Ferrovial renovou o contrato co Sergas por un millón de euros máis, pero empeorou as condicións dos traballadores e traballadoras.
As deputadas de En Marea Eva Solla e Paula Quinteiro, acompañadas do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez e os concelleiros de Emprego e Benestar Social, Álvaro Montes e Saínza Ruíz, mantiveron unha reunión esta tarde con representantes do comité de empresa de Ferrovial (antiga Ferroser), adxudicataria do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).
Durante a xuntanza, os traballadores trasladaron o seu descontento perante a precarización das súas condicións de traballo malia verse incrementado o importe do contrato do SERGAS coa empresa nun millón de euros con respecto ao periodo anterior. Lonxe de repercutir este aumento na mellora da prestación do servizo e en recuperar para os traballadores a perda salarial aplicada durante os anos de recortes, Ferrovial non cobre a maior parte das substitucións, a pesar de teren asignados o mesmo número de metros cadrados que figuraban nas plicas da anterior contrata.
As deputadas de En Marea Eva Solla e Paula Quinteiro comprometéronse a rexistrar no Parlamento de Galicia unha batería de preguntas ao Goberno Galego para que explique os criterios polos que Ferrovial se fixo con esta adxudicación, “mediante pregos que parecen deseñados a medida para incrementar os beneficios da empresa a costa de precarizar as condicións de traballo do seu persoal”.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, trasladou o apoio do goberno local e solidarizouse coa situación dos traballadores, que non descartan retomar as mobilizacións para defender os seus dereitos.