FeC presentará no pleno do vindeiro xoves unha moción para impulsar un acordo nacional para o Monte Galego #NuncaMáisLumes

Esta mañá en rolda de prensa o voceiro do grupo municipal de FeC anunciou en rolda de prensa a presentación por parte de FeC ao pleno do Concello de Ferrol deste vindeiro xoves dunha moción para instar ao goberno galego para que impulse un acordo nacional para o Monte Galego.

Así na devandita moción quedan recollidas as seguintes cuestións:

Que a Xunta de Galicia impulse un ‘Acordo nacional para o monte galego’ que permita superar a situación actual de desastre ambiental e social. Un novo pacto que implique unha nova política forestal que, partindo de análises pluridisciplinares, achegue solucións a longo prazo e para as próximas décadas. Este acordo nacional recollería, como mínimo, as seguintes cuestións:

a) A implicación de todos os sectores e axentes implicados acadando un consenso de base social con propietarios, produtores, movementos sociais, grupos políticos e sindicais, e trasladar o mesmo ao sector industrial implicado. O obxectivo ten que ser reverter a tendencia do gasto público, destinando máis esforzo á reestructuración do sector primario, o cal revertirá nuns menores custos en prevención e extinción.

b) Un novo modelo de xestión e aproveitamento do monte galego que recoñeza e protexa as súas funcións ecosistémicas e sociais, que sexa partillado e corresponsibilizado por todos os axentes e con fortes doses de innovación social, así como a profesionalización das tarefas silvícolas e o emprego dos mellores avances científicos.

c) Un dispositivo único e público de loita contra os incendios que progresivamente implique a eliminación de todas as contratacións de persoal alleas a este servizo público e a publicación de Ofertas Públicas de Emprego que combatan a precariedade laboral actual de grande parte destes traballadores.

d) Unha planificación transversal que implique tamén unha política agraria e gandeira que sexa o instrumento necesario para unha promoción da agricultura e a gandería asentadas no territorio. Así como de medidas que favorezan a implantación no ámbito rural de pequenas industrias de transformación e servizos vinculados ao sector primario e ambientalmente sustentables.

e) O impulso de prácticas “naturalizadoras”, que teñan en conta a fauna e flora autóctonas e a complexidade dos ecosistemas, fomentando o cultivo daquelas especies arbóreas caducifolias, propias do país, que polas súas características favorecen a retención de auga no ecosistema e un menor desenvolvemento da matogueira.

f) Moratoria inmediata para a plantación de eucalipto e posterior fixación dun límite para a ocupación do territorio por monocultivos de especies pirofitas (eucalipto, piñeiros, …), atendendo especialmente ao efecto que a mudanza climática pode ter no sur e centro do país. Eliminación inmediata do eucalipto nos espazos protexidos.

g) Políticas de educación ambiental e valoración do rural e do monte como un elemento enriquecedor e singularizador da sociedade galega.

h) Derogación ou adaptación de toda a lexislación que prime o aproveitamento industrial do monte fronte os usos tradicionais e comunitarios.

i) Impulsar unha Lei de Prevención dos Lumes que protexa de xeito efectivo aos nosos montes tanto no eido da prevención a través de accións pro activas nese campo especialmente na limpeza dos montes e na habilitación de cortafogos, así como a mellora da condicións laborais das equipas de extinción de incendios forestais profesionalizadas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s