Conversamos con Jorge Suárez que fai balance do primeiro ano de goberno

Foto jorge
O alcalde Jorge Suárez durante unha rolda de prensa

Falamos co Alcalde de Ferrol,  Jorge Suárez, nesta semana na que se cumpre o primeiro aniversario das eleccións municipais do 24 de maio do 2015 que deron o goberno da cidade a Ferrol en Común.

  1. ¿Como valoras o primeiro ano de rodaxe dos chamados “gobernos do cambio” en moitos concellos galegos e mesmo no conxunto do Estado?

Creo que foi un ano decisorio no que a cidadanía percibiu, en xeral, un cambio nos modos e nas formas. Non só nas políticas promovidas polos denominados “concellos rebeldes”, aínda que eu non comparta esta denominación, senón que mudou tamén todo o sistema. Ante este cambio de ciclo, todos os partidos tiveron mudaron as súas actitudes e modos de actuar. É, por tanto, unha valoración máis que positiva a que podemos facer, xa que a democracia está reforzándose e pouco a pouco despois dunha dinámica de décadas onde os partidos eran grandes artefactos os que lles custaba adaptarse á sociedade que creo que é un logro a nivel global. Estamos particularmente fachendosos da renuncia a privilexios como o coche oficial, da supresión dos gastos superflúos e de estar a pé de rúa, en contacto coa veciñanza nun Goberno de portas abertas que abre a Alcaldía aos problemas cotiás dos cidadáns, que sabe rectificar con humildade e honestidade e que non se atrinchera no Pazo Municipal como nunha atalaia.

  1. A nivel municipal, ¿que destacarías deste primeiro ano de goberno?

 Sen dúbida, destacar o traballo individual e inxente de cada un dos concelleiros e concelleiras a prol do ben común, que é sempre o noso obxectivo primordial desterrando antigas costumes e privilexios, na procura da equidade. Creo que temos o respaldo da cidadanía, que foi refrendado nas eleccións xerais, e que agardamos que se volva a repetir a nivel local. Creo que a parte dos momentos iniciais de inmensa atención mediática, conseguimos grandes avances tanto no fondo como na forma en moitas materias.

  1. Nunca está de mais a autocrítica. ¿Cales coidas que son eses temas que aínda están na conta do debe do goberno?

No noso debe, e facendo, autocrítica, pois é certo que estamos a ter dificultades para traballar como un equipo unido entre os socios de goberno e nós, algo que temos que solucionar para que o foco da atención mediática se poña nos problemas da cidade e na busca de solucións e non nos conflitos internos.

 E dende logo tamén destacaría o tema dos orzamentos tamén esta na nosa conta que agardamos solucionar de inmediato e xa poñernos a traballar para que en xaneiro de 2017 teñamos xa novos orzamentos funcionando.

  1. ¿Teremos orzamentos no 2016?

Si, vamos a presentar os orzamentos creo que de inmediato, están bastante avanzados. Penso que serán uns orzamentos positivos para a cidade e sobre todo na parte dos investimentos xa que o resto de áreas pode funcionar aínda cos orzamentos prorrogados maila, e isto quixera destacalo, que son os orzamentos do Partido Popular, que non compartimos nin no fondo nin na forma. De xeito inminente serán pasados á representación sindical  que toca a parte de persoal e posteriormente o resto dos grupos.

  1. ¿Onde radica a forza de Ferrol en Común?

Eu, como representante de FeC, creo que temos o respaldo social. Temos unha interlocución constante con todo o tecido social e veciñal do municipio. Creo que as nosas áreas están facendo un bo traballo especialmente en Cultura, buscando ao público na rúa cunha programación potente e de vangarda, en Participación, con roldas de asembleas veciñais de ida e volta para tomar o pulso dos barrios e tomar nota das eivas que atopan os veciños no seu día a día, e en Obras e Vivenda, co reto inmenso da rehabilitación.

Sei que queda moito por mellorar e temos 3 anos por diante para seguir traballando pero creo que o balance global e definitivo, que será en maio de 2019, vai ser unha mellora substancial da cidade e temos que aproveitar tamén este novo impulso que parece  que ven no sector naval para diversificar o noso tecido industrial, para potenciar o comercio local e tamén acada unha cidade que recupere pouco a pouco poboación e acadar a rehabilitación dos barrios.

  1. Retos inmediatos e asuntos estratéxicos da axenda municipal.

Hai asuntos estratéxicos importantísimos nos que estamos a traballar como o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), ou o convenio con Defensa, que creo que nos van permitir acadar nestes catro anos o que por desgraza coas diferentes infraestruturas non acadamos. Pasa por suturar todos os barrios e facer unha cidade compacta e para iso tamén reclamamos maior cooperación das distintas Administracións: a central do Estado e da Xunta de Galicia, as que lles esiximos respecto para os veciños e veciñas de Ferrol, logo de que teñan feito gala de certa deslealdade institucional para con esta cidade. Cómpre completar e acelerar a mellora das infraestruturas e conectar Ferrol co Eixo Atlántico e facer de Ferrol unha cidade de referencia no norte de Galicia.

  1. Destes 12 meses, mellor e peor momento.

Creo que o mellor momento, -non podo quedarme só cun momento (rí)-,  eu creo que o día a día, o contacto directo con cada un dos veciños e veciñas, onde a título persoal sinto o seu respecto. Creo que ese é o mellor momento e sobre todo cando procuras solucións aos seus problemas cotiás. É certo que hai grandes temas na cidade que son de evolución máis lenta, pero gústame o trato humano coas persoas que están pasando dificultades e amosar non só o noso apoio senón buscar a solución; eu creo que eses son os mellores momentos.

O peor momento, desde logo,  é acaparar portadas  de medios de comunicación incluso a nivel nacional por cuestións anecdóticas, que non forman parte dende logo da nosa estratexia política, e que eu coma persoa discreta que son non me gusta ter protagonismo por eses aspecto totalmente secundarios  e que se magnifican en moitas ocasións.

  1. ¿Como andas de folgos logo deste primeiro ano frenético?

Manteño a mesma alegría, ilusión e as mesmas ganas de traballar por Ferrol. É certo que algunhas veces as cousas non flúen como quixéramos pero despois de catro anos Ferrol pero seguemos coa mesma ambición e ilusión de facer avanzar Ferrol.

  1. Xa para rematar, marca as prioridades para o próximo ano de goberno.

 Rehabilitar, recuperar e rexenerar Ferrol Vello; crear emprego, apostar por el como ferramenta de futuro para a cidade por todas as  vías ao noso alcance, remunicipalizar e reforzar os servizos sociais. En definitiva, que cada veciño de cada barrio e parroquia deste municipio sinta que ten un Goberno que está do seu lado, que traballa arreo, con todas as eivas e erros que poidamos cometer, para tratar de dar solución aos problemas da cidade, aos pequenos que lles preocupan, desde unha fochanca na súa rúa, ao arranxo dun columpio do parque do seu barrio, ata temas moito mais ambiciosos e sempre dentro das posibilidades orzamentarias, técnicas e humanas desta Administración local. E no nos cansaremos de intentalo, de denunciar as inxustizas, de buscar o mellor para os nosos veciños e de tocar cantas portas sexan precisas neste camiño. Esas serán prioridades de 2017.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s