Ferrol, 20 de setembro de 2022

Esta mañá comparecimos en rolda de prensa xunto co Presidente da Asociación Veciñal de Ferrol Vello, “tratando de ser altofalantes da veciñanza e para exixir o cumprimento do acordo de orzamentos no que ningunha das propostas que puxo FeC sobre a mesa para asinalo e ser parte dun proxecto transformador da cidade, están executadas”, comezaba dicindo o voceiro de Ferrol en Común.

Logo do impulso que se lle deu ao barrio de Ferrol Vello co desenvolvemento de diferentes proxectos durante o noso mandato, coma as reurbanizacións das rúas Manuel Comellas ou Carme Curuxeiras ou Espartero e San Francisco que están agora en execución, “a Praza Vella era o seguinte obxectivo para acompasar a rehabilitación que se está a realizar no barrio e facer de Ferrol Vello un lugar onde as persoas síntanse a gusto”, explicaba Jorge Suárez, “polo que consideramos ese proxecto coma clave na rehabilitación deste barrio”.

Nesta mesma liña pronunciábase o Presidente da Asociación Veciñal, sinalando que ´”a remodelación da Praza Vella é unha reivindicación dos veciños e veciñas e da mocidade que xoga nela”, explicando tamén que “non teñen ningunha comunicación co goberno local, se hai proxecto ou cando poderían empezar as obras, esa información non a temos”.

O mesmo trato están a recibir con relación á demanda de información sobre a reurbanización da rúa San Francisco, unha das principais vías do barrio. “É unha obra que vai executarse e hai varias alternativas de aparcamento”, comentaba o edil, pero a veciñanza non é escoitada polo goberno local.

Esta situación de desconexión entre o Alcalde e os veciños e veciñas da cidade, por desgraza, é algo habitual e evidente que nos atopamos en todas as xuntanzas ás que acudimos. Jorge Suárez expoñía que “para nós a primeira función dun representante público é escoitar, dialogar e falar coas persoas ás que representa e non facer un deseño de cidade dende un despacho”, que é o que está a facer Angel Mato, primando os seus proxectos persoais coma a rúa da Igrexa fronte os proxectos de cidade, que precisan e demandan os veciños e veciñas e que están acordados con este grupo municipal para a aprobación dos únicos orzamentos.