Descarga o programa completo aquí
Benestar
Ferrol en Común naceu cunha premisa fundamental: os coidados mutuos, o reparto da riqueza, a xustiza social. Nesta tesitura non podemos considerar ningunha área tan importante como a de benestar social. Para que ninguén quede atrás é necesario recuperar o contrato social do que falaba Rousseau, de forma que a conxura dos gobernantes en alianza con entidades, traballadores sociais e o exército de voluntarias que quere un Ferrol mellor faga un esforzo denodado por facer cada vez máis innecesaria esta área, e poidamos centrar os nosos esforzos na creación de emprego, mellora de servizos e ofertas de lecer.
En tanto isto non suceda somos conscientes de que un de cada cinco ferroláns está en risco de pobreza. Inasumible nunha sociedade que se di democrática e moderna. A extensa e prolífica actividade política desenvolta por esta concellaría, conseguiu paliar o impacto dunha cidade envellecida e sen expectativas tras os intentos, frustrados grazas ás mobilizacións obreiras, de desmantelamento do sector naval. É polo tanto a nosa aposta global, multidisciplinar e transversal.
§ Axilizar os mecanismos de urxencias sociais, para evitar situacións dramáticas, seguindo con programas Solidarízate, Habita, Arrouparte ou o convenio para evitar a pobreza enerxética.
§ Implementar propostas que complementen toda esta liña de actuacións como os pisos tutelados, protocolos pautados que salten a burocracia administrativa en caso de emerxencia, e política de pobreza cero na cidade de Ferrol.
§ Aumentar os recursos para infancia e xuventude, continuando co incremento e progresividade na dotación orzamentaria para bolsas sociais de libros, material escolar, comedores e todos aqueles recursos que permitan a igualdade e o desenvolvemento pleno como persoas aos menores.
§ Expandir o modelo proinfancia e sociocomunitario de Recimil a todos os barrios da cidade, con recursos propios ou conveniados, cun mapeo das necesidades que permita a detección e non estigmatización do maior número de familias sen as súas necesidades básicas cubertas, con accións plurais a través de educadores sociais, animadores socioculturais e mediadores, ademais da oportuna dotación de recursos.
§ Loita contra a soidade dos maiores. Ademais de fomentar a axuda no fogar por concorrencia e atención á dependencia, promover pisos interxeneracionais do parque público, dinamizar a vida social a través dos cinco comedores senior e trasladar o de Caranza ao novo mercado, talleres de memoria, actividades mixtas maiores/infancia, como roteiros, transmisión oral de tradición e outras iniciativas.
§ Instar á Xunta á construción de residencias de maiores públicas de xestión directa e non especulativa.
§ Instar á Xunta a cooperar coa Fegamp e o concello de Ferrol para unha Renda Básica Universal, que supere o ríxido marco do Risga e outros subsidios, unificándoos e simplificando os seus trámites, de xeito que unha renda equivalente ao Salario Mínimo Interprofesional quede garantida.
§ Promover a Casa solidaria como centro de recursos sociais e lugar de encontro de entidades sociais onde podan levarse a cabo seminarios e encontros para fomentar a sensibilización e o voluntariado.
§ O colectivo de persoas migrantes supón un censo que supera o 3% da poboación de Ferrol. Un colectivo de por si marxinado, precisa de canles de participación e inclusión, con políticas de discriminación positiva, ademais da oportuna pedagoxía integradora e respectuosa, sen consentir ningunha marxinalidade ou sobreexpolotación, nin barreiras no acceso ao sistema educativo, á vivenda ao mercado laboral ou ao goce do tempo de lecer, para o que Ferrol en Común fornecerá a oficina de atención ás persoas migrantes onde se ofrecerá orientación e formación, así como políticas de concienciación baseadas no respecto e a tolerancia.
§ Compromiso para considerar a inclusión das necesidades de colectivos con especiais dificultades como vector transversal de atención preferente en todas as liñas de acción política.
Reforzar a rede de servizos sociais comunitarios básicos.
§ Creación das UNIS (Unidade de traballo e educación social e unidade de intervención social) cun psicólogo/a por cada 7.000 habitantes, con descentralización da atención en todos os barrios.
