Lugar de todas

Estatutos

Capítulo Primeiro. De Ferrol en Común

Artigo1º. Definición

Ferrol en Común (FeC, de aquí en diante) defínese como organización política da esquerda transformadora, de ámbito local, circunscrita ao Concello de Ferrol, e a aqueles ámbitos que afecten ou incidan sobre o mesmo. Constituíuse como suxeito político soberano por vontade das persoas asinantes do Manifesto FeC, feito público para concorrer ás eleccións municipais do 24 de maio de 2015. Por imperativo legal, constitúese baixo a fórmula de Partido Político, baixo o mandato dos artigos 6º da C.E. e 1º da LO 6/2002, de 27 de xuño, de Partidos Políticos.

Artigo  2º. Finalidade

A súa finalidade é promover a transformación social a través de gobernos participados pola cidadanía, entendendo a participación como un motor potencial do cambio social que, ao mesmo tempo, implica a toma de conciencia colectiva e o compromiso individual da cidadanía autoorganizada na Asemblea de FeC.

FeC ten a súa sede no enderezo Rúa da Magdalena nº 58 baixo CP 15401, Ferrol, e o seu logo corporativo está representado pola lenda Ferrol en Común, e a súa esquerda 4 arcos que conforman un círculo, cada arco dunha cor (morado, vermello, verde e azul). A súa representación é:

índice

A súa páxina web é http://ferrolencomun.gal e o seu correo electrónico ferrolencomun@gmail.com

Capítulo Segundo.Das persoas inscritas e simpatizantes, dos seus dereitos e das súas responsabilidades

Artigo  3º. Das persoas inscritas

Poderá formar parte de FeC calquera persoa que así o desexe e manifeste de xeito individual, e se comprometa asinando o Manifesto Fundacional e o Código Ético. Na súa inscrición constarán obrigatoriamente os seus datos persoais e de contacto, que pasarán a formar parte do Rexistro de Persoas Inscritas de FeC. Por imperativo legal, as persoas inscritas deberán ser maiores de idade e autorizar expresamente a que os seus datos de carácter persoal sexan incorporados ao Rexistro de Persoas Inscritas de FeC.

Artigo  4º. Dereitos das persoas inscritas

Son dereitos de todas as persoas inscritas de FeC:

  1. Participar de xeito activo, crítico e construtivo dos debates e acordos de FeC, dende a estrutura organizativa correspondente, tanto na súa actividade, como na toma de decisións mediante o voto.
  2. Elixir e ser electa para os órganos internos e institucionais de FeC.
  3. Recibir información sobre a composición dos órganos, as súas decisións, as actividades realizadas e a situación financeira.
  4. Impugnar os acordos dos órganos internos de FeC que estimen contrarios aos presentes estatutos, mediante os mecanismos regulamentariamente establecidos.
  5. Acudir á Comisión de Mediación en Garantías cando considere que foron vulnerados os seus dereitos
  6. Causar baixa como inscrita a petición propia.

Artigo  5º. Obrigas das persoas inscritas

Son obrigas das persoas inscritas de FeC:

  1. Compartir as finalidades de FeC e colaborar activamente para a súa consecución, mediante a participación e cooperación nos seus órganos (Asembleas e/ou Grupos de Traballo).
  2. Cumprir e velar polo cumprimento igualitario dos presentes Estatutos por e para todas as persoas inscritas, así como do Código Ético e dos regulamentos que se adopten democraticamente.
  3. Participar dos órganos aos que pertenza e realizar as tarefas que asuma.
  4. Respectar e cumprir os acordos lexitimamente adoptados nos órganos de FeC.
  5. Respectar a motivación da convocatoria das asembleas e reunións así como a súa orde do día.
  6. Empregar os recursos de FeC para a finalidade coa que foron creados.
  7. Non empregar a súa condición de inscrita para beneficio persoal e/ou privativo.
  8. Na súa vida cotiá, as persoas inscritas deberán facer o maior esforzo posible por promover a normalización da Lingua Galega, lingua vehicular de FeC.

