Ferrol, 22 de maio de 2023
Ferrol en Común proclama que a transformación social será feminista ou non será. A sororidade, o empoderamento e a loita fraterna das mulleres que eclosionou nas rúas nos últimos anos no día 8 de marzo debe consolidarse na autoorganización e tamén no estímulo de políticas públicas de loita contra o machismo e a violencia derivada deste, da erradicación da multitude de violencias que sofren as mulleres, construción de redes de axuda mutua e colaboración e potenciación de entidades de mulleres, tanto no ámbito urbano coma no rural. Así mesmo, a igualdade e liberdade para toda a diversidade sexual, de xénero e familiar debe reflexarse nas políticas políticas.


Por todo isto, Ferrol en Común reserva un espazo moi importante no seu programa de goberno para as propostas de igualdade e políticas LGTBIQ+, comezando por devolverlle a actividade a unha Casa de Muller que estivo paralizada estes últimos 4 anos. É fundamental que volva a ser o epicentro das políticas feministas da cidade, dotándoa de recursos suficientes e dunha programación estable, así coma darlle ao CIM a capacidade de atender ao colectivo mediante un asesoramento social, xurídico e psicolóxico áxil e afectivo e para iso é prioritario reforzar este servizo.


A conciliación é un punto clave para FeC, promover e apoiar a todas as familias con programas coma PequeEduca en Igualdade e coa posta en marcha dun servizo municipal de canguraxe para favorecer a conciliación persoal, familiar e laboral, con especial incidencia en persoas/unidades familiares con maiores dificultades para a conciliación: familias monomarentais, monoparentais, familias numerosas, persoas migrantes ou mulleres en situación de violencia de xénero; dirixido a menores de idades comprendidas entre os 4 meses e os 12 anos.


Debemos seguir dotando de recursos á Casa de Acollida Municipal, co fin de ofertar unha atención integral ás súas usuarias que lles permita afrontar un novo proxecto de vida, así como unha política de inserción laboral que permita un desenvolvemento autónomo como mulleres libres.


Outra medida que levaremos a cabo será a contratación da figura profesional da Axente de Igualdade, a través da cal desenvolver unha programación educativa e de concienciación en igualdade continuada no tempo. Traballar para a erradicación da violencia machista a través da educación, prevención, sensibilización, formación e información con especial relevancia na comunidade educativa e asegurar o funcionamento do protocolo de prevención e denuncia do acoso sexual e moral.


Dinamizar o Consello Municipal de Igualdade e Muller, uso de imaxe e linguaxe igualitaria nas comunicacións e accións municipais, garantir a aplicación do IV Plan de Igualdade de Xénero de Ferrol ou promover accións coas asociacións vencelladas á muller son outras nas nosas propostas neste eido.


Por outra banda, a sociedade está a avanzar e o municipal debe avanzar con ela, por iso, dende FeC impulsaremos políticas LGTBIQ+ para darlle voz ao colectivo, educar en diversidade e desenvolver iniciativas coma crear o Consello Municipal LGTBIQ+ como órgano regulador e asesor con atención directa ao colectivo e as súas familias e de participación na Administración local e na vida social da cidade; realizar campañas de información, sensibilización e visibilización do colectivo LGTBI+ e plans de actuación contra a LGTBIfobia; promover a formación sobre diversidade sexual e de xénero, LGTBIfobia e Dereitos Humanos a profesionais dependentes das administración locais, especialmente policía local e profesionais dos servicios sociais de atención primaria que traballen no ámbito da infancia, xuventude e familias; e adaptar todos os formularios/solicitudes da administración local en canto a determinación do sexo/xénero e no apartado “pai e nai” en troques de “proxenitores” para adaptarnos ás realidades familiares que demanda a sociedade actúa.