Documento conclusións segunda xuntanza Mesa de Confluencia

 

  • 0. Introdución:A hora da corresponsabilidade
    A Mesa da confluencia debe ser unha mesa da corresponsabilidade, chegamos a ela porque partillamos un diagnóstico sobre a situación de degradación do espazo da unidade popular.

    Agora sería o tempo de saber se existe a posibilidade de relanzar En Marea como ferramenta para asentar as bases dunha unidade popular máis forte, con renovada capacidade de aglutinar vontades, e con vocación de que todas as partes se corresponsabilicen.

    0.1 A proposta de Compostela Aberta
    Partindo da lóxica da cooperación entre as partes e desbotando as dinámicas competitivas de confrontación interna Compostela Aberta fai dúas propostas:
  • Constituír un espazo de traballo conxunto para as organizacións e mareas.
  • Renovar e relanzar o Consello das Mareas como órgano de dirección política.
  • Ese espazo de traballo conxunto é a chamada ‘Mesa da confluencia’ constituída como espazo de comunicación entre as organizacións políticas e mareas para resolver diferencias procurando a corresponsabilidade das partes na construción do espazo político en común.
  • Renovar o Consello das Mareas para continuar co desenvolvemento de En Marea, garantindo a igualdade de todas as persoas participantes a través da súa adscrición individual.

    Obxectivo: desenvolver un espazo organizativo de coordinación, que constrúa un programa político común e marque a estratexia para o conxunto do espazo de unidade popular galego.

    0.2 Resumo das reunións bilaterais
    Seguindo o mandato asembleario recollido no documento “Proposta de Compostela Aberta para relanzar o espazo político galego da unidade popular”, a coordinadora de Compostela Aberta realizou unha rolda de conversas bilaterais con Esquerda Unida, Podemos, Anova, Ferrol en Común e En Marea.

    En liñas xerais o diagnóstico de Compostela Aberta é partillado no relacionado coa degradación do espazo, aínda que se mantén a validez de En Marea como ferramenta e espazo de articulación do suxeito galego da unidade popular.
    Tamén é un lugar común maioritario que o actual deseño de En Marea non é valido tal e como existe agora, mais que si podería valer no caso de que se plantexen axustes ou mudanzas.
    A coordinadora de En Marea abriu a posibilidade de adianto da renovación do Consello das Mareas, aínda que non participará da Mesa na procura da corresponsabilidade.
    1. Puntos en común
    Partindo da lóxica da cooperación entre as partes e desbotando as dinámicas competitivas de confrontación constituíse a ‘Mesa para a Confluencia’ como un espazo de comunicación no que participan as organizacións políticas e candidaturas locais da unidade popular.

    Este espazo de traballo conxunto constitúese para resolver diferencias e para procurar a corresponsabilidade das partes na construción dun espazo político galego en común.

    Orixinariamente na ‘Mesa’ participan Anova, Esquerda Unida, Podemos, Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica. Esta composición fica aberta a novas incorporacións dos axentes que soliciten e após a aprobación por consenso dos participantes actuais.

    Na reunión constituínte do 31 de xullo abordáronse os puntos en común dos que partimos para relanzar En Marea como ferramenta para asentar as bases dunha unidade popular máis forte e con renovada capacidade de aglutinar vontades.

    1.1 A necesidade da unidade popular
    Partindo das experiencias políticas acumuladas e tendo como modelo para a confluencia as candidaturas municipais que mostraron o camiño no 2015 a unidade popular tense mostrado como unha ferramenta, ao servizo da cidadanía, moi efectiva.

    Neste sentido, para relanzar o proxecto e potencialo, consideramos necesario resaltar as seguintes cuestións:

  • A necesidade da defensa do municipalismo e das candidaturas da unidade popular xa asentadas e nas que se recoñece o espazo.
  • Estas candidaturas municipais son un exemplo de como se pode conformar a confluencia, e nos seus modelos debería recoñecerse En Marea.
  • A unidade popular ten que recoñecer os elementos e organizacións que a conforman e, partindo diso, reforzar o conxunto e as partes.
  • O recoñecemento das diferentes identidades políticas debe vir acompañado da recuperación da pluralidade da confluencia
    Unidade non significa uniformidade, non son sinónimos; a pluralidade interna enriquece e torna máis forte un proxecto político que ten vocación de ser hexemónico.
  • Para todo o anterior, é necesario que as partes se corresponsabilicen na construción do espazo e na defensa destes principios.
    1.2 O suxeito político galego
    O recoñecemento dun suxeito político galego significa entender que a unidade popular operará en consecuencia con este principio no plano organizativo e político. A construción deste suxeito nacional galego significa un encadramento natural que, dende a súa propia soberanía pode procurar complicidades noutros ámbitos de actuación como é o estatal, por exemplo. Neste sentido, para relanzar o proxecto e potencialo, consideramos necesario resaltar as seguintes cuestións:
  • É imprescindible reforzar o suxeito político galego a partir da definición duns obxectivos comúns que sumen e multipliquen.
  • Estes obxectivos teñen que traducirse nun programa político transformador, que sexa alternativa ás políticas neoliberais.
  • Compre diferenciar entre o formato legal do suxeito e a articulación orgánica do espazo da unidade popular, que non sempre teñen que coincidir.
  • A articulación orgánica do espazo non pode traducirse na construción dun partido vertical de corte clásico; compre formulas innovadoras e horizontais.
    2. A validez de En Marea
    A pluralidade, a diversidade e a capacidade de mestizaxe son os sinais de identidade da unidade popular e non se pode renunciar a elas. En Marea terá validez sempre que se respecten estes principios. Nos municipios onde fomos capaces de construír ferramentas que aceptaron este feito con naturalidade, constituíndo forzas abertas pero compactas, estase a demostrar que outra forma de gobernar a prol da cidadanía é posible.