Artigo 6º. Da perda da condición de persoa inscrita

A condición de persoa inscrita perderase:

  1. Por expresa vontade de quen así o desexe, manifestada mediante a oportuna comunicación por escrito.
  2. Pola inobservancia dos presentes estatutos ou dos acordos democraticamente adoptados, coa comisión de Infracción moi grave.

Artigo 7º. Das persoas simpatizantes de FeC

  1. As persoas que se adheriran ao Manifesto Fundacional de FeC, mais que non rectificaran a súa adhesión en base ao estipulado no artigo 3º dos presentes estatutos, terán a condición de simpatizantes.
  2. As persoas simpatizantes terán dereito a ser informadas mediante unha lista de distribución electrónica das actividades, convocatorias e acordos públicos de FeC, e a participar da súa estrutura, mais sen dereito a voto nin a ser parte dos órganos internos nin institucionais de FeC.

Capítulo Terceiro. Sobre a estrutura de funcionamento de FeC

Artigo 8º. Dos Órganos en FeC

A estrutura interna e o funcionamento de FeC baséase en principios democráticos. Son órganos de FeC os seguintes:

  • Asemblea Xeral
  • Coordinadora
  • Grupos de Traballo
  • Grupo Municipal
  • Comisión de Mediación e Garantías

Artigo 9º.  A Asemblea Xeral de FeC

A Asemblea Xeral é o máximo órgano de decisión de Ferrol en Común, ten carácter presencial, e está constituída polo conxunto das persoas inscritas de FeC ao corrente das súas obrigas. A Asemblea será o órgano máximo para a toma de decisións e convocarase para tratar cuestións estratéxicas e tamén para render contas da xestión política interna e externa de FeC e da súa acción institucional.

As Asembleas poderán ser ordinarias ou extraordinarias. As Asembleas ordinarias terán unha periodicidade trimestral, correspondendo a súa convocatoria á coordinadora de FeC. As Asembleas Extraordinarias serán convocadas cando así o demande a propia Asemblea en pleno, por solicitude das 3/5 partes do censo de persoas inscritas de FeC  ou pola coordinadora de FeC.

Artigo 10º. Da convocatoria e desenvolvemento das Asembleas Xerais

A convocatoria das Asembleas Xerais terá que ser feita cun mínimo de 7 días de antelación, por correo electrónico e anunciada na páxina web de FeC, indicando lugar, data e hora da convocatoria, a orde do día e a expresión concreta das cuestións a tratar na mesma, así como do seu carácter. O carácter da Asemblea poderá ser aberto cando así o determine a coordinadora de FeC.

A orde do día será elaborada pola coordinadora seguindo o mesmo procedemento que para a elaboración das ordes do día propias. As persoas inscritas poderán incluir un ou máis puntos na orde do día se así o solicitan cando menos un 10% das persoas inscritas no censo de afiliación. Ao inicio da Asamblea Xeral poderase engadir un punto da orde do día coa aprobación da maioria absoluta das persoas asistentes.

Ao inicio das asembleas elixirase unha Mesa Moderadora composta -cando menos- dunha persoa que actúe como secretaria/o de actas e de outra persoa que modere o debate.

Correspóndelle á mesa centrar os debates sobre a orde do día establecida e poñer un límite de tempo por tema, en función da hora de finalización da sesión establecida. Ademais da función de moderación, a Mesa deberá levantar acta da sesión.

Artigo 11º. Da constitución da Asemblea Xeral e das súas facultades

Para a aprobación de acordos pola Asemblea Xeral procurarase a vía do consenso. En caso de non acadarse o consenso, procederase á votación individual. Adoptaranse aqueles acordos nos que os votos afirmativos superen aos negativos.

