Descarga o programa completo aquí
Urbanismo
O ciclo 2015 – 2019 foi unha pluralidade de proxectos e iniciativas que puxeron orde ao caos e caciquismo imperante, cun traballo impoluto, incansable e incorruptible pola persoa ao cargo. Pese a que o pleno lle arrebatou as súas retribucións, continuou levando a cabo unha tarefa impecable, loitando por Ferrol, levando a cabo proxectos urbanísticos necesarios e requiridos, uns xa executados e outros que se están a desenvolver. No plano urbanístico Ferrol en Común propón:
§ Un urbanismo transparente e democrático. A cidade para as persoas.
§ Culminar e licitar os proxectos desenvoltos: praza de Armas, pasarela de Santa Mariña, rehabilitación integral de Recimil, mercado de Caranza, estrada de Pazos, rúas Espartero e Carmen Curuxeiras, reurbanización do espazo do mercado da Magdalena.
§ Consolidar e elevar a aprobación plenaria dun novo plan PXOM (plan xeral de ordenación municipal), documento fundamental para construír a cidade que queremos ser, unha cidade compacta no urbano e sostible e conservadora no rural, logo de atender todas as achegas dos colectivos que participaron na súa revisión.
§ Proseguir na leal e boa cooperación con outras administracións para o desenvolvemento das liñas actuais, liñas que son cruciais e estratéxicas: recuperar o Convenio de defensa do 2007; instar ao ministerio Defensa a abrir Ferrol ao mar, constituíndo unha mesa sectorial “Ola Ferrol” para acadar tal fin; instar ao Estado ao inmediato desenvolvemento sostible do estaleiro 4.0; dar cumprimento inmediato ao acordo do Congreso da cesión do edificio de Aduanas para a construción dun albergue de peregrinos, e así potenciar Camiño Inglés; cooperar coa Xunta na xestión de Fondos Europeos para o Plan Director, que posibilite a remodelación completa do CHUF; continuar na senda do traballo conxunto para o crecemento completo do Campus de Ferrol, no centro e aberto á cidade; esixencia de dotación de obras orzamentadas paralizadas por intereses espúreos (como por exemplo o ribazo das Pías ou a urbanización do Sánchez Aguilera).
§ Impulsar proxectos estratéxicos en todos os barrios cos máis de 17 millóns de euros conseguidos no anterior mandato de subvencións e fondos europeos que faciliten a eliminación de tapóns urbanísticos que fagan a cidade compacta, como a conexión de San Xoán ou Santa Mariña, e a humanización dun Ferrol compacto, lugar de todas.
§ Proposta de urbanismo específica para a zona rural, centrada en beirarrúas e equipamentos, a desenvolver no primeiro ano de mandato de xeito participado e con dotación orzamentaria concreta.
Vivenda e Rehabilitación
Ferrol posúe un parque de vivendas municipal privilexiado, Recimil, coidémolo e poñámolo a disposición das persoas en lugar de propostas desorbitadas de derrubo coma houbo no pasado por parte da dereita.
É evidente, que logo de sucesivas crises do naval, a vivenda é un ben excedente pero tamén, pola conxuntura socioeconómica, de difícil alcance en Ferrol. O deterioro crecente só pode frearse coa posta a disposición de políticas de rehabilitación firmes, abundantes que ademais de xerar emprego garantan un dereito básico. Tamén deben centrarse os esforzos en evitar os farragosos trámites administrativos que ralentizan a rehabilitación de vivenda. O concello debe ser o pegamento entre iniciativa pública e privada para garantir o acceso á vivenda, compaxinar a rehabilitación coa nova promoción, articular iniciativas novidosas coma os pisos interxeracionais que fagan de Ferrol unha cidade viva pero que conserve a memoria. Ferrol en común declara o dereito á vivenda coma un dereito fundamental.
§ Rehabilitación modular do interior de vivendas do barrio de Recimil para cumprir funcións de tipo social, vivenda universitaria e pisos tutelados.
§ Aplicación das axudas de Área de rehabilitación e rexeneración urbana para Esteiro, A Graña, Ferrol Vello e A Magdalena. Solicitude de declaración de ARRU para Canido.
§ Solución con liñas de axuda con recursos propios e convenio co Instituto galego de vivenda e solo (IGVS) á conservación da parte degradada do barrio de San Pablo Catabois.
§ Potenciar con máis recursos a actual oficina de rehabilitación e vivenda como núcleo en torno ao que se desenvolvan non só as axudas públicas, senón tamén como punto de información de vivenda e desenvolvedora de proxectos para a rehabilitación de espazos degradados.
