Documento Feminismos

UNHA FeC

RADICALMENTE DEMOCRÁTICA:

ORGANICAMENTE FEMINISTA

FEMINISMO COMO EIXO TRANSVERSAL E VERTEBRADOR

O 8M dende 2018, o movemento feminista, puxo enriba da mesa a necesidade de recuperar as dinámicas, a profundidade e xeitos de relacionarse e actuar do 15M, recuperando e mantendo no tempo as propostas e innovación nas que se sustentan as cidades e concellos do cambio.

O 8M foi quen de manter no tempo neste horizonte 2019 a interpelación feminista directa ao centro do sistema patriarcal e capitalista.

O movemento feminista, a través da súa transversalidade e dimensión múltiple, puxo na axenda política e social novos conflitos que ata o de agora non se analizaban en común cunha perspectiva colectiva de sociedade: as violencias machistas, as agresións sexuais, a precariedade laboral, a brecha salarial de xénero, o neoliberalismo que feminiza a pobreza, a deshumanización social nas relacións coas persoas maiores, novos xeitos necesarios para a coeducación na infancia, a crise reprodutiva, un sistema capitalista que feminiza a pobreza, etc. problemas que o herteropatriarcado, ata o 8M, esforzábase por reartellar e acoralos coma problemas individuais e íntimos. O 8M fixo que entendésemos que non estamos soas pero que a crise política e social do sistema ten como foco os dereitos das mulleres establecendo un conflito entre o capitalismo e as persoas coma suxeitos de dereitos.

En palabras da politóloga Silvia Clavería: “Os partidos son máquinas de triturar o potencial das mulleres”, para o que o movemento feminista tamén fixo un chamamento á despatriarcalización da vida política e orgánica, abrindo a posibilidade de que a esquerda se propoña un novo modelo político de inspiración feminista para o cambio dos modelos de poder cara un movemento municipalista, ecoloxista, internacional, transversal e anticapitalista no que FeC ten que (de)construírse.

DESPATRIARCALIZAR FeC.

O termo despatriarcalización fuxe da idea de desestigmatizar a atribución da feminización, de desmitificar que o feito biolóxico de ser muller implica un xeito emocional xa que para Ferrol en Común o feminismo e a perspectiva de xénero non é “unha cousa de mulleres”. Tamén é un termo que xera comportamento, un termo que implica e corresponsabiliza a todas as persoas sobres os xeitos, lugares e estratexias de facer política dende Ferrol en Común e de deconstruír o sistema patriarcal activamente.

Entendendo o feminismo coma un xeito revolucionario para transformar a sociedade é imprescindible cambiar as formas de facer política situando a vida das persoas e o planeta no centro.

Para isto, non abonda con chiscadelas ou baleiras declaracións de intencións senón que é preciso analizar as relacións orgánicas, facer autocrítica e reflexionar sobre a masculinidade nas súas relacións co poder, e analizar o rol que xoga a ansia de poder na construción da identidade masculina.

Actualmente a política é un mundo eminentemente masculino, pensado por e para homes e baixo o xugo dunha cultura heteropatriarcal e con funcionamento, dinámicas e procedementos patriarcais.

FeC non soamente pode entender a igualdade entre homes e mulleres coma unha cuestión de paridade legalista, senón tamén coma un xeito de toma de decisións orgánicas de xeito colectivo, inclusivo e eliminando as discriminacións, paternalismos, e violencias invisibles ou silenciosas das organizacións políticas cara ás mulleres. Asumir o poder por parte das mulleres, ademais de ter as mesmas oportunidades que os homes deben ter o mesmo respecto e eliminar os sesgos de xénero que se dan baixo as prácticas informais ou rutinas políticas que rematan sendo xeitos formais de actuar.

En política hai mulleres que dan o paso, tamén hai teitos de cristal, violencia institucional e brechas salariais ou de representatividade política. Por iso, para mudar os modelos políticos é imprescindible deconstruír as prácticas patriarcais e así acadar un cambio para transformar a vida da xente cunha nova política feminista coma motor social.

MODELO ORGANIZATIVO FEMINISTA FeC:

Os movementos municipalistas do cambio pretendemos ser a punta de lanza dunha nova política, mudando dinámicas masculinas, individualistas e machistas por políticas inclusivas, cooperativistas, igualitarias e colectivas. Para FeC a aplicación de políticas feministas trasnversalizará dende a comunicación coma políticas e relacións de traballo, institucional ou organizativamente, evitando prácticas partidistas, a linguaxe belicista, ansia de acaparar poder ou acumular diversas responsabilidades, políticas de cotas ou buscar representatividade excesiva ou prácticas afastadas do ben común. Por outra banda, as dificultades de conciliación en política vense na relación coa vida familiar (tanto coa infancia coma con persoas maiores ou dependentes a cargo) o con outros espazos de activismo, sociais, amizades, lecer, etc.

