nosa comarca. Xa pasou demasiado tempo de mal funcionamento do servizo de autocares, de persoas que quedan en terra por falta de prazas, de incertidume nos horarios e de frecuencias que non se adaptan aos usuarios e usuarias, e todo isto sen unha resposta contundente por parte da Xunta de Galicia, a cal é a competente do servizo.

As numerosas carencias do transporte público por carreteira que están sen resolver e o nefasto servizo que se está a prestar amosan unha total incapacidade de xestión por parte da Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e unha absoluta incompetencia da Xunta de Galicia, polo que FeC solicitará no Pleno a reprobación da Conselleira.

Por outra banda, conxuntamente co PSOE e o BNG levamos a voz da Plataforma SOS Sanidade Pública, da que formamos parte, a través dunha moción coa que buscar o apoio de toda a corporación para a Iniciativa Popular Lexislativa que se vai presentar no Parlamento Galego co obxecto de reforzar a atención primaria.

O continuo desmantelamento da sanidade pública por parte da Xunta de Galicia, e en especial da atención primaria, é o motivo principal da presentación desta ILP coa que se busca aprobar unha serie de medidas coma restablecer a atención presencial coma regra xeral, acabar coa inestabilidade e a precariedade do persoal, reabrir centros de saúde, consultas e PAC de urxencias, incrementar o persoal médico, enfermaría e administrativo dos centros de saúde ou recuperar as xerencias da atención primaria. Todo isto reforzaría a atención primaria, un servizo fundamental para toda a cidadanía.

Outra moción conxunta é a presentada para abordar o problema que están a vivir as traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, debido a que dentro do proceso de estabilización do emprego público iniciado pola Xunta de Galicia, non se valora prioritariamente a experiencia no Consorcio para seguir ocupando a súa praza, unha cuestión que as mantén en folga e ás que queremos dar todo o noso apoio presentando esta moción conxuntamente co grupo de goberno.