Cultura reitera o apoio ás ANPAS fronte á Xunta no conflito dos libros de texto de primaria

suso-basterrechea-11-9Suso Basterrechea insiste en que a administración non pode descargar nas Anpas un traballo que non lle corresponde e aposta por voltar ao antigo sistema de gratuidade e propiedade colectiva dos libros

O concelleiro informa de que se estudará a revisión do sistema de subvencións ao asociacionismo cultural para, coas mesmas garantías legais, poder chegar a un número maior de entidades

Ferrol, 26 Agosto.- O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, reafirmou hoxe o compromiso da corporación municipal coa posición das Anpas e de toda a comunidade educativa respecto ao conflito xurdido coa Xunta polo sistema de compra dos libros de primaria.

Basterrechea, durante a rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Comisión de Cultura e Educación celebrada hoxe, insistiu en que se debe voltar ao antigo sistema de gratuidade e propiedade colectiva dos libros, tanto pola súa vantaxe económica como polas virtudes pedagóxicas que aporta.

O concelleiro recoñeceu que o debate segue aberto e se trata dun tema sen resolver, advertindo que, de feito, será próximo “cabalo de batalla” nas vindeiras eleccións galegas, “e non porque sexa un capricho político senón porque é unha demanda que conta co aval de toda a comunidade educativa”.

Basterrechea amosou máis unha vez o seu respaldo ás Anpas, que están a ver cómo a Xunta quer cargar sobre elas un traballo e unha responsabilidade que non lles corresponde. “Un traballo que ten que asumir a administración -dixo- que ten que deixar de castigar ao ensino nas súas políticas de recortes e dotar do persoal funcionarial necesario este ámbito, para deixar así de derivar cuestións a uns profesionais que xa están desbordados asumindo tarefas que non lles corresponden”.

Sobre o próximo comezo do curso, o concelleiro informou sobre o estado dos concursos para a contratación de comedores e de actividades extraescolares, que xa están o suficientemente avanzados para poder garantir que o servizo comece sen ningún tipo de incidencia o primeiro día do curso, o día 12, no caso dos comedores, e o 3 de outubro no caso das actividades.

Asemade, asegurou que se manterá e mellorará o programa de actividades complementarias Artellando, posto en marcha o pasado ano, así como outro tipo de iniciativas, algunhas que aínda se están perfilando e outras como “Coñecendo o Universo”, en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural, dado o éxito que tivo. Neste caso concreto, renovarase o convenio cun importe de 3.600 euros, explicou.

Finalmente, Basterrechea anunciou que se manterá unha xuntanza a primeiros de setembro con directores dos centros e un Consello Escolar Municipal antes de comezar o curso.

No que atinxe á Cultura, o concelleiro salientou, entre o tratado na comisión, a avaliación das 23 solicitudes que finalmente se beneficiarán dos 55.000 euros destinados ao asociacionismo.

O concelleiro adiantou que se acordou traballar nun novo sistema para o reparto destes cartos, un sistema que coas mesmas garantías legais resulte máis áxil e permita chegar a máis entidades, “dada a importancia que ten o asociacionismo cultural na cidade, o importante papel que xoga e o amplo que é este tecido en Ferrol”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s