§ Adecuación dos equipamentos de centros municipais de servizos sociais coa inclusión de salas de actividades, onde sexa posible situalos en centros cívicos.
§ Potenciar o Sistema Local de Servizos sociais coa posta en funcionamento de Ferrol en Rede Social: apoiar á iniciativa social sen fin de lucro e establecer canles de colaboración estables (apoio técnico municipal, de recursos e económico estable).
§ Priorización da inserción sociolaboral de colectivos vulnerables coa creación dun equipo de inclusión que inclúa figuras de preparadores/as laborais.
§ Potenciación da Oficina de atención á dependencia que aglutine todos os servizos que teñan que ver con esta área de intervención: axuda no fogar, banco préstamo axudas técnicas, xantar na casa…
§ Rematar a configuración de centros de día: creación de pequenos centros de día municipais de barrio con capacidade para 12-15 persoas coordinados pola oficina de atención á dependencia.
§ Creación dun Servizo de Emerxencias Sociais que funciona as 24 horas en coordinación coa policía local, protección civil e servizos sociais.
§ Aplicar o enfoque de Inclusión Activa non asistencialista, garantindo que calquera persoa en pobreza ou exclusión dispón, no prazo máximo de 10 días hábiles, dunha profesional de referencia que facilite o seu acceso áxil ás prestacións sociais e ao emprego.
§ Creación dun servizo de orientación xurídica específico para colectivos vulnerables, impulsando a incorporación e participación destes colectivos nas entidades e organismos que as representan.
§ Fomentar a participación social e política das persoas con dificultades coa incorporación das mesmas ás listas de forma que o compromiso dos distintos partidos e agrupacións políticas se manifeste non só en cuestións programáticas, senón tamén nas persoas que, como responsables políticos, teñen que levalas a efecto.
§ Garantir o respecto á dignidade das persoas en risco de pobreza ou exclusión. Fomentando a súa participación, dándolles voz e difundindo mensaxes positivas de logros, situacións de autonomía e empoderamento das persoas e as súas problemáticas sociais, non illadas. Realizar actuacións de formación e implicación da cidadanía.
§ Mellora dos servizos sociais municipais reforzando a actuación das/os profesionais e os recursos destinados á atención de persoas con vulnerabilidade, mellorando a coordinación dos distintos servizos e recursos.
§ Creación do Observatorio de Intervención en Dereitos Humanos e necesidades sociais.
§ Elaboración dun Plan municipal da Saúde que promova a vida saudable das persoas.
§ Crear mecanismos de coordinación entre administracións públicas, entidades responsables da promoción da saúde e tecido asociativo de ámbito municipal que garantan unha cobertura sanitaria adaptada ás necesidades das persoas con vulnerabilidade.
§ Implementar, en colaboración coas administracións, entidades e tecido asociativo, campañas de sensibilización, prevención e formación das persoas con necesidades sociais.
§ Apoiar medidas para loitar contra a discriminación por calquera orixe.
Feminismo
Ferrol en Común proclama que a transformación social será feminista ou non será. A loita contra o patriarcado, a sonoridade, o empoderamento e loita fraterna das mulleres que eclosionou nas rúas nos últimos anos no 8 de marzo debe consolidarse na autoorganización, pero tamén no estímulo de políticas públicas de loita contra o machismo e a violencia derivada deste, contra a fenda salarial, a prol da diversidade e liberdade, na construción de redes de axuda mutua e, por suposto, na colaboración e potenciación de entidades de mulleres, tanto no ámbito urbano coma no rural.
Ferrol en Común ten entre os seus documentos aprobados en asemblea, ademais dun código ético e este programa, un documento completo de feminismos, que recolle a obriga dos cargos públicos de orientar e facer das políticas de todas as áreas instrumentos para a loita pola igualdade, considerándoo non unha área en si mesma, senón unha ferramenta transversal que asolague de feminismo a nosa cidade en todas as súas políticas públicas.
§ Desenvolvemento e aplicación do regulamento do Consello sectorial municipal de igualdade, feminismos e diversidade.
§ Programas de prevención da violencia machista, seguindo a senda de Ferrol en Negro dende idades temperás.
§ Promoción da conciliación e coeducación, con programas como PequeEduca en igualdade e outros semellantes.