Son facultades da Asemblea Xeral:

  1. Actuar para a consecución das finalidades e obxectivos consignados no programa, nos presentes estatutos e no Código Ético.
  2. Tratar cuestións estratéxicas e os grandes temas que afecten á cidade.
  3. Aprobar a xestión de todos os órganos de FeC.
  4. Examinar e aprobar as contas e orzamento anuais presentados pola Coordinadora de FeC.
  5. Escoller ás persoas que forman a Coordinadora de FeC de designación directa pola Asemblea e a Comisión de Mediación e Garantías.
  6. Fixar as achegas extraordinarias.
  7. Render contas da xestión política interna e externa de FeC e da súa acción institucional.
  8. A propia disolución de FeC.
  9. A modificación dos presentes Estatutos.
  10. A resolución dos recursos interpostos ás sancións ditaminadas pola Comisión de Mediación e Garantías.

Artigo 12º.  Da Coordinadora de FeC

A Coordinadora será o órgano encargado de executar o traballo político de Ferrol en Común.

Serán funcións da Coordinadora:

  1. Convocatoria das Asembleas Xerais ordinarias, proposta de Mesa e Orde do Día inicial de cada sesión asemblearia.
  2. Executar e facer seguimento do cumprimento dos acordos e propostas que se aproben na Asemblea.
  3. Desenvolver a estratexia política e a extensión do proxecto político de FeC.
  4. Representación de Ferrol en Común ante institucións.
  5. Administrar os recursos de Ferrol en Común.
  6. As funcións propias de coordinación entre o grupo municipal e os outros órganos de FeC.
  7. A Coordinadora elixirá un máximo de tres persoas de entre as que a integran para asistir ás reunións do grupo municipal con voz e voto, podendo darse rotación na escolla.
  8. A elaboración de proposta de carta financeira para membros do grupo municipal e persoal de gabinete.
  9. A elaboración da proposta de Regulamento de réxime electoral.
  10. A elaboración dunha proposta de Regulamento de desenvolvemento e aplicación doCódigo Ético de FeC.
  11. Validaciónde altas-baixas e censos.

Entre as persoas escolleitas pola Asemblea de Fec, que conforman a coordinadora, determinarase quen asumirá as seguintes áreas de traballo, podendo determinar que nalgunha delas haxa responsabilidade compartida:

  • Coordinación, que desenvolverá funcións de enlace entre os diferentes órganos de FeC, e entre estes e os Grupos de Traballo.
  • Organización, que realizará as convocatorias da Coordinadora e tomará acta das mesmas. Custodiará as actas e os censos da organización, mancomunadamente coa persoa responsable de Coordinación.
  • Finanzas, que realizará funcións de contabilidade de FeC e a xestión económico-financeira. Será responsable de elaborar e custodiar os libros de contabilidade, e de que se axusten á normativa vixente.
  • Comunicación, que coordinará a política comunicativa de FeC e a xestión da páxina web e das súas redes sociais.
  • Loxística, que supervisará o estado dos bens materiais de FeC, así como do uso do seu local e acceso ao mesmo.
  • Participación e transparencia, que coordinará o desenvolvemento daqueles aspectos contidos no Código Ético de FeC relativos á participación e a dación de contas.
  • Dúas persoas desenvolverán a portavocía. Terán a representación pública de FeC e serán as encargadas de transmitir os acordos da Asemblea e da Coordinadora ao conxunto da cidadanía. Estarán integradas no funcionamento ordinario da Coordinadora e carecerán de funcións executivas.

A propia Coordinadora poderá determinar cando as súas xuntanzas serán abertas ao conxunto das persoas inscritas de FeC, dependendo dos asuntos a tratar na orde día; asemade, poderá convocar a que asistan as persoas de determinados grupos de traballo, en función da temática a tratar.

Os prazos para a súa renovación pola Asemblea Xeral de FeC será como máximo por un período de 2 anos.

