Ferrol en Común celebra que despois de 3 anos e medio de mandato o goberno local acórdese da accesibilidade desta cidade, sen embargo non pode máis que lamentar o nulo traballo deste goberno na eliminación de barreiras das nosas rúas.

Ferrol, 3 de novembro de 2022

No día de onte coñecíamos unha noticia que pensamos que xa nunca chegaría neste mandato: a licitación da 5º fase dos pasos de peóns. Neste sentido, cabe lembrar que no 2014, Ferrol iniciou un camiño cara a inclusión e deu os primeiros pasos cara unha accesibilidade total da nosa cidade. No 2015, cando FeC chegou ao goberno, continuou ese camiño e ese traballo licitando 3 fases de peóns, case unha por ano, e deixando a quinta fase prevista. Con estes datos tan só queremos poñer de manifesto o nulo compromiso do goberno local coas políticas de accesibilidade, quedando totalmente paralizadas dende a súa chegada.

Hoxe, tres anos e medio despois de que Angel Mato iniciara o seu mandato, lémbrase de que a accesibilidade existe e de que ten numerosos proxectos pendentes, e non será porque non llo recordamos unha e mil veces, a través dunha moción en febreiro de 2020, doutra moción en abril de 2021 ou incluso no acordo de orzamentos que asinamos en xullo de 2021.

Dende FeC celebramos que por fin este goberno licite a súa primeira e única obra en materia de accesibilidade do seu mandato, sen embargo, vémonos na obriga de insistir no que aínda lle queda por facer: o ascensor do aparcadoiro do Cantón, unha débeda coa cidade e que, por certo, tamén figura no acordo de orzamentos que este grupo ten asinado co goberno local e unha vez máis está sen cumprir; a execución do proxecto de accesibilidade de centros deportivos e educativos que desenvolveuse xunto coa asociación ASCM, Diversidade Funcional e Policía Local, e que este goberno gardou nun caixón; a redacción da 6º fase dos pasos peonís; a ordenanza de accesibilidade; ou a creación dunha mesa pola accesibilidade na que fixar os obxectivos para avanzar de cara a unha cidade sen barreiras.

Dende FeC defendemos que as administracións públicas teñen o deber e a obriga de cumprir e facer cumprir a lexislación e defender os dereitos fundamentais de todos e todas as cidadáns, e neste senso deben establecer as medidas de accesibilidade, nos espazos e institucións públicos, que garantan a plena inclusión e o total desenvolvemento da autonomía persoal, implementando, así mesmo, accións e medidas encamiñadas a procurar as mesmas actuacións nos espazos e actividades de ámbito privado.

Dito isto, e tendo en conta que en tres anos e medio tan só desenvolveu unha obra en materia de accesibilidade, queda patente que o alcalde, Angel Mato, ten outras preocupacións e prioridades que non pasan por converter Ferrol nunha cidade de cero barreiras, facilitándolle un pouco máis a vida ás persoa con mobilidade reducida e avanzando na batalla da inclusión total.