Ferrol, 2 de decembro de 2022

Esta mañá o concelleiro Suso Basterrechea ofreceu unha rolda de prensa para denunciar a situación xurdida coa organización do Poblado de Nadal deste ano e “o fondo desgusto que nos produce coñecer as condicións que o goberno local lle impón aos artesáns e artesás da nosa cidade para participar no mesmo”, explicaba o edil.

Dende o colectivo de artesáns chégannos multitude de queixas respecto á xestión do habitual Poblado de Nadal por parte do goberno local. Basterrechea daba conta de “que estes profesionais levan máis de dous meses detrás do goberno local para coñecer como se ía organizar este mercado de Nadal pero soamente obtiñan largas, silencios ou un «será coma sempre», atopándose agora cunha empresa externa que vai organizar dito evento e cunhas condicións económicas brutais, que non poden asumir”.

A falta de diálogo entre un goberno pechado en si mesmo e o colectivo de artesáns, produce de novo unha situación conflitiva, pois “moitos deles vendo que non se ía facer nada, alugaron postos noutros lugares para poder desenvolver a súa actividade nunha tempada que é decisiva para eles”, dicía o concelleiro.

Dende Ferrol en Común consideramos un abuso as condicións e tarefas do Poblado de Nadal, onde o posto máis pequeno ronda os 900€ sen IVE e non entendemos coma o goberno local non é consciente de que esas condicións son inasumibles para o sector da artesanía.

Cabe destacar, “que nós, igual que os artesáns, enterámonos de xeito sorpresivo da organización do Poblado de Nadal por parte dunha empresa externa, que ademais non é nin galega, pois non se informou nin contestou ás preguntas sobre este asunto na comisión correspondente”, indicaba Suso Basterrechea. Neste sentido, FeC ven de presentar por rexistro unha petición de información sobre a xestión e prezos do Poblado de Nadal co fin de aclarar esta situación que tachamos de inaceptable.

Dende FeC celebramos que teñan lugar feiras e eventos, coma a do Voluntariado ou a de RegAlarte, pero “evidentemente a forma de tratar ao colectivo de artesáns de Ferrolterra é lamentable e exiximos unha rectificación urxente para que esta situación poida modificarse de xeito inmediato”, remataba o concelleiro Suso Basterrechea.