Reunirase ordinariamente quincenalmente, e a súa convocatoria realizarase cun prazo mínimo de antelación de 48 horas. A persoa responsable de organización realizará unha proposta de orde do día, podendo calquera membro da coordinadora propor puntos a incluír na mesma.As decisións tomaranse sempre que sexa posíbel por consenso despois do debate oportuno; de non chegar a un consenso a decisión tomarase por votación con maioría simple.

Artigo 13. Elección da Coordinadora

Estará composta por un mínimo de 11 persoas, das cales 10 serán escolleitas pola Asemblea de FeC, e cando menos unha persoa que será designada polo Grupo Municipal de entre os seus membros, con dereito a voz e voto. O persoal contratado por FeC con funcións políticas asistirá ás xuntanzas da Coordinadora, con dereito a voz, pero non a voto.

  1. A) As persoas representantes do grupo municipal serán designadas polo propio grupo municipal que decidirá libremente entre os seus integrantes quen asiste ás reunións da coordinadora.
  2. B) As dez persoas elixidas polo conxunto das inscritas escollerán en votación secreta seguindo o modelo de listas abertas podendo cada votante dar o seu voto a un máximo de oito das persoas candidatas.
  3. C) As candidaturas á coordinadora terán carácter individual e a papeleta de elección será única, se ben diferentes persoas candidatas poderán agruparse baixo un lema común que aparecerá acompañando ao nome da candidata. A orde dos nomes das persoas candidatas na papeleta electoral será alfabético partindo dunha letra escollida de forma aleatoria polo comité electoral.
  4. D) O comité electoral será elixido pola mesma asemblea xeral que convoque o proceso de elección da coordinadora. Estará integrado por un mínimo de tres persoas que deberán cumprir os requisitos de ter dereito a voto no proceso e non ser candidatas ou candidatos nel.
  5. E) O comité electoral encargarase da organización da loxística da elección e de velar pola limpeza e a ecuanimidade do proceso.
  6. F) O comité electoral será o encargado de exercer de mesa electoral, efectuar o reconto e proclamar os resultados.

Os prazos para para a presentación de candidaturas, publicación das mesmas, duración das votacións, proclamacións provisional dos resultados, requisitos para os avais, reclamacións e proclamación definitiva dos resultados así como peche do censo farase a través dun regulamento sen que entre o inicio do procedemento e fin do mesmo poda pasar máis dun mes. Así mesmo regularase o formato de votación de tal xeito que permita a asistencia do maior número de persoas con dereito a voto e sempre que se garanta a identidade da persoa votante, o segredo do sentido do voto e o cumprimento dos requisitos estatutarios.

Para a configuración da coordinadora terase en conta o criterio de paridade recollido nestes estatutos polo que se aplicará un criterio de corrección sobre os resultados directos das urnas no caso de que estes non garantisen unha composición paritaria do organismo.

Artigo 14º. Dos Grupos de Traballo de FeC

A Asemblea Xeral de FeC poderá aprobar a creación de Grupos de Traballo. Os grupos de FeC son de carácter deliberativo e de apoio técnico ao grupo municipal. Poderán ser de carácter temático ou territorial.

Artigo 15 º. Do Grupo Municipal de FeC

O grupo municipal é a comisión formada polas persoas representantes electas, as integrantes da coordinadora así elixidas, cargos de confianza e  persoas liberadas de FeC en caso de habelas.

A súa función principal é a de coordinar a acción institucional de FeC, propor puntos e acordos para poder avanzar na formulación programática e ideolóxica de FeC. Ademais, velará pola aplicación dos acordos do Goberno Municipal. Reunirase cando menos, unha vez semanalmente.

Entre as obrigas dos seus membros están, a maiores dos das persoas inscritas de FeC:

  • Cumprir o código ético de FeC,
  • Render contas á cidadanía
  • Contribuír ao financiamento de FeC mediante a carta financeira.

