Ferrol, 24 de maio de 2023

O mandato de FeC supuxo unha auténtica revolución cultural, ademais da calidade e cantidade púxose fincapé en garantir o acceso á cultura de todas as persoas e de todos os barrios.

Por isto, o programa cultural de Ferrol en Común aposta por darlle continuidade ao traballo desenvolto no 15-19, que contaba cunha grande satisfacción dentro do tecido cultural e do total da cidadanía. Por isto, melloraremos os aspectos que consideremos que se poden mellorar e daremos resposta aos retos que quedaron pendentes ou que se presentan na actualidade.

Ferrol en Común non entende a cultura sen o apoio ao tecido cultural da cidade e ao talento ferrolán. Neste eido, unha das nosas apostas claras é o impulso dos locais de ensaio coma espazo público e incluso ampliación do mesmo, dada a boa acollida que leva tendo dende a súa creación, así coma a reserva de espazos para exposicións locais, todo elo buscando apoiar ao talento da nosa cidade.

As nosas políticas culturais serán sempre participadas, recibindo a todas as persoas, asociacións e entidades que así o soliciten e creando canles de comunicación continua que nos sirvan para analizar as necesidades do tecido cultural en cada momento co fin de darlles unha resposta áxil dende o concello.

Retomaremos os obradoiros de grabado e cerámica e avanzaremos na creación da ampliación de ditos coñecementos especialmente en novas tecnoloxías aplicadas a artes plásticas co fin de establecer Obradoiros Municipais de Artes Plásticas. Tamén recuperaremos e revitalizaremos os ciclos e festivais que creamos no noso mandato coma Fóra do Mapa, Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, Jazz da Ría, Festea…

Regularizar a Banda Municipal de Música é un dos nosos retos pendentes e sen dúbida traballaremos para solventar esta situación e retomar a programación que realizábamos neste sentido e que tan boa acollida tiña.

A nosa intención é incrementar a partida orzamentaria na area de cultura progresivamente durante estes vindeiros 4 anos ata chegar a un 5% de aumento. En canto ás subvencións públicas, estableceremos un sistema plurianual e ademais de reforzar a concellería de cultura, crearemos unha oficina de atención ao tecido cultural especializada en asesoramento en apoio co fin de facilitar os trámites.

Seguiremos apostando por darlle impulso as festas populares e tradicionais da zona rural, coma veñen demandando os seus veciños e veciñas, ao mesmo tempo que descentralizaremos as actividades e actuación, ademais de facelas accesibles a todas as persoas e a todos os lugares en igualdade de condicións.

Para nós, o programa electoral no eido da cultura non é meramente unha listaxe de propostas a realizar nos vindeiros 4 anos, senón que ten que ver coa persoa ao fronte da concellería, co seu compromiso e a súa predisposición, coa súa visión e o seu coñecemento sobre o mundo cultural, e neste eido, somos a única garantía para que Ferrol volva a estar no mapa polo seu desenvolvemento cultural. Suso Basterrechea é un seguro para toda a cultura da cidade e para toda a veciñanza que queira gozar dela.