Os modelos de liderado horizontais, empáticos e colaborativos son un valor do que nutrir FeC así coma liderar discursos e xeitos de comunicación interna e externa con perspectiva de xénero.

É imprescindible buscar novas maneiras de relacionarse e de interacción política:

Interaccións políticas patriarcais a deconstruír Fórmulas novas de interactuar en política
Espazos de decisións informais e masculinizados, exclusivos e excluíntes que restrinxen a participación. Espazos de decisión colectivos, inclusivos e transparentes.
Enquistarse e reiterar a mesma opinión en bucle. Valorar partes de posicións contrarias que poden nutrinos.
“Gañar o debate político” impoñendo posicións e absolutismo. Recoñecer que existen posturas diversas e nada.
Dificultade para encaixar diferenzas ou discrepancias políticas ou de estratexia e permitir que afecten no trato persoal. Facilitar espazos de traballo para buscar nexos que fagan evolucionar as posturas diversas ou que se comparta metodoloxía ou espazos de traballo dende o respecto.
Présa, imposicións e presión na toma de decisións. Tempos para repousar e deliberar as decisións.
Mostrar sempre autocomplacencia e autoridade. Deixar espazo para autocrítica e relativizar ás veces as conviccións propias.
Ritmos vertixinosos e subestimar opinións diferentes. Sustentabilidade e tempos para a escoita activa.
Militancia individualista e falso ideal de autonomía. Interdependencia e redes de persoas.
Conflitos permanentes ou capitalización dos debates. Facilitación como mecanismo de coidado de persoas e catalizador das ansias de poder.
Ansiedade de permanente e excesivo control organizativo. Acumulación de responsabilidades. Delegar e ter confianza no traballo en común. Responsabilidades colectivas e sostibles.
Banalizar a paridade. Recorrer as motivacións técnicas ou de cargos institucionais para relegar ás mulleres a roles de “presentadoras” en actos públicos. Crer na relevancia política e representatividade equitativa das compañeiras. Incentivar a importancia. Reparto equitativo de responsabilidades.
Reproducir o heteropatriarcado en roles e na asignación de tarefas: perfís feminizados ou tarefas masculinizadas . Promover o intercambio de roles e a diversidade nas tarefas e perfís.

Para transformar o xeito de facer política con perspectiva de xénero, dende FeC consideramos imprescindible a implicación dos homes xa que sen esa deconstrución patriarcal inherente á cultura machista, non seremos quen de actuar en favor dun cambio feminista para desmontar o sistema patriarcal. Se non implicamos aos homes, seguirán existindo conflitos e non seremos quen de erradicar as deficiencias das condutas patriarcais.

Temos que ter presente que determinados estereotipos de xénero (privilexios de clase, privilexios sociais, sede de poder, necesidade de gañar para ser “heroe”, ocultación de sentimentos en público, esquecemento dos coidados…) afectan tamén aos homes e á relación e dinámica política coas compañeiras na equidade para todas as persoas.

Para acadar o cambio político que queremos non soamente é imprescindible que as mulleres de FeC se empoderen e dean o paso como deron moitas compañeiras no 2015, senón que sexamos quen de que as nosas compañeiras queiramos estar e seguir participando da axenda política sen renunciar ao activismo e á vida persoal. Na corresponsabilidade das persoas de FeC está que, tras ese paso necesario e valente de moitas compañeiras, algunha das nosas concelleiras tivesen sensacións de estar un pouco soas e sen o necesario apoio de grupo e arroupe de equipo.

Debemos formularnos que é necesario en FeC un espazo feminista en común onde poder traballar iniciativas políticas feministas e onde crear redes de apoio e sororidade para buscar estratexias e propoñer mulleres valiosas e animalas a que dean o paso, á súa visibilidade e que poidan tomar responsabilidades futuras.

Se nos propoñemos ter ese espazo en común para transformar as relacións de poder, debemos entender que o feminismo non soamente é un grupo de traballo construído en FeC senón que debe estar en todas as relacións políticas, organizativas e de rúa e constituírse coma unha filosofía e práctica política inherente a Ferrol en Común que vertebre o noso xeito facer e estar en política.

Estamos en tempos históricos de cambio de modelo social onde o vello non remata de desaparecer e os novos tempos están sen chegar pero son tempos de ilusión, de cambio e esperanza onde o 8M fíxonos ver que existe un futuro para crealo en común. Un futuro que vén cargado da memoria de loitas históricas de conquista de dereitos para o ben común. Máis que nunca, é un momento de traballo colectivo, de traballo en rede, de empoderamento feminino e de loitas compartidas entre cidades e vilas de todo o país.

De toda esa experiencia debemos ter a pel predisposta para impregnar a Ferrol en Común, como un lugar onde atoparnos. Un lugar onde a política sexa o que en esencia é, coidar ás persoas. Un lugar de todas, onde non sobra ninguén.

×