Ferrol vermello. Un artigo de Xosé María Dobarro de apoio a FeC

Hai poucas semanas, unha amiga, tan boa amiga como me consta que docente, contábame un feito anecdótico que lle acababa de pasar no instituto de secundaria no que traballa. Cando estaba facendo unha garda, pola ausencia dun compañeiro, observou que un seu alumno da ESO, que cando ten clase con el adoita molestar con relativa frecuencia, estaba todo caladiño, moi concentrado na lectura dun libro. Como lle chamou a atención esa nada frecuente actitude, achegouse e preguntoulle que estaba lendo con tanto interese. Para a súa maiúscula sorpresa, contestoulle que o ManifestoComunista. Visto o visto, entroulle a curiosidade de que opinión lle merecía, escoitando que aínda que lle resultaba un pouco aburrido parecía talmente que acababan de redactalo, e non que fora publicado en 1848. Ó seu parecer, era de rigorosa actualidade. Manifestou tamén que había uns días que o vira na casa do avó, que lle chamara a atención e que decidira empezar a lelo. E xa o tiña bastante avanzado. Esta verídica e recentísima historia nada ten que ver co proceso electoral no que estamos inmersos. Ó rapaz protagonista aínda lle faltan dous anos para poder votar.
Mais do feito en si, podemos tirar algunhas conclusións. Que o comunismo, que as teses comunistas defendidas por Marx e Engels hai case 170 anos seguen tendo vixencia, porque na nosa sociedade, disque do século XXI, seguen estando presentes todos ou grande parte dos males dos que no Manifestose fala. O primeiro de todo: segue habendo opresores e oprimidos, explotadores e explotados e, tamén, como consecuencia, ricos (riquísimos) e pobres (paupérrimos). Vivimos nunha sociedade inxusta que só poderá mudar cambiando o réxime social e político existente. E como practicamente todo cambio social hai que comezalo por abaixo, son os concellos os primeiros que precisan de mudanzas substanciais, onde a esquerda, porque non queda outra, vai ter moito que dicir. Estou completamente convencido de que a cidade que me viu nacer precisa dun cambio que dunha vez por todas arranxe as dificilísimas condicións de vida dunha significativa parte –por desgraza, cada vez maior–, da veciñanza. É obvio, que por onde camiñamos non imos a bo porto, non imos cara a ningures. Faise precisa unha forte presenza de xente nova, totalmente limpa de corruptelas ou tentacións de, que traia novos xeitos de facer política local, porque habelos hainos. Penso, e vexo, que Ferrol en Común podería perfectamente ser o motor principal do inicio dun imprescindible cambio pola esquerda. Que o vexamos!
 
 

 

Advertisements