Ferrol en Común tilda de decepcionantes para a cidade as contas da Xunta de Galicia e considera que son simple propaganda electoral coa que os seus alcaldables farán campaña electoral.

Ferrol, 25 de outubro de 2022

Dende Ferrol en Común fixemos unha primeira valoración duns orzamentos que nos parecen, de novo, decepcionantes coa nosa cidade, sen dar resposta a ningún dos problemas e necesidades que preocupan á veciñanza e non aportan nin un só novo proxecto para Ferrol.

O voceiro de FeC, Jorge Suárez, cualifica estes orzamentos coma “unhas contas que non representan un proxecto de cidade, se non que se limitan a repetir as mesmas partidas de sempre que ano tras ano quedan sen executar, amosando unha falta total de compromiso da Xunta coa nosa cidade.”

Dende FeC consideramos que os orzamentos que a Xunta de Galicia pretende aprobar son simple propaganda electoralista para que os candidatos que o Partido Popular presenta ás grandes cidades galegas teñan algo co que facer campaña. Todo investimento que veña para a nosa cidade é motivo de celebración, pero neste caso non hai nada polo que alegrarse, “mesmo o alcaldable polo seu partido, Jose Manuel Rey Varela, tivo que recurrir a falar «das contas da comarca», pois non existe ningunha partida realmente destacable para a nosa cidade”, comentaba o concelleiro.

Así mesmo, parécenos unha desvergoña que, a través destes orzamentos, a Xunta non lle poña remedio aos problemas que a nosa cidade está a sufrir diariamente co transporte público metropolitano e dos que son claramente coñecedores, amosando a súa xa habitual política de precarización de servizos públicos. Así mesmo, a cantidade consignada para a construción da prometida intermodal é rídicula, pouco máis de 150.000€, que poñen de manifesto a nula implicación da Xunta coas políticas de mobilidade na nosa cidade.

De novo, vólvense esquecer da rexeneración da nosa ría e realizar o estudio que levan anos reclamando as cofrarías, unha cuestión necesaria e prioritaria para un sector que está a esmorecer por culpa das administracións públicas que non lle poñen ningunha solución.

No mesmo sentido, tampouco destina nin un euro á mellora e rehabilitación das infraestruturas deportivas da nosa cidade, abandonadas pola Xunta nos anos 80 e 90, e que a día de hoxe están a sufrir un gran deterioro provocado por un lado, pola falta de mantemento regular e por outro, por non acometerse as melloras e modernización que serían necesarias para estar á altura do deporte da nosa cidade.

O Partido Popular alardea do gran investimento en sanidade para a nosa cidade referíndose ao xa repetido Plan Director do CHUF que cada ano se leva unha partida orzamentaria nas contas autonómicas, mentres se descoidan os centros de saúde, a atención primaria, as escolas infantís ou os centros de maiores, seguindo así a xa coñecida liña de desmantelamento dos servizos públicos. Igualmente, non hai nin rastro do tan prometido Centro de Saúde para o barrio de San Xoán.

A nosa comarca segue precisando de impulso por parte das administracións para saír a flote da lacra do desemprego e a precariedade laboral, unha cuestión que a Xunta pasa por alto, destinando unicamente 500.000€ en programas de formación e emprego. Así mesmo, a administración autonómica ten competencias en materia de industria que leva anos sen executar e que non inclúe nestes orzamentos para 2023, cos que desenvolver plans de recuperación industrial.

En definitiva, Ferrol en Común considera que a maioría das demandas da nosa cidade deberían estar incluídas nos orzamentos da Xunta de Galicia se a súa aposta por Ferrol fora real e non foran unhas contas con intereses electoralistas coas que facer campaña, cheas de promesas que nunca se cumpren, consignando ano tras ano as mesmas cantidades para os mesmos proxectos e que logo nunca se chegan a executar.