Ferrol, 3 de outubro de 2020

O Consorcio Galego do servizo de Igualdade e Benestar Social, é dicir, as traballadoras e traballadores absolutamente fundamentais que se ocupan de coidar aos nenos e nenas, aos maiores e as mulleres vítimas de violencia de xénero, atópanse en folga para reclamar os seus dereitos. Mañá martes día 4 ás 8.30h terá lugar un novo acto de protesta en Esteiro.

Dende FeC queremos apoiar e visibilizar as súas demandas por consideralas máis que xustas. Denuncian que o concurso que a Xunta de Galicia quere impoñer no proceso de estabilización de persoal deixa ao ás traballadoras e traballadores do Consorcio en desigualdade de condicións, pois non se vai ter en conta a experiencia obtida nos postos de traballo específicos desenvoltos no propio Consorcio Galego, se non que calquera persoa con experiencia na Xunta de Galicia podería sumar méritos para este proceso de estabilización.

Debemos recordar que as máis de 1400 traballadoras e traballadores que forman parte do Consorcio Galego e que atenden servizos fundamentais coma as galiñas azuis, os centros de día ou a atención aos maiores, levan dende 2007 con contratos temporais, abusivos e en precariedade, un modo de contratación de persoal bastante habitual na Xunta de Galicia e ao que é preciso poñerlle fin.

Ferrol en Común amosa todo o seu apoio ás traballadoras e traballadores do Consorcio Galego que realizan unha labor imprescindible para a nosa sociedade, considerando que as súas reivindicacións son lóxicas e xustas e teranos a súa disposición para todo o que poidan precisar. Trátase dun persoal que se dedica a coidar e atender a persoas vulnerables, polo que a súa experiencia neste ámbito ten un gran valor, que debe ser tido en conta.

Así mesmo, no pasado Pleno Ordinario apoiamos sen ningunha dúbida a moción presentada conxuntamente coa que instamos á Xunta de Galicia a que cumpra coa lei e se valore a experiencia específica do postos do Consorcio no concurso de méritos, tal e coma piden as traballadoras.