Ferrol, 2 de marzo de 2023

Ferrol en Común está a percorrer os barrios da cidade reuníndose coas Asociacións Veciñais para coñecer de primeira man os problemas e as necesidades que existen neles co fin de darlles solucións, así coma recoller as propostas da veciñanza nun proceso de escoita activo e participado co obxectivo de enriquecer o programa de goberno de cara ás municipais de 2023.

No día de onte visitamos o barrio de Esteiro, un dos máis antigos da nosa cidade, e puidemos comprobar coma a falta de mantemento en canto a podas, iluminación e rebacheos salta á vista e conforma unha cuestión prioritaria que habería que mellorar de cara aos seguintes catro anos de goberno. Ademais, esta falta de mantemento é unha constante non só neste barrio se non en toda a cidade, polo que ocupará un lugar prioritario nas nosas propostas de cidade.

Outra das demandas máis que xustas para o barrio de Esteiro pasa pola habilitación dun local coma Centro Cívico, no que desenvolver a gran cantidade de actividades que organiza a Asociación Veciñal, contando con moita afluencia e quedándose pequeno o espazo do que dispoñen actualmente. A nosa proposta sería dotar a esta asociación dun local amplo a través do aluguer das múltiples opcións que existen no barrio, coma as naves da rúa Españoleto ou o uso da igrexa da rúa San Carlos que xa é propiedade municipal.

A falta de aparcadoiro é outro dos graves problemas que sofre a veciñanza deste barrio, pois de xeito habitual xúntanse traballadores/as, universitarios/as e os propios veciños e veciñas non sendo suficiente o espazo de aparcamento do que dispoñen, que ademais ao non estar pintado no solo non se aproveita como debería. Dende FeC propoñeremos habilitar o espazo do 1008 como aparcadoiro disuasorio co fin de aumentar as prazas de aparcamento e adecentar ese espazo que xa se está a usar para o estacionamento.

Ferrol en Común considera que o barrio de Esteiro ten moito movemento e actividade polo que precisa dun mantemento regular e de liñas de transporte público adecuadas e frecuentes, así coma un plan de control das vivendas ruinosas que se atopan en moitas das súas rúas.

Durante estes catro anos, todas estas necesidades poderían ser coma mínimo transmitidas ao goberno local para que actuara ao respecto, pero non existe un proceso de escoita e diálogo entre o goberno municipal e os barrios, por moito que o Alcalde saía dende fai un mes do seu despacho, e esta falta de comunicación durante 4 anos da lugar a que as demandas dos barrios non estean satisfeitas, unha cuestión que Ferrol en Común vai a solucionar apostando pola co-gobernanza cos barrios.