§ Impulsar o programa Rexurbe en cooperación coa administración autonómica co fin da definitiva recuperación de Ferrol Vello, facilitando a adquisición de vivenda en Ferrol Vello para rehabilitación directa e posta a disposición como aluguer social a menores de 35 anos. Rehabilitación da casa de Carvalho Calero.
§ Dotar de máis medios persoais ao departamento de disciplina urbanística e licenzas, co fin de axilizar as licenzas, permisos, subvencións e axudas.
§ Facilitar, asesorar e priorizar as obras que faciliten a accesibilidade e rehabilitación enerxética das vivendas construídas.
Mobilidade e Transporte Público
A disposición de rúas e barrios non ten máis función que servir ás persoas. A irrupción do vehículo no século XX foi un avance social, pero serviu de irrupción violenta contra os dereitos da infancia, da mobilidade sostible, de xogar na rúa, mercar nos comercios de proximidade e socializar e interactuar colectivamente en lugar dun illamento social e tecnolóxico ao que nos aboca a sociedade do futuro.
Ferrol precisa sorrir, e o único modo de espertar o sorriso é nunha vida plena, nun entorno amable, nunha oportunidade de ser feliz, e iso só é posible coa comunicación, social e física.
É por iso que Ferrol en Común aposta por unha mobilidade sostible, por unha peonalización que comezou o seu camiño no mandato do 2015 nas rúas Real, María e Pardo Baixo, e precisa estenderse a toda a Magdalena, Ferrol Vello e Canido. Facer de Ferrol un modo de vida.
Pero tamén comunicarnos co comercio exterior. Unha cidade illada está condenada a un ser unha balsa de pedra no medio do océano. Precisamos infraestruturas que nos conecten co país, que poidamos exportar ferrolanismo portas cara fóra, encher o país da nosa riqueza cultural e socioeconómica.
§ Dar cumprimento ao Pacto da mobilidade, aprobado en pleno no anterior mandato.
§ Actualización, revisión e aprobación do documento do Plan de Mobilidade e Espazo Público de Ferrol (PMUS) para acadar un consenso sobre os principais obxectivos e metas nas relacións entre os diferentes modos de transporte e as persoas na nosa cidade.
§ Incrementaremos o orzamento para o transporte interurbano, en diálogo co resto de concellos e Xunta de Galicia. Non se pode entender un transporte dende dentro das fronteiras municipais, polo que estudaremos de xeito mancomunado e participado o mellor servizo, con liñas e horarios eficientes para evitar o uso do vehículo privado. Na atención urbana comunicar barrios como San Xoán ou Ferrol Vello cos centros sanitarios e fomentar microbuses de acceso ás zonas peonís. Este incremento orzamentario permitirá bonificar colectivos con dificultades para o uso do transporte público (a día de hoxe os menores de 18 anos non pagan) e estendelo a maiores, desempregados, vítimas de violencia de xénero. Facilitar a chegada do transporte público aos grandes centros de concentración de traballadores (Navantia, CHUF, polígonos industriais).
§ Facer cumprir a ordenanza de terrazas aprobada no mandato FeC, que permita compatibilizar a ocupación de espazo co dereito ao tránsito.
§ Peonalización total do barrio da Magdalena, con alternativas de circulación, e atención ás demandas da peonalización nos barrios de Canido e Ferrol Vello.
§ Aprobación dunha ORE (ordenanza de regulación de estacionamento) realista, que beneficie a toda a sociedade e non a intereses particulares, coa posible implantación, escoitando ás zonas afectadas e expansiva a toda a cidade, como en todas as grandes cidades galegas, dun sistema de aparcamento de pago.
§ Continuación na creación de aparcadoiros disuasorios, como o da rúa Alegre ou o do CHUF (complexo hospitalario universitario de Ferrol), proxectados no anterior mandato, co fin de xerar alternativas a aparcar diante do noso lugar de destino.
§ Impulsar a estación intermodal, de trens e autobuses no espazo actual da estación de renfe, aproveitando os espazos abandonados para a creación de espazos verdes e edificios de fin social. Unha estación intermodal que non sexa unha mera
infraestrutura, senón que acompase horarios de trens e autobuses públicos co fin de conciliar horarios laborais e escolares das persoas da comarca que veñen a Ferrol (bus a Navantia, Río do Pozo, etc.).
§ Avanzar na mellora do servizo conveniado con Narón de utilización de bicicletas públicas e dotar de novas infraestruturas, logo de lograr a mellora do tramo de Caranza, implementar a conexión por carrilbici de Caranza – A Malata que permita circunvalar a cidade, cunha posterior actuación A Malata – Esteiro a través dos fondos Edusi.
