Ferrol, 23 de abril de 2021

Ferrol en Común ven de manter unha xuntanza coa Asociación do Grupo Diversidade Funcional para abordar a multitude de barreiras que aínda están pendentes de actuación por parte do concello e os futuros proxectos que faría falla desenvolver para que a nosa cidade sexa totalmente inclusiva e accesible para todas as persoas.

Por elo, no pleno de abril imos presentar, de novo, unha moción pola accesibilidade, porque é un tema prioritario para nós e supón un dos puntos clave para avanzar cara un modelo de cidade de futuro, onde todos os cidadáns vivan en igualdade de condicións e sen barreiras que lles impidan desenvolver a súa vida con dignidade.

Dende FeC, amosámonos preocupados e decepcionados porque vemos que o goberno local non ten na mesma consideración que nós a accesibilidade, pois existe un baleiro absoluto en canto a este tipo de proxectos. En case 2 anos de mandato non se desenvolveu nin un só proxecto relativo á eliminación de barreiras nin á adaptación de ningún dos espazos que así o requiren para ser plenamente inclusivos.

Pola contra, grazas ao esforzo de entidades sociais de amplo percorrido na súa loita pola inclusión, coma son o Grupo de diversidade funcional ou ASCM, no 2014 iniciouse un camiño, que Ferrol en Común considerou prioritario dándolle impulso no seu mandato co desenvolvemento de 5 fases de peóns e case 1000 actuacións en prol da accesibilidade cun investimento de máis dun millón de euros. A última fase quedou aprobada no noso mandato en decembro do 2018, con 238 pasos de peóns e cunha dotación orzamentaria de 331.000 euros, quedando ao mesmo tempo freada pola inacción do goberno actual.

Así mesmo, durante o noso mandato, fíxose un traballo para mellorar a accesibilidade a centros educativos e deportivos, que incluía tanto o exterior coma o interior dos pavillóns de A Malata, Ensanche, Esteiro e Caranza, realizado coa implicación de ASCM, Grupo de diversidade funcional, centros educativos, Policía Local… en aras da participación. Proxectos que quedaron redactados para a súa progresiva execución por fases, pero que quedaron nun caixón cando o goberno de Angel Mato chegou ao Pazo Municipal, polo que pedimos recuperalos e executalos mediante a moción presentada.

Dende Ferrol en Común estamos orgullosos de ter investido os recursos públicos nestas accións e proxectos pero somos conscientes de que aínda queda moito por facer e non se conseguirá avanzar se temos gobernos que ralentizan a batalla pola inclusión. Por iso, é preciso que exista un compromiso por parte de todos os grupos políticos a investir unha parte do orzamento municipal en proxectos de inclusión, tal e coma solicitamos nun dos puntos da moción.

En definitiva, con esta moción Ferrol en Común quere instar ao goberno a recuperar a senda da accesibilidade, unha senda que permitirá avanzar a nosa cidade sen deixar a ninguén atrás e para iso é preciso crear unha mesa coa participación de todos os grupos implicados e comprometidos neste eido, consignar o investimento necesario que faga posible desenvolver os proxectos de accesibilidade e a fixación de obxectivos e plans para traballar en prol dunha cidade sen barreiras.