Son obra de 80 alumnos de centros de Secundaria de sete centros de Ferrol, Narón, Neda, Fene, As Pontes e Ortigueira
O gañador dos premios darase a coñecer este venres as 17:30 en FIMO, onde están expostos os proxectos nunha feira empresarial aberta ao pública, que poderá votar polo seu proxecto favorito
Fomentar e promover o espírito empresarial, a innovación e o progreso, e contribuír ao desenvolvemento social e económico de Ferrolterra, Eume e Ortegal é o obxectivo que persegue Ferrolterra Emprende Xove, un certame impulsado por AJE (Asociación de Xoves Empresarios), co apoio do Concello de Ferrol, a través da Concellería de Emprego e Promoción Económico.
Así o manifestaron esta mañá en rolda de prensa no Concello o concelleiro, Álvaro Montes, e o presidente de AJE, Luis González Rey, na presentación do acto central de Ferrolterra Emprende Xove, o minimercado ou feira empresarial, que se vai desenvolver este venres 28, a partires das 17:30 horas en FIMO, nun acto aberto ao público xeral que poderá ver in situ os proxectos e coñecer os pormenores da man dos seus noviños impulsores.
Nesta edición participaron sete centros de Ensino Secundario da comarca (IES e CPR), en total, 80 alumnos de 4º da ESO con 18 proxectos tan diversos como orixinais. A competición ten como obxectivo recoñecer a iniciativa, a innovación, o emprendemento, talento e creatividade de desenvolvemento empresarial, promovendo a cultura innovadora e recoñecemento dos esforzos para desenvolver e crear proxectos de empresas sostibles.
Os aspirantes ao premio Ferrolterra Emprende Xove 2017, dotado con 1.500 euros repartidos entre seis vales, son alumnos dos centros IES Fernando Esquío (Neda), con 3 proxectos; IES Concepción Arenal (Ferrol), 3 proxectos; IES Sofía Casanova (Ferrol), 2 proxectos; CPR Ayala (Narón), 2 proxectos; IES Castro da Uz (As Pontes), 3 proxectos; CPI A Xunqueira (Fene), 2 proxectos; IES Ortigueira, 3 proxectos.
Haberá un premio principal (500 euros), un premio do público (200 euros) e outros catro para distinguir a aposta pola innovación, a internacionalización, o traballo comercial e o mellor proxecto en redes sociais -con 200 euros cada un.
1.- Premio ó Mellor Proxecto ou IDEA emprendedora (vale de 500 €).
2.- Accésit á Innovación (vale de 200 €).
3.- Accésit á Internacionalización (vale de 200 €).
4.- Accésit ó mellor proxecto de RSE (vale de 200 €).
5.- Accésit ó mellor comercial (vale de 200 €).
6.- Accésit ó proxecto máis votado polo público (vale de 200 €).