§ Demandar o inicio das obras inmediato por parte do Estado da mellora da conexión ferroviaria Ferrol – A Coruña e mellora da vergoñenta situación do FEVE.
§ Formación: campañas de sensibilización dos beneficios de camiñar, de respectar o medio ambiente, de socializar e facer vida na rúa, en definitiva de abandonar os vehículos para facer vida en común, campañas como A rúa é túa ou A vila do mañá, e, sobre todo, a implantación de rutas para a infancia cara ao colexio, os Camiños escolares seguros.
§ Accesibilidade: Ferrol en Común non deixa a ninguén atrás, logo de cinco fases e un millón de euros investidos en facer accesibles máis de mil pasos peonís, en colaboración con entidades de diversidade funcional, cómpre seguir avanzado neste exercicio pioneiro e exemplar para outras cidades. Complementalo coa aprobación definitiva da ordenanza de accesibilidade xa redactada e medidas que permitan calquera acceso a un centro público sen trabas físicas, así como bonificar as taxas que melloren o acceso a inmobles privados son obxectivo de todas.
§ Instar á eliminación da peaxe da AP9 Ferrol-Coruña.
§ Instar ao desbloqueo inmediato da Vía de alta capacidade que vertebre o territorio polo norte.
§ Mellora da accesiblidade a través da creación dun Consello Local de Accesibilidade, facilitar o uso de eurotaxis a persoas con discapacidade e vixilancia e control das prazas reservadas a eses colectivos e o uso fraudulento das tarxetas de aparcamento.
Desenvolvemento Rural
A zona rural de Ferrol supón o dez por cento do censo electoral, apenas sete mil persoas, cunha extensión territorial que multiplica por moito a da zona urbana. Esa peculiaridade situou nunha zona de confort aos diferentes gobernos municipais, con excepción dos albores da democracia, cuxos gobernos levaron o saneamento e outros servizos con grande mérito á zona rural.
Este desleixo converteu á zona rural nun espazo para habitar por cidadanía de segunda, coa mesma tributación pero servizos moi deficitarios, orixinando unha despoboación que non se corresponde cos nosos recursos naturais, que deberan ofrecer un atractivo para asentar poboación neste entorno privilexiado.
Pero a zona rural non é unicamente transporte, beirarrúas ou saneamento. Tamén é preservar a memoria, protexer o patrimonio material e inmaterial, que se tratará noutro punto do noso programa, pero non podemos obviar que Ferrol en Común acadou algo histórico, que debe ser pedra de toque para o tratamento do rural: logo de décadas de loita, dun libro negro, de promesas baleiras, este goberno conseguiu unha ordenanza que permitirá aos veciños e veciñas a xestión integral dos Montes do Cha como monte comunal, e poñer en valor zonas como o castro de Esmelle, grazas á leal e persistente colaboración da concellaría correspondente, e ese debe ser o camiño, diálogo e propostas concretas para non categorizar en cidadáns de primeira e de segunda en función do lugar no que vivan de Ferrol.
§ Reiniciar o programa +Rural, xuntanza mensual do goberno coas AVV da zona rural, dándolle unha nova perspectiva, máis plural e participada, coa integración doutras entidades sociais, de mulleres e asembleas abertas e participadas, sen constrinximento a materias de servizos e obras puntuais, se non abrindo tamén a temas estratéxicos da zona rural.
§ Dotación anual dunha partida de medio millón de euros para o saneamento da zona rural.
§ Creación dunha unidade policial especializada na zona rural, con atención especial á vixilancia do mantemento e cumprimento dos requirimentos do concello en materia de conservación de fincas privadas, e dun estrito control da impunidade na actividade salvaxe de certos madeiristas cos viais e medio ambiente.
§ Compromiso plenario de aplicar todo o Plan de obras e servizos da Deputación, próximo ao millón de euros anual, á mellora de infraestruturas da zona rural, tales como aglomerados en viais abandonados, adquisición e mellora de equipamentos, tales como marquesiñas ou bens patrimoniais, como a escola Tomás Serantes ou a pista polideportiva de Mandiá.
§ Plan de seguridade para a zona rural. Cun censo de viais perigosos, instalación de bandas rugosas e radares, plan de urbanización de viais con beirarrúas, tal e como se fixo en Pazos ou no tramo de Serantes – A Cabana, debatido e construído a través do +Rural.
§ Extensión de actividades á zona rural de índole social, cultural, de recuperación da memoria, tecnoloxía e protección do medio ambiente, como se tratará noutros puntos do programa.
