No día de hoxe, no que temos unha estrela máis no ceo, gustaríanos compartir as palabras de Jorge Suárez para lembrar a Fernando Miramontes, un referente da loita obreira, un exemplo de persoa íntegra e xenerosa e un dos nosos camaradas.

Nos tempos da meritocracia, da competitividade salvaxe por todos os camiños da vida, por acadar a gloria rápida e fugaz coa afección colectiva polo síndrome de Eróstatro, sobrevóanos hoxe o gavilán, que non se foi nin se irá mentres permaneza na nosa memoria e que en cada xesto e palabra tiña unha lección de vida. Canto queda por aprender del.

Comecei na política tardiamente, impulsado por certa tradición familiar e derivado da actividade sindical. Coa ilusión inocente de dende a comunidade mellorar a comunidade, de procurar o ben común, de tantas elevadas palabras que non tiñan máis sentido que mellorar as condicións obxectivas da vida da xente, coincidín cun grupo de persoas magníficas, camaradas de organización e fóra dela, e que, nunha mestizaxe fantástica, logramos, dende a esquerda, por primeira vez, ter o goberno da cidade.

Sempre de fondo, sempre citado, sempre guía para todos, Fernando era referencia. Qué pasa, chaval. Hei, chaval. Moito se pasan contigo, chaval. Esa coletilla era a entrada que daba pé a conversacións para saborear, cada palabra era un sorbo de realidade con maiúsculas, unha pausa no frenético mundo de expedientes, urxencias, titulares estridentes. Pousaba os pés dese bule bule para poñer o foco nos nosos obxectivos, moito máis simples pero efectivos que a loita cainita a que nos ten acostumada esta cidade. O obxectivo era a redistribución da riqueza, a calma revolucionaria para utilizar o goberno como ferramenta, sinxela pero útil, para a xustiza social, o emprego, a participación, o benestar.

Hoxe penso no que puidemos facer, no que puidemos ter feito, en canto nos faltou para chegar a súa altura, a de Sari Alabau, Fina Amor, Fina Piñón,… toda esa xeración que dende os últimos coletazos do franquismo e unha transición inxustamente cuestionada, plagada de sufrimento e tortura, souberon deixar atrás o rancor para traballar con humildade, paciencia e revolución, termos para nada incompatibles, en pro. Penso en canta xente válida queda atrás polas nosas individualidades e non ter a ollada colectiva desa xeración.

Fernando, o escaiolista, o futbolero, o ávido lector, o xogador de dominó, o conversador, o gavilán que dende a altura miraba a cidade como microcosmos, que entendía a cidade como as persoas que a habitan, o mellor concelleiro da historia da democracia era, para nós, é e será, sinónimo de bonhomía, o espello onde toda a esquerda debera mirarse, xeneroso, comprensivo e ante todo coherente coa súa ideoloxía. Foi nas últimas listas de Ferrol en Común, un orgullo pata todos e todas nós. Despedímoste coa lei que marca a vida que remata na morte, pero a alegría que habitaba na túa mente e nos teus actos, e a estela prateada da luz do teu faro sobre o mar da esquerda ferrolá quedará en nós por sempre.

Jorge Suárez Fernández