    Este principio de respecto á diversidade e representación da pluralidade ten que ser aceptado con normalidade na consolidación do suxeito político galego que debe ser En Marea. Na segunda reunión da mesa para a confluencia, do 9 de agosto, abordase o ‘para que?’ nos debe valer En Marea e o ‘como?’ renovar o Consello das Mareas para relanzar o proxecto común

    2.1 Unha ferramenta para a unidade popular
    En Marea vai ter validez se funciona como ferramenta para a unidade popular e consegue representar ao conxunto e as partes. Neste sentido, a unidade popular necesita falar e reflexionar sobre a confluencia, sobre si mesma, necesita voltar a vista atrás, recoñecerse nos acertos e revisar os erros:

    É importante lembrar o éxito acadado nas experiencias municipais e a posterior onda de entusiasmo colectivo que arrastrou a En Marea a obter os históricos resultados acadados nas xerais de 2015 e 2016.
    Do mesmo xeito non podemos obviar como as divisións, pelexas e discrepancias públicas están a minar o proxecto, coa consecuente baixa nas expectativas electorais que se auguran nas enquisas.
    Necesitamos fuxir da tradicional división das forzas da esquerda galega. A construción da unidade popular é unha tarefa común na que temos a obriga de participar todas as que queremos unha mudanza real en Galicia, unha mudanza que xa é visible nos municipios nos que se goberna.

    Forzas políticas, colectivos sociais ou persoas individuais, todas somos imprescindibles para poder construír esta ferramenta. Durante as campañas do 2015 e 2016 repetimos unha e millar de veces que “a suma multiplica”, esa heteroxeneidade que foi a nosa maior forza non pode converterse nunha debilidade, por causa de non ser capaces de saber xestionar esa riqueza que supón a suma de tradicións políticas tan dispares.

    Para que a ferramenta sexa valida hai que reverter a deriva destrutiva, deixar de resaltar as diferenzas e colocar o foco en todo o que nos une, en todos os proxectos comúns, en todas esas ideas de país que partillamos e que só poderán materializarse se, outra vez, somos quen de confluír, cooperar e construír dentro dun proxecto común, amplo e aberto de unidade popular.

    2.2 A renovación do Consello das Mareas
    Estatutariamente a renovación do Consello das Mareas tería que realizarse a finais de xaneiro do 2019, a só catro meses dunhas eleccións municipais que se mostran como claves para o futuro da unidade popular en Galicia. Esta proximidade temporal non semella o máis axeitado, visto desde a perspectiva municipal, xa que nese momento os esforzos terán que estar centrados na construción das candidaturas e alternativas programáticas locais.

    Ademais, e por todo o explicado nos puntos anteriores, podemos afirmar que o mandato do actual Consello está esgotado politicamente e que a súa renovación, canto antes, é o único camiño que nos pode achegar a un relanzamento de En Marea. Neste sentido, se finalmente o Consello das Mareas non activase a súa renovación de xeito inmediato, existirían motivos suficientes para procurar outras vías como as do revogatorio.

    Sexa pola vía do adianto, sexa pola vía revogatoria, existen varias cuestións para abordar o proceso coas irrenunciables garantías democráticas:
  • Que a proposta de regulamento que rexa a renovación do Consello sexa clara e non dea lugar a interpretacións confusas.
  • Que se clarifique a validez e vixencia do actual censo de En Marea e se está adaptado á normativa vixente ou non.

Que se facilite a inscrición daquelas persoas que participan do espazo político da unidade popular galega.
Cómpre sermos totalmente esixentes en que se cumpran todas as garantías democráticas para abordar o proceso e que este se realice canto antes.

Activándose xa o proceso conseguiremos distanciar esta renovación dos procesos municipais e colocar nun segundo plano as cuestións orgánicas relacionadas con En Marea.

As organizacións participantes da Mesa da Confluencia comprométense a fomentar a participación nas eleccións para a renovación do Consello das Mareas e a esixir e, no seu caso, activar as vías para que isto suceda canto antes. Para iso presentan este documento elaborado nas sesións de traballo da Mesa para a Confluencia polas persoas delegadas, que participaron nas reunións, pertencentes ás seguintes organizacións:

Compostela Aberta
Ferrol en Común
Marea Atlántica
Anova – Irmandade Nacionalista
Esquerda Unida
Podemos – Galicia

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s