§ Control de vertedoiros incontrolados cunha maior supervisión policial, incremento de sancións acompañado dunha campaña informativa sobre o punto limpo da cidade.
§ Desbroce regular coa combinación do actual contrato de desbroces e a dotación de programas de emprego transitorios para novas oportunidades á mocidade que dean formación e salario mínimo interprofesional, ademais dese servizo imprescindible de mantemento ao longo do ano.
§ Facilitar con bonificacións o baleirado de fosas sépticas a aquelas zonas sen saneamento, ofrecendo a baixo custo os servizos da empresa municipal de augas.
§ Favorecer a renovación da vivenda rural e a súa mobilización, creando bolsas de aluguer a través de servizos públicos municipais integrados na páxina web do concello de Ferrol.
Obras e Servizos
A macroárea de obras e servizos supón unha atención directa e constante á veciñanza, que, no seu lexítimo dereito, quere diante do seu domicilio unha beirarrúa, saneamento, punto de luz e estrada en perfecto estado, ademais dos oportunos colectores de lixo, a limpeza prístina do entorno e o abastecemento de auga ininterrompido. É obriga do concello satisfacer esa demanda de todos e cada un dos habitantes, e así tratou de facelo esta concellaría, cun programa participado de abaixo a arriba, chamado Barrio a barrio + cidade, onde se recollían as propostas da veciñanza canalizadas a través das AVV e se lles daba traslado ao concello cunha posterior reunión de balance de actuacións.
Ante a carencia de persoal e a amplitude da área convén tomar medidas radicais, que solucionen a raíz do problema gañando en eficacia e eficiencia, cunha mellor xestión dos recursos e dos modelos de prestación dos servizos.
Unha das pedras de toque dun goberno de esquerdas é a municipalización de servizos, Ferrol en Común avanzou neste aspecto no servizo de socorrismo (máis de 50 empregados) e na xestión de determinados centros culturais (Torrente Ballester, Centro cívico de Caranza), pero non renunciamos a que grandes servizos poidan selo tamén, sendo conscientes de que se precisa un ciclo amplo de goberno para chegar a un bo fin.
§ Unificación das áreas de urbanismo e obras e servizos, co fin de compartir recursos técnicos e metodolóxicos no tratamento dos problemas físicos da cidade que respira.
§ Municipalización do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria. Non é un obxectivo utópico, se non que vén avalado pola intervención municipal, por informes do tribunal de contas e contrastado como modelo máis eficiente para a prestación de servizos.
§ Control estrito e rigoroso das empresas que prestan servizo ao concello ou dos medios propios coma emafesa: iluminación pública, desbroces, abastecemento e saneamento, con auditorías anuais independentes, controis externos e vixilancia tanto no cumprimento da prestación do servizo contratado como no respecto ao cumprimento dos dereitos laborais.
§ Dotación de novos parques infantís, e conservación dos actuais, coa cobertura permanente do parque infantil do Inferniño, para crear unha zona de lecer permanente, potenciando os xogos tradicionais que evite a encapsulación da infancia nas novas tecnoloxías o a cultura do centro comercial.
§ Progresiva instalación de luminarias con tecnoloxía O-Led para todos os barrios que mellore a eficiencia e o respecto polo consumo na iluminación pública.
§ Incrementar os medios humanos e materias para a cuadrilla de obras municipal, altamente cualificada para actuar dende a función pública en obras menores de reparación e reposición, diversificando o seu traballo en dúas brigadas, unha no urbano e outra no rural, que atenda á limpeza de praias e mantemento de viais.
§ Mellora da calidade das augas, cun investimento decisivo na ETAP (estación transformadora de auga potable) e no encoro das Forcadas, procurando a colaboración de Augas de Galicia, ante unha instalación obsoleta e que a medio prazo pode supor un problema de contaminación grave.
§ Implantación da tecnoloxía necesaria para mediante unha simple imaxe dun móbil a través dunha aplicación móbil o concello poda dar resposta a un problema puntual de servizos, con contacto áxil e permanente coa cidadanía.
§ Proxectar e planificar un plan decenal de mellora de infraestruturas municipais, tanto viais como bens inmobles (pavillóns, bibliotecas, centros culturais) cuantificado e viable para o seu desenvolvemento.
§ Mellorar os actuais servizos que se prestan sen contrato neste momento, co fin de completar as actuacións que están fóra do seu ámbito e incluír cláusulas sociais que protexan os dereitos da clase traballadora: parques e xardíns, punto limpo, servizo de control de pragas.