Ferrol, 8 de marzo de 2023

Esta mañá, nunha rolda de prensa, presentamos ás 12 primeiras persoas que formarán a candidatura de Ferrol en Común para as vindeiras eleccións municipais que terán lugar en maio do presente ano.

Ferrol en Común é unha organización plural, combativa, participada e de construción colectiva onde todas as sensibilidades de esquerdas teñen cabida e a lista que hoxe presentamos é o máis representativa posible do que somos, persoas que buscan un lugar socialmente máis xusto, feminista, democrático e sostible, entendendo a política coma un instrumento co que mellorar a vida de xente.

As persoas que hoxe presentamos foron elixidas por unanimidade nunha Asemblea extraordinaria celebrada no día de onte en cumprimento do regulamento de primarias de Ferrol en Común.

Tal e coma explicou Jorge Suárez na rolda de prensa “é unha lista ilusionante na que contamos con persoas de longa traxectoria política e con novas incorporacións que serán o futuro de Ferrol en Común”. Así mesmo, o candidato á Alcaldía, agradecía a valentía de todas a dar este paso, “pois non é fácil en política ser visible e dar a cara á cidadanía”.

Suárez fixo unha pequena presentación das 12 persoas que o acompañarán no camiño á Alcaldía. Coma número 2, figura Nerea P. Carballeira, educadora social vencellada á xuventude, á igualdade e á cultura nos seus diversos enfoques laborais e que “cremos que vai ser un valor de futuro para a nosa organización” comentaba o candidato.

Rompendo a cremalleira, Fany Gómez ocupará o número 3 da lista. Directora da biblioteca municipal e leal defensora dos servizos públicos coma demostrou nestes anos liderando á loita por manter a biblioteca municipal a flote, “aportará moitísimo á organización grazas ao seu traballo e experiencia”, explicaba Jorge Suárez.

O número 4 da lista ocúpao Suso Basterrechea, “valor indubidable no eido cultural da cidade, respectado por todas os cores políticas e aprezado por toda a cidade”, afirmaba o candidato de FeC, lembrando que “aínda ten moitas batallas que dar e contamos con él para iso”.

A candidatura continúa con nomes coma Xiana López, concelleira de FeC neste último mandato no que desenvolveu un papel construtivo en prol do benestar social; Victor Ledo, recoñecido sindicalista e referente na loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras; Paula Faraldo, actual secretaria do grupo municipal de FeC e Coordinadora Local de Esquerda Unida; Roi Saiz, representando á xuventude cun discurso do que sen dúbida temos moito que aprender; Malay Sobrín, profesora xubilada e defensora da educación pública; Fran Perez Macías, traballador da empresa de parques e xardíns e delegado sindical que leva tempo en loita polos dereitos dos traballadores/as; Sari Alabau, referente para nós e voz de toda unha xeración que nos da forzas para continuar e Rafael Rodríguez, unha das persoas máis comprometidas co social e a construción colectiva.

“Este primeiro tramo da lista é para nós un punto de crecemento que creo que nunca tivemos e a nosa aspiración é a de ser decisivos para Ferrol”, explicaba Jorge Suárez, afirmando que “imos con todo sobre a mesa para tratar de chegar a toda a xente desta cidade e demostrar que outro Ferrol é posible”.

Temos as mellores condicións para acadar un bo resultado nas vindeiras municipais e construír un Ferrol onde se apliquen políticas reais de esquerdas conseguindo converter esta cidade en verdadeiramente feminista, participada, socialmente xusta e sostible.