Ferrol, 30 de setembro de 2022

Hoxe á mañá, xunto co presidente da Asociación Veciñal do barrio de San Xoán – O Bertón, Andrés Medín, denunciamos en rolda de prensa “o menosprezo que está a sufrir por parte do señor Alcalde, non só no institucional, xa que non se atreve a pisar este barrio, se non tamén en cuestión de investimentos onde vemos que é ridículo en comparación con outras zonas da cidade”, comezaba Jorge Suárez.

O Presidente da AVV leva anos denunciando o abandono que sufre o seu barrio, en especial, no caso da Praza Rosalía de Castro, a única praza dun dos barrios máis populosos da nosa cidade. “Unha praza que practicamente está inutilizada polo estado desastroso no que se atopa, a varios niveis que provocan caídas, con numerosas charqueiras e nun estado lamentable”, comentaba o Presidente. O pasado 23 de febreiro a Asociación elixiu o modelo de proxecto para a Praza de Rosalía e dende aquela non teñen comunicación co goberno municipal, o cal nin se queira contesta as chamadas nin as peticións de xuntanza feitas por rexistro.

Ferrol en Común lembra que un dos puntos acordados entre este grupo municipal e o grupo de goberno era a remodelación da Praza Rosalía de Castro, unha obra que está recollida nos investimentos con 50.000€ para o ano 2021 e con 450.000€ para o ano 2022. Sen embargo, non hai nada feito e non hai previsión de que se vaia facer co mandato case rematado.

O voceiro de FeC catalogaba de “estafa” o acordo de orzamentos asinado entre ambos grupos, “ningún dos investimentos proxectados é unha realidade a día de hoxe, o que amosa que o único que lle interesou ao Señor Mato foi asinar un documento no seu propio beneficio e facer as obras que a el lle interesaban para pagar favores a lugares que lle corresponden con máis agarimo”, dicía o edil, e claro está que San Xoán – O Bertón non está entre eles, pois segue sen praza, sen un local social digno, sen a cesión dos terreos para a construción dun centro de saúde e sen o mantemento ordinario das rúas e beirarrúas, numerosas carencias ás que o Alcalde non lles presta atención.

O voceiro de FeC explicaba que todo isto “é sintomático do goberno de Mato, o cal defraudou non só a Ferrol en Común se non tamén a toda a cidadanía”. No acordo de orzamentos que asinado entre ambas forzas políticas no Salón de Recepcións deste Concello, estaba prevista a construción dun ascensor no aparcadoiro do Cantón, a 5º fase dos pasos de peóns, un plan sociocomunitario para San Pablo e Recimil, a propia Praza de Rosalía de Castro que denunciamos hoxe, un local social para o barrio de Ultramar, reforma dos interiores de Recimil, a Casa de Carvalho Calero ou a Casa do Patín en Canido, entre moitos outros acordos, e a día hoxe ningún destes investimentos están efectivizados, “o que supón un prexuízo claro e unha traizón á cidadanía que ve coma a súa cidade non progresa no urbanístico e tampouco no social, pois ten un Alcalde que non é capaz de desenvolver un proxecto de cidade” explicaba Suárez.