Ferrol, 27 de marzo de 2023

O Colectivo de presas e presos políticos na ditadura presentou aos grupos municipais un completo documento onde aportan motivos máis que suficientes para que o Concello de Ferrol elimine a simboloxía franquista da cidade. Dende Ferrol en Común recollemos a súa petición e presentamos unha moción para que a eliminación dos vestixos franquistas sexa unha realidade dunha vez por todas.

Pasados xa máis de 40 anos do fin da ditadura militar franquista, a sociedade española está obrigada a recoñecer oficialmente as súas vítimas e a que se faga xustiza respecto á dura represión que padeceron. Así mesmo, a experiencia de máis de 30 anos de democracia, permítenos abordar dun xeito maduro a relación coa Memoria Democrática, tendo en conta que recuperar dita memoria é a forma máis firme de asentar o futuro.

Ferrol en Común defende a condición de vítima e o dereito á reparación. Por iso é imprescindible eliminar toda simboloxía franquista que convive con nós nos espazos públicos ou privados de uso público e que exalta os valores, símbolos ou personalidades vinculadas coa ditadura.

Coa aprobación da Lei de Memoria Democrática, a sentenza do Tribunal Supremo de de 15 de decembro de 2022, as resolucións do Parlamento Galego e a Deputación da Coruña e os numerosos acordos Plenarios que aínda están sen cumprir, temos avais suficientes como levar a cabo dunha vez por todas a eliminación da simboloxía franquista de Ferrol, na que aínda quedan 45 símbolos franquistas coma fillos predilectos, fillos adoptivos, medallas de ouro e prata, catro rúas, escudos ou esculturas, cuxa eliminación non require dunha gran actuación se non de vontade política.

O colectivo de presas e presos políticos son os verdadeiros protagonistas desta moción e temos que poñer en valor non só a loita incansable e perseverante deste colectivo na actualidade que están a traballar polo fin dos restos do franquismo, se non tamén a loita que levaron a cabo nun tempo onde exixir liberdade era xogarse a vida.

Por todo isto, este xoves pediremos no Pleno a retirada dos 45 símbolos franquistas que aínda quedan na nosa cidade en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

Consulta a moción aquí