§ Posta en valor do feminismo a través de iniciativas como Ferrol en Lila, a revista Machina e documentar a memoria das nosas maiores escurecida polo patriarcado.
§ Incremento dos orzamentos municipais dedicados á concellería da muller, co fin de romper os teitos de cristal e poder converter a Casa da Muller en epicentro do empoderamento feminino.
§ Dotar de máis recursos persoais e materiais á Casa de acollida municipal, co fin de ofertar unha atención integral ás súas usuarias que lles permita afrontar un novo proxecto de vida, a través da asistencia social, xurídica e psicolóxica, así como unha política de inserción laboral que permita un desenvolvemento autónomo como mulleres libres.
§ Ferrol en Común loitará para facer realidade o dereito a que se practique na nosa
área sanitaria e no ámbito público as interrupcións voluntarias do embarazo, sen consentir regresións no dereito ao aborto.
§ Crear a Escola de empoderamento feminista, de carácter itinerante: favorecer a visibilización e a participación das mulleres e mozas de colectivos con necesidades sociais.
§ Revisar o protocolo de prevención e denuncia do acoso sexual e moral; continuar coa aposta por usar unha imaxe e unha linguaxe igualitaria nas accións municipais de comunicación.
§ Incorporar a perspectiva de vulnerabilidade a todas as políticas, estratexias, programas e accións en materia de igualdade de xénero e promoción dos dereitos das mulleres.
§ Estender os Obradoiros de igualdade e corresponsabilidade dirixidos ao alumnado dos centros educativos. Crear Obradoiros de homes interesados en abrir un espazo de reflexión vivencial que facilite a transición necesaria para acadar unha igualdade real entre mulleres e homes.
Medio Ambiente
Ferrol é un concello libre de agresións urbanísticas nas zonas costeiras, a inmensa labor e entidades como a SGHN (Sociedade galega de historia natural), Verdegaia ou Adega, logrou preservar gran parte do noso patrimonio medioambiental. Porén sufrimos a praga da eucaliptización, proclamándose no mandato 2015 Ferrol coma cidade libre de eucaliptos. Os poucos espazos de fraga autóctona deben ter unha protección especial, a flora e fauna merecen o respecto institucional suficiente que blinde eses espazos privilexiados fronte á depredación da especulación madeirista, urbanística ou de turismo agresivo.
A combinación dunha técnica de medio ambiente, a necesaria cobertura da praza de enxeñeiro forestal, e a activación da patrulla da policía local experta en medio ambiente, xunto cos mecanismos de ordenanzas e regulamentación estrita cun modelo de sancións exemplares, deben ser os mecanismos que sirvan de freo á tendencia a desprezar e espoliar os nosos recursos naturais. Pero tamén a formación, como a necesaria colaboración con entidades ecoloxistas para concienciar á sociedade ferrolá do que debemos poñer en valor para ter un planeta saudable, sostible e non agredido.
O movemento Friday for future, do que foi partícipe a mocidade ferrolá, supuxo abrir a xanela á esperanza, o compromiso de mozas e mozos de instituto para saír á rúa e berrar contra a contaminación e o cambio climático, deben ser o facho que ilumine a acción de goberno de Ferrol en Común en materia medioambiental.
§ Incluír na modificación do PXOM a protección de espazos de especial relevancia ambiental e, en tanto isto non suceda, incoar o expediente de protección ENIL (Espazos naturais de interese local) para a Fraga de Menáncaro, o Souto de Monte Fontelo, a Fraga da Pega, a Carballeira da Casa do Monte ou o Acivreiral de Covarredeiras. Incluír na protección a flora e a fauna autóctonas.
§ Catalogar e inventariar os humidais ferroláns, como o rego de Doniños ou as turbeiras do Coto de San Xurxo para identificar e protexer cos mecanismos legais autonómicos.
§ Erradicación de especies exóticas invasoras. Articular un plan de erradicación mancomunado para un control efectivo, coa integración nunha mesa sectorial da Xunta de Galicia e as entidades ecoloxistas.
§ Recuperación ambiental dos areais de interior (Caranza, praia do Olmo e dos Curas, etc.).
