Ferrol, 23 de maio de 2023

Ferrol en Común naceu cunha premisa fundamental: os coidados mutuos, o reparto da riqueza e a xustiza social. Nesta tesitura non podemos considerar ningunha área tan importante como a de benestar social. Para que ninguén quede atrás é necesario poñer en marcha medidas que reforcen os servizos sociais e ferramentas que dean resposta ás difíciles situacións nas que pode verse calquera persoa.

Dentro do noso programa destacamos tres medidas fortes, a posta en marcha dun Plan de Saúde Mental, o impulso da construción dunha residencia de maiores no edificio da UDC de Serantes ou a creación da Renda Básica Municipal, tres medidas que darán resposta a situacións que está a vivir a veciñanza de Ferrol.

Pero sen esquecernos que é preciso non cesar no fornecemento das Unidades Básicas de Traballo Social, descentralizándoas por cada barrio e chegando tamén ao rural; establecer un protocolo de actuación moito máis áxil, sobre todo ante situacións de urxencia vital; abrir canles de colaboración non só coas diferentes areas do concello senón tamén con outras administracións e entidades da cidade que traballan en prol do benestar. Ademais disto, crearemos un Servizo de Emerxencias Sociais que complemente a cobertura das entidades sociais e que ofreza un servizo de 24 h/365 días.

Así mesmo, hai que seguir aumentando os recursos para favorecer o desenvolvemento persoal da infancia e da xuventude como sector prioritario na loita para conseguir pobreza 0. Continuando co incremento e progresividade na dotación orzamentaria para bolsas sociais de libros, material escolar, comedores e todos aqueles recursos que permitan a igualdade e o desenvolvemento pleno. Ademais, é preciso promover programas coma ProInfancia en todos os barrios con familias en situación de vulnerabilidade.

Ferrol en Común aposta pola creación dunha Renda Básica Municipal polo menos mentres non se acceda ao Ingreso Mínimo Vital ou outra prestación social. Garantindo que nun prazo máximo de 10 días hábiles estea concedida ante unha situación de exclusión social.

En canto ás persoas maiores, impulsaremos programas de loita contra a soidade, fomentando a axuda no fogar por concorrencia e atención á dependencia, promoveremos pisos interxeneracionais do parque público, dinamizaremos a súa vida social a través dos comedores senior e outras actividades coma memoria, talles, roteiros, transmisión oral e calquera outra que estea codecidida entre todas. Así mesmo, promoveremos unha residencia de maiores no edificio de Serantes no que se atopaba a UDC.

En canto ás persoas migrantes, é preciso despregar programas que lles informen e faciliten os trámites á súa chegada, así coma ferramentas que non os deixen desprotexidos nos seus primeiros días na nosa cidade.  

Por último, un punto importante no noso programa de Benestar Social é a posta en marcha dun Plan de Saúde Mental, impulsando campañas de prevención e detección de problemas de saúde mental nos centros educativos ao mesmo tempo que se traballa para normalizar este tipo de enfermidades. Implantaremos unha programación de actividades en diferentes espazos municipais para combater a ansiedade, angustia, depresión, estrés e calquera outro trastorno psicolóxico e poñeremos en marcha un novo servizo de atención psicolóxica no Concello dentro da area de servizos sociais, dirixido a toda a veciñanza pero en especial aos usuarios/as desta área.