Artigo 16º. Da Comisión de Mediación e Garantías

Estará conformada por cinco persoas escollidas polas Asemblea Xeral, e a súa composición será paritaria. Terá entre as súas atribucións velar polo cumprimento dos presentes Estatutos e o Código Ético de Ferrol en Común. É tamén o órgano encargado de velar polo cumprimento das normas democráticas de FeC e a defensa e garantía dos dereitos das persoas inscritas. Velará pola resolución dos incumprimentos así como das situacións excepcionais que deriven en conflito entre as persoas inscritas de FeC, ou entre estas e os órganos de FeC.

Encargarase, en primeiro lugar, da mediación na resolución de eventuais conflitos. En caso de non prosperar o proceso mediador, será responsable de instruír e resolver o expediente disciplinario. Elaborará unha recomendación, unha proposta de sanción  ou de arquivo do expediente de non houber motivo obxectivo de sanción.

As persoas que formen parte da Comisión de Mediación e Garantías non poderán participar da Coordinadora de FeC.

Artigo 17º. Da Representación legal de FeC

As persoas que, dentro da Coordinadora, desenvolvan as funcións de Organización e Finanzas, terán a responsabilidade de representación legal de FeC, namentres non sexan cesadas pola Asemblea Xeral. En ningún caso a representación legal terá un carácter de representación pública de FeC nin poderá sen empregada para ningún proceso que non sexa aprobado pola propia Asemblea.

Artigo 18. Da representación orgánica e institucional. Obrigas e control democrático

A) As persoas que exerzan cargos orgánicos, o persoal de confianza e as e os representantes institucionais electas nas candidaturas de FeC ou nas coalicións nas que se integre o noso partido deberán cumprir, ademais das obrigas recollidas nestes estatutos para o común da afiliación, coas condicións que se establecerán no código ético de representantes.

B) O código ético de representantes establecerá o réxime de incompatibilidades para o exercicio de cargo público (sen menoscabo das incompatibilidades establecidas na lexislación vixente), a obriga da declaración de bens e actividades cando menos ao comezo e ao final do mandato e o compromiso de pór a disposición do partido o cargo desempeñado no momento en que a asemblea xeral determine que o seu exercicio dane ao partido ou á institución pública.

C) Nos casos en que o exercicio de cargo, orgánico ou na institución pública, implique retribución económica esta regularase ao comezo do mandato en base a unha carta financeira na que se establecerán os topes salariais.

D) A sinatura do código ético de representantes e da carta financeira é condición indispensábel para o desempeño dos cargos. A negativa a asinar ambos ou calquera dos dous documentos e o incumprimento dos requirimentos neles incluídos serán causa de destitución.

E) Cargos orgánicos e institucionais teñen na asemblea xeral o espazo ordinario e regulamentar de dación de contas da súa actividade.

F) A comparecencia diante da asemblea xeral por parte de cargos orgánicos e representantes institucionais en relación as súas funcións producirase sempre que o demanden os propios representantes, a coordinadora ou un mínimo do 10% das inscritas.

Capítulo Cuarto: Réxime económico e patrimonial

Artigo  19º. Réxime Económico

Os recursos económicos de FeC poderán provir de:

  • Achegas das persoas inscritas. Serán de carácter voluntario co fin de garantir a independencia económica da organización e as posibilidades de planificación.
  • Ingresos provenientes da representación institucional
  • Ingresos provenientes de actividades e mercadorías
  • Doazóns
  • Préstamos

Artigo  20º. Patrimonio

FeC carece de patrimonio fundacional.

Artigo  21º. Rendición de Contas

O exercicio económico desenvolverase dentro do ano natural. As contas anuais serán remitidas ao Tribunal de Contas dentro do prazo legalmente establecido.

A Coordinadora elaborará anualmente unha proposta de orzamento segundo a normativa e presentará un informe de contas á asemblea. Ambas serán sometidas a votación para a súa aprobación. Unha vez aprobados serán de carácter público.

