O Concello de Ferrol apoia o dereito a participar na Folga Internacional de mulleres deste vindeiro marzo na súa Declaración Institucional do #8deMarzo #Igualdade #NonViolenciaMachista#NósParamos

No pasado pleno ordinario de 22 de febreiro de 2018, tivo lugar a aprobación da Declaración Institucional polo día 8 de marzo na que entre outro acordos e como xeito de manifestar o seu compromiso coas loitas das mulleres en favor dunha sociedade máis xusta, libre e igualitaria o queda aprobado o apoio do Concello de Ferrol ao dereito a participar na convocatoria de folga internacional de mulleres prevista para o 8 de marzo de 2018. Folga que se desenvolverá no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias.

Esta declaración foi apoiada cos votos favorables do PSOE- PsdG, o BNG, a abstención de C´s e o voto en contra do PP, amosando de novo a súa despreocupación pola loita pola igualdade e en defensa dos dereitos das mulleres, nunha sociedade na que o sistema sexo – xénero patriarcal marca desigualdades diaras no acceso aos recursos e nas oportunidades.

De seguido o texto íntegro da Declaración Institucional polo día 8 de marzo:

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL.

8 DE MARZO DE 2018.

O día Internacional da Muller conmemora a loita da muller pola súa participación a prol da igualdade cos homes, na sociedade, no seu desenvolvemento íntegro como persoas.

A primeira convocatoria tivo lugar en 1911 en Alemania, Austria, Dinamarca e Suíza estendéndose a súa conmemoración a numerosos países.

As mulleres somos unha parte esencial na que todas, día a día, somos conquistadoras de dereitos e liberdades. Unha sociedade que queda moito por avanzar, para erradicar o machismo individual que segue a reproducir unha estrutura social desigual.

O mundo laboral está en transformación, con implicacións significativas para as mulleres . Por unha banda, a globalización e a revolución dixital e tecnolóxica crean novas oportunidades, por outra a crecente informalidade no traballo, a inestabilidade nas fontes de ingresos, novas políticas fiscais e comerciais e o impacto ambiental exercen un papel decisivo no empoderamento económico das mulleres.

Segundo Nacións Unidas e o Foro Económico Mundial, as mulleres gañan no mundo un 24% menos que os homes polo mesmo traballo, ademais que o índice de desemprego é superior. Cifras mundiais que reflicten unha realidade, a desigualdade de xénero que na súa maior expresión se manifesta a través da lacra de violencia machista.

En Galicia a fenda salarial entre mulleres e homes sitúase nun 22,1%, onde ademais a maioría de mulleres con emprego sitúanse nos tramos salariais máis baixos. Os últimos datos así nolo presentan, o 36,34% das mulleres asalariadas teñen ingresos iguais ou inferiores do salario mínimo interprofesional. É a chamada pobreza salarial, mulleres pobres con emprego.

Falta moito por avanzar. Avanzar cara a un novo pensamento cidadán impregnado de perspectiva de xénero. Unha conciencia de xénero que poda reflectirse na linguaxe, nas costumes, as relixións, a publicidade, os medios de comunicación, a cultura e todos os ámbitos sociais.

Este ano as mulleres estamos convocadas a secundar a folga feminista do 8 de marzo que pretende ser unha chamada de atención, dende o ámbito local máis próximo ao internacional, sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.

A convocatoria do 8 de marzo aspira a ser transversal para mudar, dende o cotiá, o sistema articulado baixo as ordes do patriarcado, do capitalismo, do racismo, da emigración e da depredación ambiental. Por estes motivos, esta folga pretende incidir no ámbito laboral, de coidados, estudantil e de consumo.

A igualdade non é cuestión dun día, nin dun mes, nin dunha actuación concreta , nin sequera dun goberno. É un compromiso inescusable e ineludible de toda a cidadanía.

O concello de Ferrol quere manifestar o seu compromiso coas loitas das mulleres en favor dunha sociedade mais xusta, libre e igualitaria.

Por iso:

  • Reafirmamos o noso compromiso cos dereitos humanos e en consecuencia, cos dereitos das mulleres como piar básico para a igualdade real de oportunidades.

  • Insistimos na necesidade de que continúen implantándose políticas encamiñadas a fomentar o emprego e o empoderamento feminino, máis e mellor educación para a igualdade de oportunidades, maior incorporación das mulleres na sociedade da información e máis apoio ás mulleres que viven no medio rural.

  • O Concello de Ferrol apoiará o dereito a participar na convocatoria de folga internacional de mulleres prevista para o 8 de marzo de 2018 no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias.

  • O Concello de Ferrol procurará a participación, a través dos seus representantes, nas manifestacións, concentracións, actividades e actos que convoquen as asociacións de mulleres no 8 de marzo.

  • Enarborar a bandeira feminista no Concello como símbolo de apoio á loita pola igualdade das mulleres.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s