FeC asinou un acordo de gobernabilidade co PSOE para facilitar a investidura pero garantindo uns puntos clave para facer de Ferrol un lugar de todas
ACORDO PARA UN GOBERNO DE ESTABILIDADE PSOE – FeC
Este acordo pretende ser unha ferramenta de traballo sinxela pero sólida de cara ao goberno 2019-2023, de unidade da esquerda para a mellora das condicións materiais da vida da xente, poñendo no centro as necesidades básicas das persoas e o desenvolvemento da cidade dun xeito racional, participado e coidadoso.
Logo das negociacións do pasado mes, Ferrol en Común e o Partido Socialista son conscientes das necesidades extremas da cidade, e por iso, de mutuo acordo, consideran que non é preciso tanto un goberno de coalición, crendo máis no que nos une que no que nos separa, como o acordo en políticas concretas, que se desenvolven nos seguintes puntos:
1.- Aposta pola mellora das infraestruturas que unen Ferrol co resto do país, participando nos diálogos e mesas de traballo que se establezan ao efecto, de cara á mellora da liña ferroviaria Ferrol-Coruña, o Feve e a VAC do cantábrico, así como pola anulación da peaxe da AP-9.
2.- Colaboración mutua para acadar a erradicación da pobreza no Concello de Ferrol, con programas de benestar social que tezan redes entre entidades sociais e concello, con dotación de fondos para facer fronte á crise estrutural que afecta aos máis vulnerables.
3.- Traballo cooperativo multidisciplinar para xerar emprego e frear a sangría demográfica, coa creación dunha mesa técnico-política, e a participación de axentes sociais e institucionais, que pule pola formación no sector naval e a diversificación industrial, con especial atención ao sector primario e o cooperativismo, así como o apoio ao emprendemento.
4.- Manter e potenciar a liña do mandato anterior en materias de igualdade, cultura, seguridade viaria e normalización lingüística.
5.- Humanizar a cidade, en todos os barrios, mantendo a súa ideosincrasia e facendo do centro un lugar dinamizado e peonil.
6.- Potenciar o turismo, coa preservación do patrimonio, nomeadamente, a candidatura a Patrimonio da humanidade e o camiño inglés, propiciando un Ferrol máis atractivo para os visitantes cun turismo desestacionalizado.
7.- Cooperar nun urbanismo máis transparente e democrático, coa aprobación dun novo PXOM, a culminación dos proxectos xa redactados dependentes doutras administracións, como a depresión das Pías, así como o consenso para novos proxectos que fagan de Ferrol unha cidade compacta e sostible, incluíndo as instalacións deportivas.
8.- Especial atención á zona rural, con actividades sociais e culturais, co desenvolvemento do saneamento, a mellora do transporte público, as beirarrúas e a iluminación pública.
9.- Facer da participación institucional e social bandeira deste goberno, coa modificación do Regulamento de participación cidadá, e camiñar cara a estabilidade co diálogo permanente entre as dúas forzas.
10.- Defender o medio ambiente e o benestar animal, coa protección do noso patrimonio natural e a sensibilización co respecto e o uso responsable dentro do bo trato aos animais.
Asinado
Ángel Mato Jorge Suárez
Alcalde de Ferrol Voceiro de Ferrol en Común