Capítulo Quinto: Réxime Sancionador

Artigo 22ºDo Réxime disciplinario

Ferrol en Común, ante calquera conflito interno entre as persoas inscritas, ou entre estas e os órganos de FeC, optará de xeito preferente, por abrir un proceso de mediación entre as partes. A Comisión de Mediación e Garantías será a que velará porque non se vexa minada nin a dignidade, nin os dereitos das partes en conflito, da forma que regule os presentes estatutos, e de ser o caso, o regulamento que desenvolva esta cuestión. Se este sistema baseado na mediación non acada unha solución fundamentada no pacto e a confianza nas persoas, optarase pola vía disciplinaria.

  1. Calquera actuación que atente contra o Manifesto Fundacional, o Código Ético, os presentes Estatutos ou os regulamentos internos democraticamente adoptados comportará, en función da súa gravidade, a apertura dun expediente motivado que se instruirá de maneira contraditora e no que se garantirá o dereito da persoa afectada a ser informada dos feitos que deron lugar á incoación, a ser escoitado con carácter previo á imposición de sancións e que o eventual acordo sancionador será motivado, antes da imposición da sanción, no caso de habela.
  2. O feito de non cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos internos de FeC, tamén será obxecto de sanción, así como tamén o será a deslealdade cara os principios e finalidades de FeC ou cara as persoas inscritas. Tamén será tida en conta a transcendencia interna ou externa da conduta obxecto de expediente.
  3. Toda sanción irá precedida da apertura dun expediente oportuno e pola audiencia da persoa inscrita expedientada. O inicio dun procedemento sancionador será comunicado por escrito á persoa inscrita, quen contará cun prazo mínimo de 15 días para aportar as probas que considere na súa defensa. A Comisión de Mediación deberá emitir resolución nun prazo máximo de 3 meses.
  4. O inicio dun procedemento disciplinario farase a instancia da Asemblea de FeC ou da súa Coordinadora, por acordo validamente adoptado pola maioría simple dos seus membros. Tamén a Comisión de Mediación e Garantías poderá actuar de oficio, en caso de ter coñecemento ou por denuncia de feitos que puideran ser constitutivos de responsabilidade disciplinaria.
  5. A Comisión de Mediación e Garantías encargarase da instrución e resolución do expediente disciplinario. Elaborará unha recomendación, unha proposta de sanción ou proposta de arquivo do expediente en caso de non houber motivo de sanción. Con carácter previo á resolución do expediente, garantirase o dereito da/s persoa/s inscrita/s obxecto do expediente a ser escoitada, expor as súas argumentacións, e, de ser o caso, propor ou practicar probas.
  6. A Coordinadora de FeC, por maioría simple, resolverá sobre se é procedente ou non impor unha sanción cando se trate de faltas leves ou graves. No caso de sancións por causas moi graves que formulen a inhabilitación temporal, ou a expulsión, estas serán acordadas por maioría da Asemblea, dada a transcendencia da resolución. No caso de considerarse procedente a sanción, a persoa/s sancionada/s poderá recorrer ante a asemblea, no prazo de 30 días naturais, despois da notificación da sanción.

Artigo 23ºDas infraccións

As infraccións poderán ser leves, graves e moi graves, de conformidade coa seguinte clasificación:

