Ferrol, 21 de outubro de 2022

Está mañá o voceiro de Ferrol en Común, Jorge Suárez, visitou a nave do servizo de parques e xardíns e acompañou a varias brigadas de xardineiros durante a súa xornada laboral para comprobar de primeira man as precariedades coas que realizan o seu traballo diariamente, coa intención de “facerlle ver a cidadanía as condicións nas que traballan estas persoas e coma se resinte este servizo fundamental pola falta de diálogo co goberno local”, explicaba Suárez.

​Dende FeC queremos poñer en valor o papel dos traballadores de parques e xardíns, pois quizás non somos conscientes de que son os encargados de coidar da gran maioría das zonas verdes da urbe, dos elementos que alí se atopan coma papeleiras ou bancos, da poda das árbores, da plantación da flor de tempada, recollida de follas, limpeza dos parques e xardíns ou mantemento dos campos deportivos. Todas estas tarefas deben realizarse coa maquinaria e ferramentas adecuadas, o persoal suficiente e nunhas condicións laborais dignas, para que o servizo poida prestarse cun mínimo de calidade, sen embargo estas premisas non se están a cumprir pola incapacidade do goberno local de aprobar un prego que recolla as melloras necesarias para o servizo.

O noso voceiro puido constatar coma a nave da que dispoñen non está adaptada ao servizo que se presta. O pavimento non é o adecuado o que dificulta a súa limpeza, existen goteiras dende hai anos, carecen de compartimentos para gardar a maquinaria, a falta de espazo para traballar e gardar os vehículos é evidente e os vestiarios son contenedores de obra habilitados con taquillas, baños e duchas pero sen agua quente, xa que non funciona. “Estamos aquí para amosar a realidade dos feitos, mas aló de debates políticos, a precariedade dos traballadores pode verse nesta nave”, comentaba o voceiro de FeC.

Na mesma liña de precariedade atópase a maquinaria coa que contan. Os remolques onde trasladan as máquinas non están cubertos nin teñen agarres correctos para que as ferramentas vaian fixas, o camión que recolle os sacos de herba, ramas ou terra non dispón de cazo polo que ten que descargar a man, as máquinas cortacéspedes ou son de tamaño doméstico e por tanto, insuficientes para o traballo, ou non recollen a herba, polo que queda esparcida polos xardíns. Ademais, soamente se dispón para toda a cidade dunha máquina recicladora para cortar grandes extensións.

​Á maquinaria obsoleta súmase o número insuficiente de traballadores para realizar as tarefas propias do servizo, sendo uns 25 traballadores para manter todas as zonas verdes, arboredo e campos deportivos da nosa cidade.

Todo isto está a provocar un deterioro dun dos servizos máis importantes de calquera cidade, causado pola falta de vontade do goberno municipal de escoitar aos traballadores e aprobar un prego digno que mellore tanto o servizo para a cidade coma as condicións laborais de quen o esta a prestar.

Dende FeC consideramos que non hai máis que pasar unhas horas cos traballadores de parques e xardíns para darse conta de que “as rúas reivindicacións son laborais e non políticas” explicaba o concelleiro. Todo o que están a reclamar viría a mellorar o servizo de parques e xardíns da nosa cidade, sen embargo, “o goberno local non ten gañas de que isto mellore, sendo os únicos que politizan o asunto e non escoitan aos traballadores”.