Ferrol, 29 de marzo de 2023

Nun contexto de escoita activa ao principal tecido organizado da nosa cidade, Ferrol en Común vén de reunirse con distintas persoas concienciadas en promover o respecto polo medio ambiente e, dende logo, en cooperar para construír un programa político onde a iniciativa local nese eido sexa exemplarizante e de impulso real, máis alá de intencións baleiras de contido.

Para iso, ademais de insistir na necesidade da conservación de espazos de especial relevancia ambiental e a súa inclusión como Espazos Naturais de Interese Local no PXOM, para lugares como a Fraga de Menáncaro ou a Carballeira da Casa do Monte, co fin de blindar a súa conservación e afastar a posibles tentacións especuladoras, FeC tamén desenvolverá as seguintes medidas:

– Un plan para erradicar as especies exóticas invasoras, de acordo cos catálogos que dispoñen entidades como a SGHN, tales como a herba da pampa ou a acacia, propoñendo unha mesa sectorial onde participen Xunta de Galicia e entidades medio ambiantais para actuar de forma coordinada.

– A reapertura da Aula de ecoloxía urbana, pechada neste mandato, e que era peza nuclear para a concienciación medioambiental, tanto na propia aula como en centros escolares. Dándolle un uso habitual a través da programación de cursos, talleres e actividades para promover, concienciar e aprender sobre medio ambiente e formarse sobre agricultura ecolóxica e libre de químicos ou elaboración de compós.

– Desenvolver unha planificación contra a contaminación lumínica co fin de situar a Ferrol no mesmo lugar que o resto de cidades galegas, implantando unha rede de iluminación LED de baixa intensidade.

– Impulsar o saneamento do rural, unha cuestión fundamental non só para a veciñanza desa zona, senón tamén para nós, polo que formularemos esta cuestión a toda a corporación para que se converta nun compromiso de aprobación nos primeiros seis meses de mandato.

– Crear unha patrulla medioambiental da policía local, con carácter de permanencia, que poña coto ás talas masivas, invasión de pistas e viais por camións de alta tonelaxe, e o descontrol de queimas e ataques á flora e a fauna, con presenza disuasoria e propostas de sancións.

– De portas para dentro, levaremos iniciativas para a eliminación progresiva do papel dentro do Concello ou o uso de materiais reciclados e respectuosos co medio ambiente, para comprometernos na administración local nesta materia e dar exemplo coas nosas accións de cara ao resto da cidadanía.

Así mesmo, temos que ser críticos con este goberno neste aspecto pois durante este mandato non levou a cabo nin unha soa iniciativa en materia de medio ambiente. Cuestións tan sinxelas coma programas educativos nos centros escolares ou promover e visibilizar días coma “A hora do Planeta”, o “Día da Auga” ou “Día contra o cambio climático” que axudan a concienciar á sociedade e neste momento de emerxencia climática, non estiveron na axenda deste goberno.

Dende Ferrol en Común comprometémonos a actuar en prol da protección e conservación do noso entorno e o coidado ao noso Planeta a través de todas estas medidas que presentaremos máis a fondo no programa de goberno, pois consideramos o respecto ao medio ambiente un piar transversal fundamental para o municipalismo, máis que vixente na Axenda 2030 e que debe rexer calquera actuación pública.