  1. Terán a consideración de infraccións leves:
    1. Incumprir os acordos validamente acordados pola Asemblea e os órganos de FeC.
    2. As actuacións contrarias ás finalidades e obxectivos de FeC de carácter leve, así como o menosprezo da actividade política das persoas inscritas, se non foran expresadas publicamente en medios de comunicación e/ou outros ámbitos públicos.
    3. A colaboración en actividades organizadas por particulares ou outras entidades que compartan fins e obxectivos contrarios a FeC.
    4. A acción ou omisión de carácter leve que sexa contraria aos presentes Estatutos.
  2. Terán a consideración de infraccións graves:
    1. Incumprir os acordos validamente adoptados pola Asemblea e os órganos de FeC, sempre que se faga publicamente ou sexa difundido en medios de comunicación ou redes sociais, ou causara un prexuízo notable.
    2. A expresión de manifestacións ou opinións en medios de comunicación totalmente contrarios aos principios e os acordos lexitimamente adoptados en FeC.
    3. A actuación contraria ás finalidades e obxectivos de FeC de carácter grave ou expresada publicamente en medios de comunicación e/ou ámbitos públicos.
    4. A colaboración en actividades organizadas por particulares ou outras entidades que compartan fins e obxectivos contrarios á FeC de carácter reiterado ou que supoñan un incumprimento grave das finalidades e obxectivos de FeC.
    5. A acción ou omisión de carácter grave que sexa contraria aos presentes Estatutos.
    6. A acción ou omisión constitutiva dunha infracción leve se anteriormente, no prazo dun ano, se tiveran imposto dous ou máis sancións leves.
  3. Terán a consideración de infraccións moi graves:
    1. Incumprir os acordos validamente acordados pola asemblea e os órganos de FeC sempre que se faga publicamente ou se difunda a través de medios de comunicación ou redes sociais e se causara un grave prexuízo a FeC.
    2. A actuación contraria ás finalidades e obxectivos de FeC de carácter grave que causaran un grave prexuízo a FeC.
    3. A colaboración  de forma reiterada e continuada, en tempos de campaña electoral, en actividades organizadas por particulares, entidades ou organizacións políticas con obxectivos incompatibles  ou contrarios ás finalidades e obxectivos de FeC.
    4. As condutas contra os principios do Código Ético e/ou que amosen ou impliquen comportamentos racistas e xenófobos, de discriminación ou violencia de xénero, de homofobia e outros comportamentos violentos, insultantes ou vexatorios contra as persoas, así como as prácticas represivas, coercitivas das liberdades individuais e colectivas, dirixidas tanto a persoas inscritas de FeC e simpatizantes como a persoas alleas á organización.
    5. A acción ou omisión constitutiva dunha infracción grave se anteriormente, no prazo dun ano, se tiveran imposto dous ou máis sancións graves.

Artigo 24º. Das sancións

  1. Amoestación interna ou advertencia para as Infraccións leves.
  2. Suspensión de dereitos como persoa inscrita de FeC, total ou parcial, por un período non superior a 6 meses para as infraccións graves, e non superior a 12 meses para as infraccións moi graves.
  3. Inhabilitación para exercicio de cargos dentro de FeC ou en representación deste, durante un período non superior a 6 meses para as infraccións graves e non superior a 12 meses para as infraccións moi graves.
  4. Expulsión de FeC. Tratándose dunha medida excepcional que soamente se aplicará no caso de producirse reincidencia e/ou especial gravidade, nos supostos contemplados no artigo 21º apartado C.
  5. Establecerase a suspensión cautelar automática de persoa inscrita de FeC incursa nun proceso penal respecto do que se ditaminara apertura de xuízo oral por delito relacionado coa corrupción, así como a sanción de expulsión de FeC no momento en que a persoa sexa condenada pola comisión deste delito.

Capítulo Sexto: Disolución de FeC

Artigo  25º. Réxime de disolución

FeC poderá ser disolta por decisión do 51% das persoas inscritas.

No referente á liquidación de patrimonio farase de acordo á lexislación vixente, destinándose a organizacións sociais e sen ánimo de lucro que partillen os principios sociais, ideolóxicos ou políticos defendidos por Ferrol en Común

DISPOSICIÓN ADICIONAL

Os presentes estatutos poderán modificarse por iniciativa das 3/5 partes dos membros da Coordinadora ou por iniciativa dun 10% dos inscritos/as, tendo que ser ratificado pola asemblea.