Ferrol festexa este venres o 125 aniversario do Teatro Jofre #Teatro #125Anos #Aniversario#CulturaFerrol

Será coa apertura dunha mostra no CTB que inclúe os planos orixinais da súa construción, butacas, atrezzo e outras curiosidades do espazo escénico de Ucha

O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, avanzou que está previsto expoñer os antigos telóns do Jofre na primeira quincena de setembro con visitas guiadas

O teatro Jofre cumpre 125 anos este venres, 19 de maio. Día da súa apertura un día como este no século pasado, concretamente no ano 1892 aínda que a idea de construílo comezou a xermolar moito antes.

Co gallo de esta data singular: o aniversario do teatro Jofre, o mais bonito de Galicia e un espazo escénico emblemático e de referencia para a cidade que mesmo conta coa firma do arquitecto modernista Rodolfo Ucha no barrio de A Magdalena, o Goberno de Ferrol, a través da concellería de Cultura, abre as portas dunha exposición única es específica centrada no teatro que incorpora elementos orixinais e únicos como os planos nos que se fundamentou a súa construción.

A exposición foi presentada este mediodía en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea. Abre as portas este venres 19, con gallo do aniversario, as 20:00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester. Malia que modesta, a mostra contén pezas propias (municipais) e prestadas (familia Ucha e outros) como os planos e as butacas orixinais do teatro, debuxos e apuntamento do arquitecto municipal, así como pezas de atrezzo e escénicas, e un pequeno resume da carteleira dalgúns espectáculos dos que acollía este teatro, que se estreaba en 1892 con ‘El alcalde de Zalamea’.

Un teatro que naceu có obxectivo de ser centro da vida cultural e social da cidade e que, pouco a pouco o foi conseguindo. Nel puidemos, e podemos, desfrutar de grandes obras teatrais e líricas, pero tamén de grandes estreas cinematográficas; descubrimos fermosas historias esquivando a censura e desfrutamos da mellor música ao vivo, en tódolos seus estilos. Tamén nel temos asistido a aniversarios artísticos, reunións sociais, políticas e sindicais”, rememoraba o concelleiro, que destacou, entre as súas obrigas, a posta en valor do extenso e excelso patrimonio cultural do Concello.

No tocante á exposición das antigas telas do Teatro Jofre, pezas únicas e de gran valor, mesmo en papel, que están a bo recaudo no CTB, o concelleiro anticipou que está previsto expoñelas na primeira quincena de setembro, con todo o coidado para a súa conservación, xa que son elementos antigos e moi delicados, e que poderán visitarse no propio teatro con visitas guiadas.

Achegamos unha breve cronoloxía dos 125 anos do Teatro Jofre

1848: O Cabildo do Santo Hospital de Caridade solicita ao xefe político da provincia a constitución dunha sociedade para a construción dun teatro.

1862: Fórmase arredor de Vicente Reguera Quiroga a Empresa construtora dun teatro en Ferrol. Créase unha comisión e solicítase ao Arquitecto Provincial, Faustino Domínguez, un proxecto para o edificio.

1864: A Marina cede o terreo denominado Huerta del Comandante.

1871: O Concello cede a outra parte do terreo que ocupará o teatro e encárgaselle outro proxecto máis tanxible a Faustino Dominguez Dominguez, que se descarta de novo polo seu custo.

1872: O día 1 de xaneiro colócase a primeira pedra do teatro, que seguirá os planos do arquitecto municipal Marcelino Sors. Acoden o alcalde, autoridades civís, militares e representantes do Cabildo do Hospital de Caridade entre outros.

1874: Suspéndese as obras por problemas económicos.

1878: Con data de 8 de setembro, o presidente da Xunta de Construción solicita ao Concello os fondos anuais para continuar as obras do teatro.

1879: Faise cargo da obras o Arquitecto Municipal, Patricio de Bolumburu, que segue os planos de Sors Martínez. Só estará un ano como director de obra, xa que no 1880 renuncia á súa praza para irse a Oviedo.

1884: O 30 de abril constitúese a Empresa constructora de un teatro en la ciudad de Ferrol.

Manuel Riva de Soto será o novo mestre de obras. Nesta etapa constrúense os alzados interiores, exteriores e a cuberta.

1889: O 1 de xullo, Joaquín Jofre Maristany, un emigrante ferrolán en Buenos Aires, subscribe a compra de 100 accións de 500 pesetas e comprométese a prestar 125000 pesetas, a devolver sen intereses, para rematar as obras do teatro. Como parte do trato desfrutará dun palco a perpetuidade e o teatro levará o seu nome.

1890: Jorge Bussato e Fontana di Cento son os escenógrafos escollidos para realizar a decoración do teatro, así como 12 decorados e un fresco no teito.

Edigio Piccoli, será o encargado do deseño e construción da maquinaria teatral e das estruturas mecánicas que permitían a elevación do piso da platea ata a altura do escenario.

1892: O 4 de abril apróbase o Regulamento da Sociedade Anónima Teatro Jofre.

O 19 de maio de 1892 ábrense as portas do Teatro Jofre coa compañía de Antonio Vico para interpretar El alcalde de Zalamea.

1901: A finais deste ano, o Teatro Jofre estrea alumeado eléctrico.

1908: O 14 de decembro teñen lugar, alternando có programa de variedades, as primeiras proxeccións cinematográficas no Teatro Jofre.

1910: A Xunta Xeral decide disolver a sociedade anónima que xestionaba o Teatro Jofre debido aos problemas económicos. O Hospital de Caridade vese obrigado a comprar o edificio ao non haber interesados.

1919: A Empresa Fraga, con Isaac Fraga como cabeza visible, compra o Teatro Jofre á Xunta de Goberno do Hospital de Caridade por 217500 pesetas.

1920: Rodolfo Ucha realiza un proxecto de fachada para o Teatro Jofre, deseña tamén a praza que se atopa diante do teatro e que realizará o Concello.

1936: Ucha realiza un novo proxecto para a praza situada ante o teatro.

1944: Pedro Castro Carnero abre novos camerinos no corpo adosado ao lombo do teatro.

1947: Arturo Fraga realiza unha reestruturación do patio de butacas e os vestíbulos para optimizar o espazo como cine.

1963: Desaparece a praza situada ante o teatro para mellorar o tráfico rodado da cidade.

1994: O Teatro Jofre pasa a ser de titularidade municipal, coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.

2000: Ten lugar no Teatro Jofre a rodaxe da película Divertimento, protagonizada por Federico Luppi e Paco Rabal.

2001-2005: Rehabilitación do Teatro Jofre, que se realiza a cargo do Estado e o Concello.

No ano 2004 ten lugar o pasamento do arquitecto Rafael Baltar, director da rehabilitación, que continúa có seu proxecto.

2005: O 1 de decembro ten lugar a inauguración do teatro rehabilitado coa actuación da Orquesta Sinfónica de Galicia.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s