Ferrol en Común fai un chamamento á folga do 10M

Dende 1972, o 10 de marzo está presente na loita da clase obreira. Naquela data, aínda en anos da opresión franquista, os traballadores e traballadoras de Bazán saíron a rúa para protestar polas súas condicións laborais e foron vítimas da represión da ditadura sesgando a vida de Amador e Daniel. Non esquecemos nin os dramáticos feitos, nin a valente loita obreira que se levou a cabo e que hoxe marca o noso camiño para reivindicar un futuro para a nosa comarca.

A situación na que nos atopamos é grave. Miles de persoas encóntranse entre a precariedade laboral, o desemprego e a incertidume de se engrosarán as listas do paro, aumentando dun xeito descontrolado nos últimos meses cos recentes peches de grandes empresas da contorna.

A comarca leva anos malvivindo con investimentos mínimos por parte do Estado, que demostra unha total falta de interese por sacar a flote a Ferrol, Eume e Ortegal. O sector naval é o motor do noso territorio e del dependen miles de postos de traballo tanto directos, coma sobre todo indirectos, polo que é necesario que o goberno do estado mire cara o norte e sexa consciente da realidade que se está a vivir en Ferrolterra.

Sabemos que hai opcións, sabemos que hai oportunidades, pero é preciso que se dote á nosa comarca dun plan real, con obxectivos a longo prazo e investimentos consignados para desenvolver unha industria que podería converternos nunha referencia dentro do noso país.

O espírito da clase obreira segue vivo e este 10M sairemos a rúa porque sobran os motivos para loitar pola nosa comarca, polo seu futuro, polo dereito da mocidade a desenvolver a súa vida cun emprego digno na súa cidade, polo traballo de calidade, porque existen opcións que poden devolver á luz a nosa comarca e por iso temos que ser escoitados.

Dende Ferrol en Común, apoiamos a folga convocada para o 10 de marzo e participaremos na manifestación que sairá da rotonda da Avda. Nicasio Perez coa Trincheira ás 12 horas, gardando todas as recomendacións sanitarias para garantir a seguridade en todo momento.

FeC fai un chamamento a toda a poboación da comarca para que secunden a folga e acudan á manifestación ao mesmo tempo que chama á responsabilidade. A crise que estamos a sufrir é cousa de todas e temos que loitar xuntas para reactivar o noso sector industrial cuns investimentos que impulsen o emprego na nosa comarca e en consecuencia o seu futuro.