§ Eliminación do emprego de herbicidas por parte do concello e sustitución destes por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes.
§ Realización de cursos formativos de fomento da agricultura ecolóxica, libre de químicos, favorecendo a sustentabilidade e conservación da biodiversidade.
§ Promover un “Concello Verde” nas instalacións municipais, e seguir a traballar nos compromisos do decálogo da oficina verde dentro do Programa Ferrol + Sostible.
§ Seguir apostando pola Aula de Ecoloxía Urbana como polo dinamizador, formativo e de sensibilización para nenos e adultos respecto do coidade do medio ambiente.
§ Traballo cos centros educativos para afondar en valores relacionados co coidado do medio ambiente.
§ Establecemento de convenios e programas de colaboración coas entidades ambientais e divulgativas da cidade.
§ Voluntariado ambiental en colaboración coas entidades ambientalistas e de divulgación neste eido, que conxugue a formación e a acción social.
Benestar Animal
Ferrol é unha cidade con 10.000 cans rexistrados, un por cada sete habitantes. A iso súmanse as colonias felinas, os gatos domésticos e outras especies. A colaboración de Libera na redacción do programa de 2015, e o impulso desta concellaría, en íntima cooperación coa xefa de gabinete e as entidades ecoloxistas, facilitou a publicación dunha ferramenta fundamental, a Ordenanza de protección animal, programas exitosos nas escolas como o Canvivindo, ou un maior control do refuxio mancomunado de Mougá.
Cómpre seguir avanzando na loita contra as agresións aos animais e impoñer penas máis severas a estas actitudes. Ferrol é unha cidade libre de circos con animais e touradas, na que tamén está prohibida a exhibición de animais en escaparates comerciais, por instancia deste goberno, Ferrol quere ser unha cidade amigable, respectuosa cos animais e que garanta espazos de desenvolvemento e liberdade para as persoas e animais que conviven en harmonía.
§ Programa de mellora dos parques para cans, actuacións dos recintos actuais tanto nos xogos como nos servizos, apertura dun por barrio e crear na enseada da Malata unha gran área recreativa canina, punto de encontro e socialización. Seguiremos traballando para abrir outros espazos como a Praia de Cans, co consenso necesario para desenvolvela entre entidades ecoloxistas, veciñais e animalistas, sen caer na inmediatez que demandan os impactos mediáticos de fácil consumo.
§ Traballo no cento escolar de sensibilización na convivencia, o bo trato animal e contra o maltrato (Canvivindo).
§ Control de colonias felinas a través do método CES (captura, estirilización e solta), para un control máis ético e humano das colonias de animais urbanos, sendo eficaz e incruenta.
§ Plans trimestrais de diversas temáticas vinculadas co benestar animal (adopción, contra o maltrato, campaña de marcación co chip, de coñecemento da canceira, realizar un torneo agility, etc).
§ Permitir o acceso de mascotas ao transporte público.
§ Creación dunha Oficina Municipal de Atención Animal, que forme, informe e desenvolva programas de adopción, integrando a asociacións protectoras que coordinen o traballo do voluntariado, e posibilite a súa participación no paseo e fomento da adopción dos animais que se atopen no refuxio de Mougá, que sirva de asesoramento á Policía Local respecto á forma de actuar ante situacións extremas (cans abandonados, maltrato animal, etc.).
Consumo
Poñer en marcha unha estratexia global de fidelización e dinamización dos mercados locais.
Crear unha marca paraugas “Mercados de Ferrol” que abranga os tres existentes, cunha identidade corporativa común.
Potenciar a presenza e promoción da marca “Mercados de Ferrol” con campañas de difusión online e offline.
Crear unha plataforma de venda online para que os/as praceiros/as que o desexen poidan vender a través desta canle.
§ Reforzar a OMIC (oficina de atención ao consumidor sita no Mercado da
Magdalena) para dotala de todo o preciso para o seu óptimo funcionamento.
§ Activar campañas en períodos estivais e outras datas para potenciar o consumo local.
§ Revisar a ordenanza municipal para que nos mercados se podan establecer diferentes establecementos de hostalaría.
§ Facilitar a cesión e uso dos postos baleiros nos mercados, simplificando ao máximo os trámites e tempos administrativos.